A igualdade en crise
28 de outubro de 2010 (00:00 h.)
Semella que cada pouco a realidade danos unha labazada que nos devolve uns chanzos abaixo. O problema é que canto máis arriba estás, xa se sabe, máis grande é a caída.
Coa chegada do PSOE ao Goberno de España en 2004 parecían chegar novos ventos de modernidade. Zapatero mantiña un discurso progresista no que defendía a igualdade entre homes e mulleres e declaraba que se consideraba feminista. En Galiza, en 2005, coa chegada do BNG ao goberno da Xunta, apostouse pola creación da Secretaría Xeral de Igualdade que desenvolveu até 2009 políticas pioneiras e de vangarda que serviron de modelo noutros lugares do estado.
Traballar pola igualdade e considerarse feminista significaba (e significa) favorecer a igualdade real e efectiva entre todas as persoas, en todos os aspectos e ámbitos: legal, social, laboral, familiar ou educativo; significa fomentar o cambio nos homes cara posicións máis favorábeis á igualdade e a ruptura co modelo tradicional masculino; significa verdadeira corresponsabilidade no ámbito familiar; significa deixar de considerar á muller como un colectivo e valorizar as súas capacidades e contribucións; significa lexislar a súa participación plena na vida pública, como nas listas electorais, nos gobernos ou incluso nos consellos de administración das empresas.
As políticas de Igualdade en Galiza morreron coa chegada de Feixóo. Aínda recentemente -sempre coa escusa da austeridade- suprimiuse o Servizo Galego de Igualdade. Outro símbolo que cae. E isto -independentemente da súa necesidade- é un problema, pois boa parte da política consiste en manexar os símbolos. Así, a supresión do Ministerio de Igualdade e a degradación da Ministra é un símbolo. Zapatero acepta a derrota ao darlles a razón aos que as consideraban superfluas, innecesarias. Nesta ocasión (outra máis) o PSOE faille o xogo ao PP.
O Ministerio de Igualdade foi creado en 2008 e o nomeamento da súa titular, Bibiana Aído, saudouse como o da ministra más nova da historia da democracia española. Desde logo, unha forte aposta do Presidente do Goberno de España. O ministerio estrela desta lexislatura. Gabábase Zapatero da súa aposta en foros internacionais, demostrando que era máis feminista ca ninguén, que estaba na punta da Igualdade.
O Ministerio de Igualdade tiña pouca marxe de actuación xestora: foi pensado como un departamento transversal. Mais isto conferíalle un valor especial, pois non se cinguía a súa actividade "ás cousas das mulleres", senón que debía conseguir que a igualdade estivera presente en todas as políticas públicas. E debía mesmamente conseguir a aplicación efectiva de leis fundamentais como a Lei Integral contra a Violencia de Xénero e a Lei de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres. Tamén debemos lembrar o activo papel que desenvolveu en coordinación co Ministerio de Sanidade na reforma da Lei do Aborto, polo que foi duramente criticada e acosada polo PP e os sectores sociais máis conservadores.
Argumenta Zapatero dous factores na súa decisión, os dous débiles e pouco convincentes: primeiro, a austeridade, a necesidade de aforrar. De novo, como Feixóo, aproveitemos a crise para cargarnos o que molesta, o que non ten importancia. Ademais, segundo parece, o aforro non é tal. Primeiro, porque o presuposto deste Ministerio xa era de seu moi baixo, e cando se creou foi resultado de unir partidas de programas e institutos xa existentes e que van seguir existindo, polo que o cambio a Secretaría de Estado non significa un aforro substancial.
E o outro, a remodelación do seu goberno. Elimina o Ministerio creando una Secretaria de Estado no Ministerio de Sanidade, desculpas, de Sanidade, Política Social e agora Igualdade, como se fose un andacio ou una enfermidade. (Será a encargada de repartir os condóns que vaticinaba o alcalde de Valladolid?). Desapareceu do primeiro nivel tan rapidamente como foi creado e inda por riba é levado a un ministerio con carácter social e asistencial. Volta para atrás! Cando menos, levalo ao Ministerio da Presidencia, con máis capacidade operativa para desenvolver políticas transversais como as que caracterizan as de Igualdade. E por qué non Ministerio de Igualdade e Educación? Pero claro, en primeiro lugar, as persoas. Non é o mesmo poñer ao actual Ministro de Educación, Ángel Gabilondo, home, de idade e renomeado prestixio, nunha Secretaría de Estado, rebaixándolle o seu actual rango, que suprimir o Ministerio de Igualdade e poñer á Ministra (xa exministra), muller e nova, ás ordes do anterior. En segundo lugar, o peso do nome. Malia ter posibelmente hoxe menos competencias o goberno central en educación ca en igualdade, non ten para Zapatero (e para boa parte da sociedade) o mesmo valor.
Que torpeza! O cabreo da cidadanía segue aumentando. Se Zapatero mira para a esquerda, entre as últimas políticas económicas e sociais, e agora isto, xa non debe ficar ninguén contento con el. A aposta era falsa. Zapatero non cría de verdade na igualdade. Confirma que o Ministerio de Igualdade foi para el unha extravagancia, unha ocorrencia, non era serio. A decepción é grande. Outro farol máis. Mais de novo voltaremos subir, chanzo a chanzo.