Antes mortos que escravos
26 de novembro de 2011 (23:00 h.)
Caben análises diversas ante o resultado electoral do 20/N. Ten cabida a dos historiadores?
Desde distintas escolas de historia temos aportacións crarificadoras do 20/N. A máis extensa, ponderada e próxima é a de Josep Fontana, "Por el bien del Imperio. Una historia del mundo desde 1945". Historiadores de carga sociolóxica como Amando Fernández Steinko, con tratados máis breves, poden tamén axudarnos. Así coa obra "Izquierda y Republicanismo, el salto a la refundación".
Fontana, nun volume de máis de mil páxinas, segue documentalmente a carreira da "dominación". Paso a paso até M. Tatcher e R. Reagan, que derrotaron o sindicalismo obreiro. Desde o franquismo á Transición, e nesta sempre baixo o control do "monetarismo". Así "os ricos perderon o medo".
Steinko escrebe: "O efecto la máis perdurábel do fatal antiestatismo dun sector da oposición foi o que facilitou a converxencia cos sectores moderados do tardofranquismo. Esta converxencia cristalizaría na formación dunha grande coalición monetarista que marca todo o período democrático ate 2009, cando, obrigado pola realidade da crise, o segundo goberno de Rodríguez Zapatero da mostra de querer romper parcialmente con ela substituíndo a Pedro Solbes" (un declarado monetarista). E prosegue:" A gran coalición monetarista que se configurara a finais dos anos setenta en España é unha anticipación de Maastricht, do triunfo do proxecto de integración neoliberal en toda a Europa comunitaria" (pp.167-168).
,J. Fontana, Eric Hobsbawm, entre outros, animan aos historiadores porque debemos abriren os ollos ante un proceso de suma perigosidade. Desde Galiza tal proxecto ten intres propios. A longa batalla de dominio dos "rendistas" sobre os traballadores; da renda sobre a o traballo, parecía que podía evitarse nos anos 1930. Foi a sublevación militar quen se opuxo. Logo o franquismo preparou despiadadamente o terreo á Transición. Destrozou a agricultura e enganounos cunha industrialización de enclave. Cando nos 60, desde emigración e desde a pesca, se forman as granxas familiares e os asteleiros industriais, de novo e baixo o pretexto da entrada no "Mercado común", segue a ruína agrícola, caen as granxas familiares e paran asteleiros no Ferrol e, agora en Vigo.
As armas dos sublevados e do sector amigo dos "azuis" foron a extirpación de dirixentes dos traballadores no 36, o "medo" introxectado pola violencia franquista, polas institucións de violencia moral e polos mass media á diario desde a mentira compulsiva da clase dominante.
Galiza é país europeo, de cultura europea sen os trazos españois afros, mais é tamén país por séculos de dominación do "medo". Esta carga psíquica aflora moi especialmente en tempo de crises. Forzado á emigración multitudinaria nos anos 1950-1980, debido a descomposición laboral da agricultura e da artesanía, cando, desde a emigración e a pesca se crean as granxas familiares e os estaleiros, é a Transición monetarista quen afoga as dúas creacións. Fan tal baixo o pretexto da esixencia da UE... e volta a intentos de configuración agroindustrial monetarista. E agora novo afogo de granxas industriais e asteleiros. E novo peregriñaxe de mozos cara os centros nodais do poder financeiro e posindustrial.
O sector "amigo dos azuis", ese complexo sector de dominación, utiliza todos os mecanismos para demonizaren á esquerda, á nación galega; e prometer paraísos no "bosco de xabarís e nas rías de planificadoras". A "renda vencedora esmaga o traballo"; a dominación amedrenta: nin fillos, nin traballo; os que naceron que emigren ou que se "subordinen" aos dominadores. Si, os ricos perderon o medo" á organización obreira, campesiña, estudantil, etc. E prometen, fan escravos... Por iso un número inmenso de galegos votaron seguridade: escravitude. Outros, como no Medulio, preferiron dar a batalla: uns a morreren, outros a liberárense.
Como non dar o parabén ás minorías que votaron vida, esquerda, nación? Si, son os heroes que se preparan para recuperar Ítaca. Nada hai máis danino que o medo . Aos medorentos só lles agasallan coa escravitude. Dar a batalla antes que seren escravos é liberación.