A luta é alegria
19 de maio de 2011 (00:00 h.)
A desesperanza da xente moza por non ter traballo nin espectativas prendeu a mecha das primeiras revoltas no mundo árabe. En Grecia, Islandia ou Portugal cobran forza os movimentos sociais de mozos e mozas que protestan contra un modelo económico que os condena á escravitude laboral e vital. En Galiza, cunha das taxas de paro xuvenil máis elevadas de toda Europa, nada pasa nin se move. Que acontece?
Ao meu modo de ver, a vangarda social e política que sempre representou o nacionalismo galego non soubo adaptarse aos novos tempos, modernizarse tanto nas formas coma no discurso, para seguir á fronte da sociedade con capacidade suficiente para a mobilización social máis alá do simple corpo militante. O adormecemento social non é, evidentemente, culpa do BNG, mais si o non sermos quen de facelo espertar.
Os mozos e mozas portugueses saíron á rúa apoiados por partidos da esquerda. Por todo o país, dende Lisboa, Porto, Braga, Castelo Branco, Coimbra, Faro, Guimaraes, Leiria, Ponte Delgada e Viseu deixaron oír a súa voz entonando o Parva que sou de Deolinda, unha sorte de novo fado que logrou cuallar na xente nova. A letra deixa ben clara a mensaxe que a mocidade portuguesa quere transmitir, é un chamamento contra o pasotismo, un chamamento ao levantamento social contra un mundo "tão parvo onde para ser escravo é preciso estudar". Protestan contra o sistema económico do país e contra os partidos políticos que o implantaron. Son a Geração à rasca, mozos e mozas sen traballo, en precario ou explotados que non protestan polo feito de protestar nin queren estar á espera de que os problemas se resolvan. "Protestamos por uma solução e queremos ser parte dela", din no seu manifesto.
,
Arrincou en marzo e hoxe é xa un gran movimento en Portugal. Teñen un discurso actual, unha imaxe fresca e moderna que conecta coas novas xeracións. Souberon mesmo parodiarse a si mesmos, rir da súa sagrada historia recente da que beben e proceden ideolóxicamente para reinventarse. Este espíritu subversivo e transgresor que representan os Homens da Luta desacralizou as demandas e fíxoas chegar a ser compartidas por moita máis xente.
Faltan certas doses desa imaxinación hoxe en día no nacionalismo galego. Coido que a última xeración de mozos e mozas que se incorporou masivamente ao BNG é a dos que xa andamos nos 30. Logo foi unha cousa máis a contagotas. Os mozos e mozas miran hoxe máis cara ao PP e o PSOE e iso debería preocuparnos seriamente. E facernos pensar se atinamos con discursos dogmáticos dos anos 60 que postos na boca hoxe dun mozo ou dunha moza de 20 anos de Galiza Nova espanta aos da súa xeración máis que atraelos.
Enlaces relacionados:
- Manifesto da Geração à rasca
(http://geracaoenrascada.wordpress.com/manifesto/portugues/)
- Deolinda: Parva que sou. Tema que se converteu no emblema do movimento social da mocidade portuguesa.
(http://www.youtube.com/watch?v=_rgOFS7UZ2I&feature=related)
- Homens da Luta: a luta é alegria. Tema co que foron a Eurovisión representando a Portugal.
(http://www.youtube.com/watch?v=Sook531Z4Mc