Anti-feminismo darwinista
21 de maio de 2011 (00:00 h.)
Quixo a casualidade que, estando a ler o libro de Susan Faludi Reacción. La guerra no declarada contra la mujer moderna (cito pola tradución ao español que teño disponíbel), me cadrase ler, hai poucos días, unha entrevista con Pilar Albiac, no xornal El País. A obra de Faludi ten vinte anos e nela realiza unha contundente disección do movemento reaccionario que coñeceu a Norteamérica de Reagan e de Bush na década dos oitenta do século XX e comezos dos noventa, canto ao revival dunha moral victoriana, adaptada aos novos modos e modas do capitalismo global, e, dentro dela, da neocousificación das mulleres, con campañas directas -políticas e mediáticas, isto é, o anverso e o reverso da mesma moeda- dirixidas a meter as mulleres de novo na casa, a cantar as excelencias do rol de esposa, ama de casa e nai sen emprego fóra do fogar e, en definitiva, para retornar ao tradicionalismo máis rancio, con omisión dos dereitos adquiridos das mulleres en materia de igualdade social, laboral e salarial. A este propósito concorreron series televisivas, campañas publicitarias, pasarelas de moda, miles de artigos e portadas de prensa escrita, libros de auto-axuda, estatísticas de todo tipo, ditames supostamente científicos, investigacións universitarias...: todos eles ao servizo do mesmo obxectivo mencionado e co corolario seguinte: o grande mal que o feminismo causou ás mulleres; a súa caducidade irremediábel; a cancelación, por tanto, das súas demandas.
Pois ben, a entrevista coa alta executiva, Pilar Albiac, que me cadrou ler resulta ser a palmaria confirmación do diagnóstico de Faludi. Ela é apresentada como, de certo, a española que máis alto chegou na pirámide xerárquica das grandes multinacionais. É, segundo informan, a única muller que fai parte da alta dirección de Airbus / EADS, conglomerado empresarial que, entre outros artefactos, fabrica avións comerciais ou satélites espaciais. General Motors contaba con 915.000 traballadores cando ela se incorporou á compañía en 1981, en Zaragoza, a súa cidade natal. Dez anos despois, converteuse na primeira muller en dirixir unha fábrica de automóveis en EE UU e, como tal, recórdase como un "bicho raro". Asumir altas responsabilidades de dirección levouna, segundo confesa, a "matar su parte más humana, la emocional". Recoñece que se non se tivese comportado como un home, a súa carreira profisional remataría daquela. Admite que tivo que demostrar que valía tres veces máis do que un home para acadar a mesma consideración. Porén -e a despeito de todo o vivido- declara que nunca foi feminista e, aínda, que o movemento feminista "ha hecho mucho daño a la lucha de la mujer".
Ben sei que incorro en inxustiza manifesta ao utilizar o adxectivo derivado do apelido do autor d´ A evolución das especies co significado vulgar-mediático con que se designa a loita selvática con que, tantas veces, metaforizamos inxenuamente a dureza inclemente do sistema capitalista. Descúlpeseme en nome do uso e da brevidade. Refírome, claro está, a un dos grandes triunfos -e máis eficaces- deste sistema: conseguir que sexan as vítimas as que asuman libremente, cal se dunha escolla se tratar, os principios reitores -individualismo, competencia, progreso do máis forte, mito de que quen valer sempre chegará...- do sistema que precisa, para a súa mesma sobrevivencia, manter na subordinación a masa (masa de mulleres, masa de traballadoras-es, masa de marxinadas-os) e permitir a redención só duns cantos elementos dela, para así perpetuarse e demostrar a súa pertinencia como xusto regulador social: quen se adaptar, quen loitar con submisión ás regras, quen demostrar que é bon gladiador (no caso das mulleres, boa imitadora)... acadará o premio merecido. Pouco importa que o camiño estexa sementado de micromortes: a da vida persoal, a dos proprios sentimentos afogados, a da parte "máis humana", como confesaba a executiva mencionada, e, por suposto, que se mate calquer atisbo de preocupación ou de conmiseración polas súas conxéneres. Xa non comentemos o pagamento imprescindíbel, o tributo necesario, á programación do proprio sistema que a acolleu: a integral inversión da realidade, isto é, a culpabilización do feminismo, para maior sarcasmo, o pensamento e a praxe en virtude do cal, e grazas ao cal, ela puido chegar a ser o que é, na alta dirección empresarial multinacional. Mais, como fica dito, o tributo hai que o pagar sempre ao amo de quen se depende.
O próximo domingo, 22 de Maio de 2011, galegas e galegos estaremos chamadas-os máis unha vez ás urnas. O que aquí deixo escrito fágoo na intelixencia de que teña sentido, independentemente dos resultados -bons, regulares, maus- que obtivermos no e co BNG. Quixera que fose válido non en curto, senón como expresión dunha necesidade global dos galegos e, dentro deles, particularmente dos nacionalistas. Para expresalo, voume valer dunhas palabras que resumen ben a cuestión. Din así: "X [axiña aclararei de quen se trata] puxo en valor unha tradición, unha experiencia, un respaldo e unha necesidade vital para a cidadanía que o fan perviver para alén de momentos conxunturais". Palabras de Antonio Campos Romai, referidas ao seu partido, o PSOE, co que mantivo, e mantén, posicións abertamente críticas. Algo semellante coido que sería ben beneficioso, como ponto de partida e como desembocadura no voto, para tantos e tantas nacionalistas galegos, o cal non implica, en absoluto, carencia de crítica, pueril autocompracencia ou saudosismo de nengún tipo. Simplesmente, significará non perdermos de vista o valor do construído e a necesidade imperiosa de o continuarmos, non a base de sepultar os erros e as feridas, senón desvendándoos para os corrixirmos e para as curarmos. Porque todas e todos, nunha medida maior ou menor, somos necesarias-os. Un dos maiores males que nos pode consumir e roer é internalizarmos o autoodio tan característico do pior da nosa historia dominada e mancada.
Perguntaredes, perguntarán talvez os benévolos leitores-as deste artigo, que ten a ver o primeiro tema desenvolvido co segundo. Todo a ver, no meu xuízo. Tanto no triunfo canto na penalidade e fracaso, un dos indicadores máis claros do dominio consiste en interiorizar como proprios os principios e valores do dominante, sexa o masculinismo capitalista, sexa o pensamento que nos coloniza (como diría José Luis Sampedro) e afunde a nosa suposta inxénita inferioridade. A rebelión, é claro, comeza por cuestionarmos e negarmos a lóxica do opresor e por procurar -pola conta que nos ten- o que nos une na nosa condición de opresas-os: acentuarmos a afinidade principal e relegarmos os carácteres secundarios, en nome dun obxectivo de liberación común. Válido para a loita das mulleres. Válido para a patria galega que aspire a poder exteriorizarse plenamente como tal.