A mobilización non pasa de moda


Marketing electoral, estratexias mediáticas, organización en rede, ... Moitas das técnicas ensaiadas con éxito para as contas de resultados do mundo empresarial, traspásanse ao ámbito político e inundan o vocabulario de dirixentes, cargos institucionais, candidatos, aparatos partidarios, vividores externos e aspirantes diversos. Aplícanse con sensatez e resultados nuns casos, adaptando as fórmulas propostas ao medio e valéndose da experiencia acumulada por décadas de actividade política e de coñecemento da sociedade. Noutros moitos, o papanatismo provoca estragos que defraudan electorado, atorden afiliacións, desfiguran discursos políticos e escarallan o perfil dos liderados.

Foi nun deses manuais de marketing e campañas electorais onde o lin. Non pasarei o esforzo de localizalo para non cometer a pedantería de citalo. Desculpade os máis marketiniáns. Viña a dicir que tanto invento, sobre todo vinculado á comunicación política e electoral, fora creado unha vez comprobado que resultaba imposíbel chegar unha por unha a cada persoa dun censo de dimensións elevadas no espazo de tempo dunha confrontación electoral. Este seguía a ser o mellor método, recomendaban, e son diversas as técnicas e actividades aconselladas sobre principio tan elemental e pouco moderno: falar coa xente. Todas moi terreais e ningunha delas milagreira.

O nacionalismo galego conta con longa bagaxe histórica na esforzada -iso si- técnica do corpo a corpo. Rafael Mouzo -a quen cito sen a súa autorización como alcalde histórico con sucesivas maiorías absolutas- díxome unha vez que só había unha maneira de conseguir votos: un a un, suma e segue. Non aprendín ren en Corcubión de mediática. Mais vin como se gañaban eleccións sen fuxir do discurso ideolóxico-político nin do plano simbólico. Abandonado o goberno municipal, mantén o nacionalismo neste concello un apoio social superior á media nacional. Ben sei que Galiza e moitos dos seus concellos son algo máis grandes. Ben sei que os exemplos concretos responden a circunstancias tamén específicas, e que mesmo poden non agradar. Mais quedémonos con que tamén podemos aprender de nós mesmos, se queremos aprender.

Nacionalismo e mobilización social

O recurso histórico do nacionalismo galego á mobilización social nada ten a ver con doenzas hiperactivas, con fuxidas cara adiante en momentos de dificultade ou con crear elementos de distracción sobre obxectivos ocultos. É elemento esencial do carácter profundamente democrático do nacionalismo galego. Por consciencia das limitacións democráticas do actual sistema político. Por convencemento na idea de que o pobo galego debe ser protagonista da súa historia, do seu presente e do seu futuro. Por claridade na concepción de que non avanzaremos nos obxectivos do nacionalismo se a sociedade non os comparte e non é partícipe deles. Porque a participación social é imprescindíbel para que avance un proceso de autodeterminación nacional. Porque a información sobre Galiza, creada e centrada en Galiza, non se recibe na escola e nos medios, a día de hoxe e de onte.

O apoio social, individual e de sectores organizados, ás nosas ideas e propostas, é peza clave para o nacionalismo poder condicionar a realidade. Favorecer a expresión colectiva e social de ideas compartidas, dá forza e lexitimidade ás demandas e a quen as asume e representa, ademais de crear canles democráticas de participación social. Nesta busca de apoio social, as distintas formas de mobilización social, de contacto directo para o contraste, pinga a pinga, son ferramenta valiosísima e actual para a actividade social e política. Depositalas no museo das organizacións do nacionalismo condenaríanos á perpetua diletancia, á subnormalización sistémica da nosa práctica política e á derrota dun proxecto que se automutila nas súas propias capacidades de expansión e convencemento social.

Hai moitas frontes de actuación, e a todas temos que atender. Tampouco somos primeirizos no terreo institucional, mediático ou electoral -mesmo teñen felicitado o noso comparativamente avanzado uso electoral de internet-. Por non o sermos, sabemos das súas limitacións e dos paus nas rodas para un proxecto de transformación social co norte de modificar o status de Galiza. Tamén deberemos saber -e fácil non é, mais cando menos hai que querer- aproveitar as oportunidades para interpretar a mesma melodía cando temos máis e nova audiencia.

Nunha ocasión atendín en conversa-entrevista a unha estudante universitaria de Estados Unidos que viña coa encomenda académica de realizar un traballo de investigación sobre os dous nacionalismos que, naquela altura, viñan de estar en auxe electoral en Europa. Un deles era o galego. Preguntado polas causas do noso ascenso electoral, esforceime en explicarlle a condición de Galiza como nación, a súa marxinación histórica, os seus décifits socioeconómicos, culturais e políticos actuais, e as características dun proxecto liberador como o noso. Confésovos a miña perplexidade cando expresou nidiamente o seu nulo interese investigador na vertente dos factores obxectivos, para centrarse exclusivamente nos subxectivos relativos ás capacidades organizativas, axitativas e mobilizadoras do nacionalismo galego. Nada lle importaba que tivésemos razón. Só viña saber como faciamos. Sen acreditar na utilidade do segundo sen o primeiro, concibindo a mobilización como medio e non como fin en si mesmo, quen queira entender que entenda...

Mobiliza quen pode

Velaí como unha práctica tan definitoria do movemento nacionalista galego, pasa de hipotética dinámica resistencialista a converterse en técnica política actualísima utilizada a destra e sinistra en toda parte do planeta. Porque alén do dito, a mobilización social é tamén elemento esencial na habilidade de quen defenda ideas compartidas socialmente de xeito significativo ou conte cunha adecuada capacidade de manipulación. Os estados de opinión créanse e tamén se transforman. Con motivacións ideolóxicas ben distantes das nosas hai casos a moreas. Por razóns obvias, e para non gafar o artigo e a súa argumentación, evitarei o exemplo de Abel Caballero. Mais salta á vista que a dereita tomou a rúa hai anos, e a mesma xerarquía católica ve con bos ollos o método para transcender ao seu público eucarístico dominical.

A xa comentadísima campaña de Obama, cumpriu en gran medida o manual electoral tradicional estadounidense, incluído o desembolso de milleiros de millóns de dólares aos medios de comunicación. Mais resultou novedosa por utilizar as novas tecnoloxías, de acceso social limitado, non meramente como instrumento propagandístico senón mobilizador. Por esta vía recrutaron a milleiros de persoas maioritariamente novas para incorporalas, coa orientación e materiais adecuados, a tarefas activas de campaña.

Mobilízase quen o precisa

Concluamos coas razóns. O nivel de conflitividade e mobilización social en Galiza, superior ao do resto do estado, está fundamentado nas condicións materiais e obxectivas de existencia da nosa nación. Son estas, e non o nacionalismo, o caldo de cultivo da protesta e da organización social. A negación da capacidade de decisión política sobre nós mesmos e as nosas necesidades, a marxinación e secundarización do país, as condicións sociolaborais, a continua agresión ao noso idioma e cultura, ... Un nacionalismo desmobilizado sería un nacionalismo indolente, de costas aos galegos e ás galegas. Negaría unha voz dimensionada e forte aos sectores sociais que arelan outra Galiza. Renunciaría á súa obriga de articular unha sociedade desestruturada. Non sería nacionalismo.