A morte silenciosa


Diante dos nosos ollos está morrendo o medio natural, aínda que ás veces hai aceleróns, normalmente é un proceso lento pero constante.

Estes días podemos ver en todos os medios a nova maré negra producida por un accidente nunha plataforma petrolífera no golfo de México. Imaxes espectaculares, para nos xa coñecidas. Prestige, Aegean sea, Urquiola... temos exemplos abondo, pero apenas un 10% do petróleo que chega ao mar o fai desta maneira, e ademais o petróleo só é unha pequena parte de todo o que botamos nel.

Ocorren de vez en cando grandes traxedias ambientais, catástrofes na maior parte dos casos espectaculares que abren telexornais e enchen portadas de revistas e xornais. O público asústase porque é capaz de percibir non só o impresionante dos feitos senón tamén as consecuencias posteriores. A xente botouse ao mar a limpar o petróleo do Prestige porque sabía a desfeita que ía producir na costa e nos seres vivos.

Pero nos sabemos que hai máis cousas que degradan o noso medio natural e que empobrecen o pais. Temos exemplos abondo por toda a nosa xeografía, desde as canteiras do Courel, centrais térmicas, encoros, até industrias altamente contaminantes nas nosas rías, á beira de onde apañamos o marisco e collemos o peixe.

Os ríos saen nos medios cando hai algún vertido ou escape dalgunha substancia que provoca mortaldade de peixes, cambio espectacular na cor ou cheiro que afectan á traída de auga dalgunha parroquia ou concello, pero cada vez hai menos peixes, xa case non hai ríos con salmón, as troitas son cada día máis escasas, as angulas moi difíciles de ver, pouco a pouco van morrendo, é un mais dos síntomas. Os ríos, as veas da nosa terra, están morrendo paseniñamente, en silencio.

Se un mira para a herba, por moito que se fixe non é capaz de vela medrar, é un proceso lento do que nos decatamos en períodos de tempo mais longos. É por iso que lle chamo a morte silenciosa, é algo cotián, case imperceptíbel pero que ao cabo de días, meses, anos, degrada o noso medio natural, acaba cos nosos recursos, e prexudica a nosa saúde. É algo co que convivimos, non abre telexornais, nin sae nas portadas pero acontece diante dos nosos fociños, e ademais é algo do que somos responsábeis, porque cada un de nós, a nivel individual e colectivo colaboramos, en moitos casos sen sabelo, e noutros porque non pensamos nas consecuencias de que 1+1+1... suma moitísimo. A non separación do lixo, consumir enerxía e auga indiscriminadamente,... Pero tamén a falla de depuradoras de augas residuais, os vertedeiros incontrolados, a mala xestión do mesmo...

O problema é serio, pero aínda que para algúns todo sería cuestión dunha actitude individual de concienciación e respecto pola natureza, hai unha evidente orixe política. É imposíbel desde o sistema capitalista, baseado na liberdade de empresa e na ganancia a toda costa realizar unha política de respecto polo medio natural. É fácil ver moitas empresas que ofrecen de cara ao público unha imaxe "verde" ou incluso fan campañas na defensa medioambiental, como logo á hora da verdade rapiñan os recursos naturais. Un exemplo é a mesma BP, responsábel da plataforma que agora sofre o accidente do Golfo de México, o seu nome BP (British Petroleum) é desde hai uns anos transformado en BP (Beyond Petroleum) "mais aló do petróleo" e con unha flor como emblema quere dar unha imaxe de empresa orientada ás enerxías limpas, ao mesmo tempo que segue apostando polo petróleo e é responsábel de danos ambientais en todos os continentes.

O ecoloxismo ten que ser algo transversal, unha actitude individual e tamén colectiva, algo que abranga a toda a sociedade e por suposto ás forzas políticas, pero na realidade vemos como resulta imposíbel de callar naquelas nas que é a liberdade individual e a de empresa a que prima sobre as liberdades e dereitos colectivos. A natureza é algo colectivo, de todos os seres vivos, de toda a humanidade, non poden ser as empresas nin os mercados de valores os que determinen o uso ou explotación dos recursos. É por iso que vemos como a globalización estase a converter na ferramenta coa que as grandes transnacionais arrasan o planeta, iso si coa bendición dos gobernos de Europa e USA e se é necesario coa guerra.

Cando a alguén se lle ocorre plantexar que a xestión dos recursos non pode estar en mans privadas, que é o pobo o que ten que ter o control deles, o aparello "informativo" do sistema encárgase de esmagalo, difamalo e nos casos máis belixerantes preparar o terreo para a súa eliminación. Disto saben moito en América do sur, en países como Venezuela ou Bolivia, non son os únicos, pero si os que por agora están no centro da diana, por defender o socialismo como modelo de xestión, o nacionalismo na defensa dos intereses dos seus pobos fronte ao imperialismo, e o internacionalismo porque so desde a solidariedade entre os pobos se pode avanzar na conquista das liberdades populares e enfrontarse ao imperialismo, non só dos USA, tamén Europa e España en particular saben moito de rapiñar recursos alleos, aquí tamén o sabemos.

Agora que volvemos ao noso país, é desde o nacionalismo desde onde o respecto ao medio natural e aos nosos recursos adquire a súa máxima dimensión, para nós é o día a día, senón, de que nos serviría un país co medio natural destruído e cos recursos esquilmados? que sería do noso sector primario? que futuro lle deixaríamos aos noso fillos?

A capacidade de destrución do medio ambiente que temos na actualidade é moi importante, tanto que incluso nos xogamos a supervivencia como especie neste planeta. O compromiso colectivo tense que complementar co individual, da nosa actitude cada día, no traballo, na casa, no lecer, pode facer posíbel que ese 1+1+1... empece a restar. Temos que ser conscientes de que con pequenos xestos, podemos conseguir moito, cambios de actitude e pensar as consecuencias do que facemos, poden non só parar esta situación senón crear un hábito de comportamento do que todos e todas imos saír beneficiados. Ademais pertencer a unha organización ten que transcender á nosa actitude como persoas.

Temos que rematar este proceso de destrución, no colectivo como organización e no particular como individuos temos a obriga de defender o noso medio natural. Polo noso futuro rematemos coa morte silenciosa do noso pais.