A falsa remodelación do Goberno central


De todas as definicións que se fixeron da actual remodelación do Goberno feita por Zapatero, a que considero que mellor se axusta á realidade é a de "Goberno vintage" que acuñou un deputado socialista. Efectivamente, o PSOE desempolvou a roupa exclusiva doutra época e a trouxo ao presente. Rubalcaba, como home forte do Executivo, foi unha das últimas facianas do Goberno de Felipe González, bregado en todo tipo de lides, conspiracións, batallas e movementos do máis variados.

Logo está o home tranquilo, eterno candidato a Ministro, Ramón Jáuregui, tamén rescatado do pasado despois de que o mesmo Zapatero o mandase ao Parlamento europeo, disque para quitarllo de enriba ao seu amigo José Antonio Alonso, incapaz de competir coa capacidade negociadora do vasco no Congreso dos Deputados. Un feo asunto de ciumes e inseguridades persoais tan habituais na escala de arriba. Máis agora volta desde Bruxelas, convertido nunha peza chave do Executivo de Zapatero para dirixir un Ministerio de Presidencia con funcións pouco claras, pero é innegábel que un dos seus cometidos será o de controlar as relacións entre o Goberno e as Cortes mirando desde arriba ao gris Alonso.

Anyway, o das funcións é o de menos. O de máis é que a maquinaria do PSOE de toda a vida parou en seco as aventuras do zapaterismo impoñendo o aparato á marca ZP. Polo tanto e falando en prata, é unha operación que frea as ansias de expansión do zapaterismo, ao que se lle permite conservar no organigrama do Executivo a fieis escudeiros/as como Trinidad Jiménez ou Leire Pajín que, no primeiro caso, pasa dun Ministerio a outro a pesar do fracaso das primarias de Madrid. E no segundo caso, o de Leire Pajín, salta da Secretaría de Organización a un Ministerio para felicidade de José Blanco que anhelaba a súa marcha de Ferraz. Parece ser que era vox populi o choque de trens entre ambos. Unha recomposición do puzzle en aras "á paz socialista".

Despois está o tan comentado "aceno á esquerda". Rosa Aguilar como Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e Valeriano Gómez como Ministro de Traballo. Preguntoume onde está o vermello de Rosa Aguilar que se mantivo como alcaldesa de Córdoba por IU até pasar ao seguinte posto como Conselleira de Obras Públicas do PSOE na Junta de Andalucía. E preguntoume onde está o vermello de Gómez que efectivamente secundou folga do 29 S, pero agora non ten ningún reparo en coller a carteira de traballo co Goberno que motivou a folga xeral polas súas duras contra-reformas laborais.

Logo de asistir atenta a toda a deriva desencadeada estes días con tal revelación do que dirixe Moncloa, confésome sorprendida pola cegueira mediática inmersa nun frenesí de loubanzas acríticas "ao golpe de efecto de Zapatero". O Presidente do Goberno español pasou do día para a noite de estar práticamente morto en política a revivir como se fose o Cid Campeador por ter sido tan bon estratego. Os líderes de opinión resucitan a Zapatero ao que deostaban tres días antes, esquecéndose por completo do contexto de dura crise. Misteriosamente desapareceu toda alusión á situación económica, omnipresente nestes dous últimos anos. Agora os ollos dos líderes de opinión só se deteñen na reforma do Gabinete ZP, atribuíndolle méritos até o momento descoñecidos. Cal será o mérito?

O trunfo do banal, do superflúo, do que frota na superficie? Unha remodelación de Goberno erixida ao estatus de novo Goberno cando o vello permanece. O contido, a letra da canción do Goberno de Zapatero é a mesma. As mesmas políticas económicas e a mesma deriva. E parece mentira que sendo como é tan fina a liña de separación entre o día antes da remodelación e o día despois, exista a sensación de que pasaron anos, de que hai un mundo enteiro entre o antes e o despois. É un engana-parvos para quen goste das lamberetadas e fuxa dos pratos fortes.