A imaxe soterrada
07 de agosto de 2010 (00:01 h.)
As imaxes constantes de dama de primeira clase paseándose e sendo vitoreada por unha lexión de entusiastas, non tan de primeira. Disque no país de orixe da sra. Michel, algunha prensa expresou o malestar ao considerar esta viaxe un insulto polo dispendio que supón nos tempos que corren, mais todo é pouco para lle agradecer ao goberno do Estado á súa fidelidade ás políticas neoliberais dos Obama e compañía. Grazas á súa presenza a imaxe da selección vermella, ocupa un segundo lugar, no podio da camuflaxe da situación política actual.
Imaxes futuras como a do bispo de Roma presidindo unha misa no Obradoiro, incrementarán os cálculos da Xunta que xa fala de record de visitantes a Galiza no que vai de ano. Na provincia de Ourense -onde falan dun incremento do 4,5% no número de visitantes- en comarcas como a Ribeira Sacra, moitos hostaleiros xa falan dun 50% menos de visitantes en comparación co ano pasado.
No ecuador do verán hai imaxes que non vimos, pero existen. Fotografías en branco e negro dunha paisaxe escura.
Antes de que o goberno do Sr. Feixóo amose unha nova satisfacción após a temporada de lumes, habería que preguntarse porque en moitos concellos non se ten realizado ningún desbroce na primavera, non existen convenios con mancomunidades de Montes Veciñais para brigadas de limpeza e tratamentos silvícolas preventivos, ou se incumpre coa Lei de Prevención de Incendios Forestais do ano 2007...
Máis de un que traballa na extinción de icendios, fala de lumes a diario. Mais só existen para quen os presenza, porque o silencio impera. A existencia dunha política de prevención por parte da Xunta, non é necesaria mentres se poda opacar a realidade.
Cando unha das manifestantes das Plataformas en defensa da sanidade pública do pasado 6 de xullo en Compostela lle ensinou o vídeo á súa nai da retirada que fixo a policía pola forza, esta comentou: Pero isto non saíu pola televisión!.
Non.
Hai moita vida opacada polo silencio da cámara ou polo ruído dos flashes.
Cando a Sra. Michel emprenda a súa viaxe de regreso, non han faltar noticias que durante a metade do telediario nos queiran facer crer que vivimos no mellor dos mundos posíbeis, mentres tanto coa Lei de Inmigración de Arizona a xustiza norteamericana seguirá a avalar condutas racistas.