A nosa selección non xogou este mundial
17 de xullo de 2010 (00:01 h.)
De nena ensináronme que tiña que respectar a todos os meus semellantes. É o que intento facer, pero non podo evitar o auténtico noxo que me provocan determinadas actitudes: Inmersos como estamos na maior crise económica e social provocada polo capitalismo mundial vivimos preocupados durante meses por un balón e once homes arredor del. É a proba definitiva da profunda descomposición desta civilización da que formamos parte.
A presenza e a vitoria da selección española de fútbol na Copa do Mundo de Sudáfrica convertiuse nunha colosal campaña de españolismo, intentando facernos crer que o seu proxecto unitario e excluínte é un proxecto triunfador.
Ben é certo que a instrumentalización política do fútbol por parte do españolismo non é unha práctica novedosa. En 1950, nos mundiais de Brasil, un xogador vasco, Zarra, entrou na lenda e transformouse nunha das iconas da ditadura despois de marcar a vitoria contra Inglaterra. As voces mediáticas entusiastas do réxime presentaron a fazaña como unha venganza de España pola ocupación británica de Xibraltar. Así, mentres o pobo esquecía a súa miserábel vida baixo o réxime fascista o adoutrinamento no españolismo acentuábase.
Hoxe asistimos exactamente ao mesmo. España é unha afección ultra e a selección un dos poucos piares que lle quedan ao españolismo máis rancio no que basear esa finxida e falsa unidade e uniformidade. O apoio á "Roja" vendéusenos como un acto apolítico pero, en realidade, é un instrumento de adoutrinamento ideolóxico. A exaltación do españolismo é máis que evidente e na Galiza non é difícil apreciala: Bandeiras españolas omnipresentes, continua esaxeración dos méritos dese país ... É a promoción deliberada da nosa asimilación como pobo.
A nosa selección non xogou este mundial, nin puido sequera optar a disputar esta ou outra competición. O veto é responsabilidade directa dos que nos gobernan, tanto aquí como en Madrid, e a motivación é claramente política: Hai que evitar calquera referente que permita ao pobo galego indentificarse consigo mesmo e, por suposto, sentirse orgulloso dos seus propios méritos. Pretenden, uns e outros, seguir inoculándonos a perigosa idea de toda a vida do "sen España non somos ninguén", e no deporte non ía ser a excepción. Por iso -despois de que no 2005 o nacionalismo galego no goberno da nación a recuperara con orgullo como un sinal de normalidade dunha sociedade que cre nas súas capacidades- continúan a impoñer todas as trabas posíbeis para que a selección galega de fútbol non exista, sen escatimar medios para erradicala.
A día de hoxe, despois de máis de 500 anos, Galiza sigue sin poder desfrutar do esforzo dos seus deportistas en competicións internacionais, futbolistas ou non, porque o Estado español llo impide única e exclusivamente por razóns políticas. ¿Ou que diferenza hai, por exemplo, co Reino Unido que, segundo definición propia, é unha monarquía parlamentar constitucional (como o Estado español) e sen embargo ten 4 seleccións nacionais (Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda do Norte) para que Galiza non poida sentir, no deportivo, o que senten outras nacións do mundo?.
Este, máis que un Mundial foi, e seguirá sendo aínda un tempo, unha mostra de exaltación do patriotismo español na súa máis pura esencia. A afirmación, fomentada dende todas as instancias de poder e dende a práctica totalidade dos medios de comunicación, da España unha e única, negando toda posibilidade de entendela de calquera outra forma. A utilización do triunfo da selección como resposta e negación ás distintas identidades que convivimos no Estado español, o rescate dos vellos principios e dogmas. É triste para unha nacionalista galega coma min comprobar diariamente como moitas das persoas que coñece non só loan as fazañas da selección española senón que realmente se identifican cunha selección dun Estado que coarta e suprime a nosa liberdade. Moitos e moitas dos portadores desas camisetas vermellas e amarelas son persoas que sofren nas súas propias carnes o autoodio imposto durante séculos polo españolismo, estimulado tamén a través do deporte e coa colaboración dos medios de comunicación supostamente propios do País, pois certamente son tamén eles os que contribúen á narcotización da nosa nación e préstanse conscientemente aos obxectivos da colonización amosando nas súas portadas e titulares as vitorias españolas e minimizando ou desaparecendo todo o que teña a ver co noso país.
Como na época dos emperadores romanos, si non hai moito pan dáse circo. A actual onda españolista pasará porque de euforias desatadas non se pode vivir eternamente. Polo de pronto, no económico, en canto se apagaron os focos e as luces, chegou a volta á rutina para todos, agás para os elixidos da selección que nos dixeron que era nosa que, por certo, a penas pagan impostos polos seus ingresos millonarios.