A nosa mocidade
03 de abril de 2012 (00:00 h.)
Non resulta sinxelo escribir sobre a mocidade de hoxe en día cando as análises poden resultar mediatizadas por vivencias pasadas moi diferentes ás que apreciamos hoxe nos fillos/as e no propio alumnado co que convivimos a diario. Pode tamén non resultar doado librármonos dalgúns tópicos que circulan na fraseoloxía popular ou mesmo na literatura culta. Poñamos por caso, o poeta que afirmaba que "xuventude e adolescencia non son senón exceso ou ignorancia" (François Villon). De partida, fagamos un esforzo de comprensión e de contextualización e algo poderemos aclarar.
Desde logo, na difícil situación que vivimos e que eles van padecer especialmente, cada vez escoitamos máis chamadas á protesta, máis voces críticas e favorábeis a posturas reivindicativas e a asumiren compromisos, aínda que se manifesten de xeito contraditorio. A Folga do 29 de marzo contou co apoio de moita xuventude que concorreu tamén ás mobilizacións.
Ten cambiado moito a situación da mocidade galega nos últimos vinte ou trinta anos. Na medida en que ten empeorado a situación global e particularmente a galega, nos últimos tempos fun apreciando unha crecente dificultade para que mozos e mozas se identifiquen e participen, na medida en que o facían antes, dunha alternativa propia de Galiza e defensora do seu futuro. Aínda que non se poida trazar unha divisoria clara entre un antes en un despois, si existen como fenómenos máis agudizados ou como tendencias a confusión xeneralizada, un maior individualismo, máis indiferenza, culto ás aparencias, superficialidade, pragmatismo (no peor sentido da palabra), inmadurez de conduta mais precocidade noutros aspectos... Ben é certo que tamén se teñen acrecentado as tendencias manipuladoras e desmobilizadoras, as imaxes distorsionadas e os tópicos sobre a mocidade ou sobre algúns dos seus xeitos de diversión. Son moitos os aspectos que cumpriría analizarmos; porén, para non caermos en xeneralizacións ou simplificacións, centrareime naqueles que máis semellan ameazar o noso futuro.
En primeiro lugar, non podemos dicir que ser mozo resulte fácil, porque aumentaron as dificultades para acceder ao mundo laboral, tanto para os que non queren seguir a estudar como para os que teñen rematados os estudos. Moitos vense obrigados a prolongaren a súa formación e estudos, permanecendo inactivos laboralmente ou case ao longo dos vinte e dos trinta, obrigados a viviren cos pais e imposibilitando calquera expectativa e proxecto familiar, se así o quixeren. Unhas cantas veces teño cavilado na motivación que pode atopar un mozo ou unha moza entre dezaseis e dezaoito anos para seguir estudando. Chámame a atención que, poñamos por caso, nunha cidade como Ferrol -cunha comarca que ten 20.000 desempregados/as, moitos deles mozos- e sen expectativas de mellorar, aínda haxa tantos bos estudantes no segundo ciclo de ESO e nos bacharelatos. Non deixa de ser notorio o esforzo de entenderen que, até para teren as mínimas oportunidades laborais, deben contar cunha boa formación. Cando desde as esferas académicas ou desde as autoridades educativas se incide nos resultados e se analizan friamente as estatísticas do fracaso escolar, tamén se debera incluír esta variábel.
O futuro laboral de moitos titulados, a curto e medio prazo, pasa case sempre por volveren á súa casa ou por seguiren acumulando "méritos" (outros títulos, mestrados, cursos, idiomas...) se os pais poden pagarllos. Moitos son conscientes de que terán que asumir traballos en servizos (camareiros, caixeiros/as de supermercado....) A mocidade galega segue en disposición anímica de emigrar, e unha parte significativa dela ve o feito como algo natural ou irremediábel: "Se aquí non che dan o que precisas para vivir, se non hai posibilidades e isto non ten remedio..., a rebeldía é inútil". Entenden a lóxica do dereito ao traballo na propia terra, mais préganse á contundencia dos feitos. Non pode estrañar mesmo que, ocasionalmente, se manifesten con desprezo pola realidade propia. Semellan os tempos cando o primeiro Curros así cantaba: ¿Qué lle ofrecedes na nativa terra/ a ese que a cruzar vai mares de fel?/ ¿Resinación? -Con ela non se come.../¿Fe? -¡Non lle basta a fe!...
Se fixarmos a ollada atrás, aos comezos do século XX, comprobamos que non hai moita diferenza na forma de producirse o fenómeno. Daquela facíase "escola para emigrar" e aprendíase español para andar polo mundo; hoxe a mocidade aprende inglés e alemán tamén con obxectivos semellantes. É dicir, ademais da man de obra menos cualificada, tamén emigran os máis preparados. Como apoloxía da globalización, na súa versión máis cosmopolita, as televisións emiten programas como Españoles en el mundo, coa correspondente réplica na TVG Galegos no mundo. Como é lóxico aventurar, neles non han faltar mozos e mozas que se realizan profesionalmente por todas as latitudes do globo, que poden ter algo de morriña, mais que no fondo aparentan ser felices e invitan co seu exemplo a que outros fagan o mesmo. Dá igual que sexa fuga de man de obra barata ou fuga de cerebros; pon de manifesto a nosa anemia estrutural, que vén de vello. Que a mocidade galega siga emigrando, que sexa a que máis emigra, non pode considerarse máis que unha sangría ou unha auténtica maldición.
Unha recente reportaxe dunha canle estatal poñía de relevo que a taxa de desemprego xuvenil do Estado español é a máis alta de Europa; duplica a media europea. Cada mozo/a universitario, segundo as mesmas fontes, está a supor un custo ao Estado duns 10.000 € anuais, investimentos en formación para que sirvan de proveito a outros países.
Teño a sensación de que a meirande parte da mocidade é consciente desde moi cedo da realidade en que vive ou polo menos de cales son os valores imperantes na sociedade. Mais difícil é que poidan afrontar as consecuencias desta percepción coa mínima coherencia e efectos na práctica; maioritariamente déixanse seducir por todos os engados que se lle oferecen, aínda sendo conscientes das dificultades, cada día maiores, de poderen alcanzalos. Saben que a sociedade capitalista e consumista en que vivimos nos mete todo polos ollos. Hai adolescentes que xa non teñen reparo en recoñecer abertamente que "lles gusta cotizarse con prendas e obxectos de valor", que cambian rapidamente segundo as modas. A lóxica esmagadora do diñeiro imponse: "cando hai diñeiro a vida vese doutra maneira que se non o tes", sentencia algún destes mozos.
Os estereotipos dominantes para mozos e mozas parten dos medios de comunicación de masas e implántanse e difúndense facilmente. Á pegada da TV, do cine, engádese internet e as redes sociais, que de momento non teñen servido para contribuír a unha maior conciencia crítica, e para aportaren informacións máis necesarias. Aínda que ben poden utilizarse neste sentido, o corrente é que tamén sirvan para crear mundos paralelos, para exhibir intimidades na rede, evasións da realidade, case adicións irrefreábeis... Tanta comunicación e tanta desinformación! Chega a ser unha auténtica patoloxía o uso dos móbiles nos Centros de ensino e nada parecen poder facer as chamadas á orde e as normas que os prohiben nas aulas. As BlackBerry, antes marca de executivos e altos cargos, estendéronse á práctica totalidade do alumnado desde 1º de ESO até 2º de Bacharelato. A tentación de calquera SMS ou MMS é moeda corrente, até tal ponto que unha empresa xa ten anunciado a comercialización duns aparellos inhibidores de frecuencia para as aulas co fin de evitar que os alumnos se descentren e perdan o interese. A atracción polos chats impera; tal que comunmente poden verse nas roldas de mozos e mozas algúns completamente absortos coa súa maquiniña, como se estivese noutra galaxia. O sistema imperante e as necesidades do mercado, o papanatismo desmedido polas TIC e a súa implantación son os causantes últimos. Non imos converter as vítimas da tecnolatría en máximos culpábeis. E algunha culpa tamén teremos que asumir os proxenitores -que algo temos cambiado nestas últimas décadas!- deste consumo tan pouco responsábel .
Seguramente unha consecuencia dos procesos de globalización acelerada e de alienación como os que vivimos, é que as dificultades son maiores hoxe para un mozo chegar a sentirse galego e a identificarse coa nosa lingua. Sen entrar no terreo da recuperación de usos, téñense acrecentado mesmo os prexuízos e os comportamentos acomplexados sobre a lingua, que parecían ter minguado anos atrás. Algúns destes mozos que fan deporte, cultivan o corpo con esmero, visten roupa e calzado de marcas sonadas, teñen nomes exóticos como Jonathan, Kevin, Christian, Bryan..., en contraste con apelidos Bouza, Loureiro, Alvariño, Souto..., son capaces de provocar a burla do acento galego, que eles mesmos teñen, con esaxeracións de vogais abertas, etc. A brincadeira que, ás veces, só procura un merecido debate lembra os escravos e os colonizados reflectidos no poema de Pondal (dos propios acentos tiveran vergoña).
A imaxe da mocidade galega é a imaxe que reflicte unha Galiza alleada e desestruturada.