A normalización desde a cociña


Na véspera do comezo oficial da campaña electoral, que terá como resultado, as novas corporacións municipais, compre reflexionar sobre a eficacia dos nosos Servizos de Normalización Lingüística e do necesario compromiso do nacionalismo co idioma.

O programa marco do BNG define a normalización da lingua galega como un obxectivo preferente, transversal e central da acción do BNG nos concellos.

Nun momento no que os orzamentos municipais mingúan, faise imprescindíbel o carácter transversal nas accións normalizadoras. As propostas, materiais e actividades en galego a disposición dos/as veciños/as poderíanse multiplicar por 1.000 se conseguiramos que a lingua galega fose lingua vehicular na oferta de ocio para mozos/as e maiores, ciclos de cinema infantil, actividades extraescolares e deportivas, obradoiros nas bibliotecas, as festas, etc.

Por todo isto é necesario que os SNL non só desenvolva propostas cara o incremento do uso e prestixio da lingua galega, senón que debería colaborar coas diferentes áreas do concello para determinar nelas obxectivos e medidas normalizadoras.

O SNL sempre debe ter unha área política específica. Ou alguén imaxina un concello no que o urbanismo ou o servizo de obras non tivera area política da que dependesen?.Non podemos permitir, que os SNL estean no limbo, sen que ninguén saiba de quen depende e sen partida orzamentaria propia. Por pequena que sexa, débese sempre dotar economicamente, coa súa partida orzamentaria definida.

E para poder desenvolver este traballo é fundamental ter un SLN dotado de medios materiais e humanos. E o máis importantes, temos que darlle estabilidade. De nada serve ter un técnico/a traballando 6 meses ou desenvolver algunha actividade cultural ao redor do 17 de maio. Deste xeito nunca imos conseguir prestixiar a nosa lingua, nen conseguiremos que a calidade lingüística nos nosos concellos alcance un nivel aceptable.

O Consello Social da Lingua, no que se integren os diferentes colectivos e no que se definan as campañas a prol do galego é unha ferramenta de participación fundamental. Socializar as propostas a desenvolver é a mellor medicina para evitar as mentiras e a intoxicación do españolismo.

A aprobación ou actualización dunha ordenanza para o impulso do uso do galego, facilitará a aplicación da legalidade no noso concello, ademais do compromiso institucional das forzas políticas, que deben declarar o seu apoio ao cumprimento da lexislación vixente con respecto da lingua galega.

Os concellos, como administración máis próxima, debe ser garante dos dereitos lingüísticos dos veciños e veciñas, ao mesmo tempo que prestixia o uso da lingua, desde os diferentes ámbitos de actuación.