A que se debe tanto interese en levarnos a Madrid?
Desde finais do pasado curso están a producirse na Galiza novas mobilizacións contra a política educativa do PP na Xunta, unha política caracterizada desde o seu inicio por atacar o noso idioma e todo o que supoña valorizar a existencia de Galiza como nación, centrándose nos últimos meses na degradación das condicións laborais do profesorado, na concesión de maiores recursos públicos ao ensino privado e nunha campaña mediática de desprestixio dos e das docentes.
A Xunta como administración coas competencias en materia educativa transferidas é a responsábel única da actual situación, sendo por tanto ela a única que pode variala, por iso as mobilizacións convocadas, e que son secundadas maioritariamente polo profesorado, tiveron claro desde o principio que se dirixían contra a Xunta e contra o Conselleiro de Educación.
,As organizacións de obediencia estatal desmárcanse agora convocándonos a unha marcha a Madrid o 22 de outubro co suposto obxectivo de converxer as loitas de todo o estado. A CIG-ENSINO decidiu non participar nesa mobilización, e non o fixo por ideoloxismo senón porque nin quere enganar ao profesorado, nin gasta cartuchos disparando ao ar, nin lle vai lavar a cara ao PSOE manifestándose contra Esperanza Aguirre.
Se hai que ir a Madrid, a Bruxelas ou a onde sexa na defensa dos nosos dereitos non temos problema en facelo, aínda que a algúns poida sorprenderlles o sindicalismo galego sabe andar polo mundo, é máis, visitamos a capital do estado o pasado mes de abril para protestar pola reforma laboral, o aumento da idade de xubilación e a rebaixa das pensións. Daquela fixémolo en Madrid por ter sido adoptadas polo goberno do estado esas medidas regresivas e ao rematar a mobilización fomos quen de voltar a Galiza sen perdernos. Curiosamente os que agora din de ir a Madrid non estiveron connosco en abril, xa sabemos que uns asinaron moitas desas medidas regresivas e outros mesturar ao profesorado co resto de traballadores e traballadoras non o consideran moderno.
Porque os sindicatos de obediencia estatal non fan propostas para aprofundar máis na loita na Galiza?, porque tanto interese en falar de grandes mobilizacións no conxunto do estado cando só son 6 das 17 CCAA as que están na rúa?, a que se debe tanto interese en levarnos a Madrid?, contra quen é a marcha a Madrid?
Unha vez máis e aínda que soe trasnoitado estamos no debate de si Galiza existe ou é só un apéndice na pel de touro, sendo este un debate ideolóxico fundamental.
O sindicalismo de obediencia estatal non asume un calendario propio de mobilizacións na Galiza, manteñen no seu adn a negación da realidade plurinacional do estado e non son quen de aturar que o profesorado galego conte cun sindicalismo propio e maioritario tanto nas convocatorias electorais como nas mobilizacións, unhas mobilizacións que como ben é sabido nos centros de ensino son traballadas no día a día fundamentalmente polo sindicalismo nacionalista.
Non é casualidade que convoquen a marcha a Madrid ou que publiciten outras mobilizacións, proporcionalmente menores que as de Galiza, como exemplo a seguir; son conscientes de que lles vai a vida en desvalorizar todo o que se faga aquí, porque calquer avance na asunción da nosa capacidade para transformar as cousas vai contra a súa visión centralista do estado.
Eu non tería problema en marchar sobre Madrid a manifestarme contra o Ministerio de Educación en esixencia da derrogación da normativa que consagra os concertos educativos, unha normativa que lembremos é filla do PSOE ou a pedir a desaparición dese e doutros ministerios totalmente obsoletos pero está claro que algúns dos que convocan a marcha do 22 nunca apoiarían esas reivindicacións e outros a estas alturas da película seguen como eternos adolescentes sen saber se loitan polo ensino galego ou consideran a nosa nación un "territorio" máis.