A Reforma Universitaria

Este é o texto da miña intervención durante a sentada e asemblea de estudantes organizada por Galiza Nova na Universidade de Vigo o día 8 de maio ante a folga estudantil convocada para o vindeiro día 10.
O Real Decreto-Lei 14/2012 do 20 de abril –mal chamado ‘de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo’, como se todo que non encaixase no pensamento único de dereitas fose ‘irracional’, sobre todo o investimento en educación e nos outros servizos básicos– hai que entendelo dentro do conxunto da sarta de reformas impostas unilateralmente polo actual goberno do Partido Popular, aproveitando o terreo previamente preparado polo P(SO)E, que conforman nada menos que un auténtico golpe de estado, mesmo se, como no caso da Alemaña do ano 1933, conten cunha maioría parlamentar, con 45% dos votos en 2011 e unha abstención de 30%.
E aínda que figurasen todas estas medidas no seu programa electoral, que tampouco é o caso, unha maioría parlamentar non exime o goberno de exercer a responsabilidade democrática de interlocución cos recoñecidos axentes sociais, nin, desde logo, lle outorga a lexitimidade para desmantelar o estado de benestar co fin de tranquilizar os escuros ‘mercados’, léase planificar o sector público a favor de intereses privados, para sacar o maior lucro co mínimo investimento posíbel, base mesma do sistema capitalista, mais neste caso planificando o privado nunha grotesca caricatura do socialismo ao revés.
Non nos enganemos. A mentira política da ‘austeridade’ non é un mero xeito de administrar mellor unha economía supostamente hipotecada por ‘gastar o que non había’ no estado de benestar, senón que corresponde a unha axenda ideolóxica clara. Non é que non haxa diñeiro, senón que, no canto de investir nos servizos públicos básicos para toda a sociedade, se prefire regalar diñeiro aos amigos poderosos da Igrexa (máis de 13 millóns ao mes, segundo o BOE) ou a banca (actual rescate de Bankia por un valor de 7,000 millóns), etc.
A golpe de decretazos unilaterais, o goberno borra os logros gañados a pulso polo pobo ao longo da historia recente, retrotraéndonos xa non á época da Ditadura, senón aos albores do século XX ou mesmo o século XIX. Avanza a ofensiva en todas as frontes á vez, pouco e pouco mais incansábel: no social (vodas entre persoas do mesmo sexo, dereito a abortar…), no laboral, na sanidade, nos dereitos civís (dereito de reunión e manifestación), na educación obrigatoria. E tamén no ámbito, como non pode ser menos, da educación superior, onde a velocidade do cambio é tan vertixinosa que nos outros ámbitos e onde, unha vez encetada, sobre todo na mentalidade da xente, vai ser moi difícil de inverter. Existen precedentes claros; por exemplo, o acceso á universidade era gratuíto no Reino Unido até o ano 1998, coa concesión case universal de bolsas de estudos. A partir de aí, non pararon de aumentar as taxas, desde as 1,000 libras daquela, até o tope máximo aplicado pola maioría dos centros hoxe de £9,000. Iso non fixo máis que comezar…
A reforma tamén marca outro paso máis cara á recentralización das competencias transferidas ás CCAA, planificando a educación universitaria en función xa non das necesidades dos diferentes partes e nacións do Estado, senón segundo as directrices que emanan de Madrid. Iso onde deixará, non só a propia filoloxía galega xa ameazada pola imposición dunha matrícula mínima de 40 persoas por curso –para o español sempre haberá cartos (132 millóns para o Instituto Cervantes en 2012)–, senón calquera investigación relacionada directamente coa Galiza e cos seus intereses nacionais particulares?
A suba das taxas é un dos aspectos máis salientábeis para a colectivo que representa o estudantado. O brutal incremento de máis de 50% a aplicar de xeito uniforme en todo o Estado (por ser unha medida recentralizadora) implica que, a respecto do nivel de vida, estudar na Galiza resulta moito máis caro que en Euskal Herria ou Catalunya... Por outra banda, para alén de implicar que bo número de estudantes tiveren que abandonar os seus estudos por razóns exclusivamente económicas, implicando unha perda de talento enorme para o país que levaría á creación de máis riqueza, tamén equipara o custo de estudar no sistema público co privado. Iso non implica, desde logo, unha mellora do sistema público, senón a súa elitización, ao denegar o acceso universal á educación a todos os niveis. Lembremos tamén que a suba afecta os másteres, obrigatorios de facto após a reforma de Boloña e a implantación dos graos carentes de especialización.
Afecta tamén, como non, o profesorado, ao aumentar o horario docente nun terzo, sen ter en conta os outros labores que se desempeña este colectivo central, desde a investigación até cada vez máis labores puramente administrativos, ao mesmo tempo que se impón unha conxelación salarial. Mais non só é unha cuestión de traballar máis para gañar menos. O goberno central tamén impón unha taxa de reposición de efectivos de 0% que impide a renovación do cadro de persoal. Todo iso redunda, ineludibelmente, nunha mingua substancial da calidade da docencia e tamén da investigación, motor da innovación que crea a auténtica riqueza necesaria para saír desta crise que tan ben serve o capitalismo e a vontade centralizadora da dereita máis reaccionaria.
,Aínda que non se diga de xeito explícito, a redución o financiamento pública das universidades tamén abre as portas a unha maioría participación por parte do sector privado, sempre baixo cobertura da relación entre o mercado e o saber. O mercado nunca é un socio desinteresado obrando polo ben da sociedade, senón sempre ollando polos seus propios beneficios. Cabe preguntarse, pois, como se vai garantir a liberdade académica de quen quixer estudar, ensinar ou investigar, por exemplo, no campo da agricultura dentro dun programa cuxo financiamento e a concesión de bolsas de estudos dependan de empresas multi e transnacionais como Monsanto ou Novartis. E até que punto iso afectará, a medio e longo prazo, á súa vez, o sector agrogandeiro galego?
O papel da universidade consiste en crear coñecemento e transferilo á sociedade, non só para facer avanzar o país no económico, senón tamén no social. Saber é poder! E iso é o que non quere o PP: o que quere un pobo dócil que non se rebele desde a súa ignorancia, inmersa nunha loita diaria simplemente para subsistir, onde o colectivo non importa, só o oportunismo individual. Valores antitéticos aos que agroman nas universidades públicas do País. E iso sábeo o goberno do PP.
Xa non chega con indignarse: hai que actuar! Por iso, chámovos a secundardes a folga estudantil deste xoves, día 10 de maio, convocada por Galiza Nova e Os Comités baixo a lema “O ensino é un dereito non un privilexio!”