A militancia falou: adiante co BNG!

A militancia falou: adiante co BNG!

Non era a miña intención escribir un artigo sobre a XIII Asemblea Nacional do BNG, é máis, eu adoito adicar as miñas colaboracións do primeiro día de mes no Terra e Tempo a cuestións de política internacional, pero tendo en conta que as "análises" ao respecto do que "fixeron/non fixeron/deberían ter feito" os e as militantes da fronte nacionalista nesta pasada fin de semana enchen os medios de incomunicación non podo evitar a tentación de tamén ir á moda exercendo de benególogo.

Foi a pasada unha fin de semana densa e tensa, cos focos postos no mercado de gando de Ámio onde milleiros de compañeiros e compañeiras escorrentamos o frío debatendo, aportando, escoitando e decidindo, sendo a fase final dun proceso asembleario iniciado alá polo mes de xullo, algo que non debería estrañar pois é o que o BNG leva facendo desde o ano 1982.

A densidade veu coma sempre na nosa organización polos documentos postos enriba da mesa; en primeiro lugar un informe de xestión do Consello Nacional saínte no que se incluía o traballo do conxunto de militantes desde maio de 2009 até agora, un traballo duro no que fomos quen de respostar ás agresións que sofreu neste período a nosa nación (idioma, caixas, reforma laboral e das pensións, etc...) respostas nas institucións e na rúa; como dixeron algúns dos compañeiros e compañeiras que subiron á tribuna sen o motor do BNG non se tería erguido un movemento de loita contra as agresións ao noso idioma e sen o traballo parlamentar do BNG apenas habería coñecemento das medidas regresivas aprobadas por PP/PSOE en Galiza e no estado.

En segundo lugar a aprobación da tese política que guiará o noso traballo no vindeiro período, tese aprobada polo 66,8% da militancia e que contou coa inclusión dun número moi importante de aportacións feitas no proceso previo de debate comarcal, algunha delas presentada por min mesmo.

A tensión, como é lóxico nunha organización viva apareceu nas distintas intervencións, unhas máis afortunadas e outras menos, e á hora de definir quen serían as 50 persoas que formarían parte do novo Consello Nacional, portavoz Nacional e candidato á Presidencia da Xunta de Galiza. Unha tensión desgraciadamente acrecentada polo que choveu nos últimos meses, choiva que tamén cómpre decilo non sempre caía do ceo. A tensión hóuboa pero ao meu ver o acto de clausura e a ovación que se lles deu aos compañeiros e compañeiras que eliximos supuxo un balde de auga fría para os agoireiros.

De dar voz á militancia falouse e escribiuse tanto nestes meses que a min ás veces dábame a impresión de que algunhas das persoas que facían esa reivindicación e falaban de "secuestros" referíanse a outra organización e non ao BNG, pois cando menos no BNG do que eu teño carné que é o único BNG que existe, a militancia sempre falou e foi SEMPRE esa militancia e non un senado romano imposto a que decidiu. Outra cousa é que unhas veces coincidamos e outras discrepemos do que decide a militancia, sendo ese un dos valores da democracia.

O proceso de debate asemblear rematou, temos uns documentos aprobados que deben servirnos de guía para o traballo e en poucas semanas completarase o novo Consello Nacional parellamente á elección de Consellos Comarcais e Locais, órganos nos que coma foi sempre todas as persoas que os integren terán voz e voto porque no BNG seguimos sen ter militantes de primeira e militantes de segunda.

Non me gusta nun proceso interno falar de "armarse" ou "desarmarse" pero dado que hai quen aínda segue empregando eses conceptos deberíamos todos e todas buscar que canto antes cicatricen as feridas; e para iso non hai mellor remedio que asumir o que a militancia decidiu, abandonar os posicionamentos goberno-oposición que algúns mantiveron nesta última etapa, amosar a disposición real e non só formal a asumir responsabilidades, e remar todos e todas no mellor instrumento político co que conta Galiza.

Mariano Rajoy vén de convocar unha Folga Xeral sen marcar aínda data, Feijó mantén a súa política de desmantelamento de servizos públicos, Merkel e Sarkozy queren afondar no nivel de degradación das nosas condicións de vida e posta en perigo dun futuro digno para as novas xeracións. Fronte a todo iso e collendo as palabras dun compañeiro que se deu de alta hai poucos meses no BNG e participou por primeira vez nunha Asemblea Nacional "...coido que hai que deixar de facerlle caso aos pirómanos...".

Agora toca como dixo o noso portavoz nacional "... calzar as botas, actuar, sumar sociedade a favor dunha Galiza máis libre, máis digna, máis xusta."