A Declaración do Estado de Alarma e o camiño cara á fascistización dunha sociedade

A Declaración do Estado de Alarma e o camiño cara á fascistización dunha sociedade

Nesta fin de semana asistimos a un claro exemplo de como se pode manipular ás masas creando estados de opinión e de ánimo que levan a aceptar, e incluso a demandar, actuacións que nun estado psicolóxico normal serían inaceptábeis; estou a referirme ao aplauso xeneralizado dado á presenza do exército nos aeroportos e ao emprego da man dura contra os controladores aéreos por parte do goberno español para "liberar aos 600.000 españois secuestrados" en palabras do dirixente do PSOE e Secretario de Estado Gaspar Zarrías.

A creación de estados de opinión semellantes foi unha técnica empregada moi habilmente polos movementos fascistas nos anos trinta do século pasado, sendo os mesmos estados de opinión que crea hoxe en moitos países a extrema dereita fronte á inmigración ou os Estados Unidos de América fronte ao perigo terrorista.

Ao ler os parágrafos anteriores alguén pode pensar que estou exaxerando pero eu pregúntome como reaccionaríamos calquera de nós se hai una semana nos dixeran que o PSOE ía quitar á rúa ao exército fronte a unha protesta de controladores aéreos, ninguén crería iso posíbel e no caso de selo todos pensaríamos que lle ía ter moitos custes ao goberno, ou non?

O pasado venres sabíamos, pois anunciárao había uns días Zapatero, que o Consello de Ministros adoptaría diversos acordos que baixo a escusa da busca dunha saída á crise económica suporían en realidade a desprotección dos sectores máis desfavorecidos, eliminarían dereitos sociais e reducirían a xa de por si cativa participación do estado en empresas.

Unha vez celebrado o Consello de Ministros, o lóxico sería que as conversas, tertulias, etc... tiveran esas decisións como elementos centrais, é dicir,

- O ultimátum do goberno marcando a data tope do 28 de xaneiro de 2011 para proceder á reforma das xubilacións, unhas reformas que non van supor unha mellora para os traballadores e traballadoras senón o aumento da idade para poder xubilarse e a redución das cantidades que cobran as persoas que se xubilen,
- A eliminación das axudas para os parados de longa duración que non contan con outro tipo de prestacións,
- A privatización dunha parte da empresa estatal de aeroportos AENA e das lotarías do estado.

Pero resulta que non foi así, dado que goberno do estado atopou un aliado co que non contaba na protesta sorpresiva dos controladores aéreos; diante da protesta e nunha decisión sen precedentes Zapatero decidiu decretar o estado de alarma en España e sacar o exército dos cuarteis por medio dun real decreto publicado nun BOE extraordinario o venres ás 21:30h. da noite.

"Artículo 1. Declaración del Estado de Alarma.

Al amparo de lo dispuesto en el artículo 4 apartado c. en relación con los apartados a. y d. de la Ley Orgánica 4/1981, de 1 de junio, de los Estados de Alarma, Excepción y Sitio, se declara el Estado de Alarma con el fin de afrontar la situación de paralización del servicio público esencial del transporte aéreo."

Unha decisión de tal transcendencia é a primeira vez que se adopta desde a morte de Franco, baséase nunha lei promulgada como consecuencia do golpe de estado do 23 de febreiro de 1981, e supón considerar a situación producida onte pola actitude dos controladores aéreos como situación de grave perigo para a seguridade nacional, semellante a unha agresión militar ou a un ataque terrorista de alta intensidade.

Non vou entrar en se os controladores tiñan ou non razóns para realizar esa sorpresiva protesta, pois se as tiñan está claro que as perderon diante da sociedade debido aos problemas causados a moitos viaxeiros e sobre todo a unha moi hábil actuación do ministro José Blanco que foi o suficientemente áxil como para transformar un problema laboral, e de corporativismo se se quere, nunha especie de ataque terrorista contra o que se precisa quitar o exército á rúa, militarizando o espazo aéreo e as torres de control dos aeroportos. Teñamos en conta que nin cando os atentados do 11 de marzo de 2004 se adoptou unha decisión semellante.

En poucas horas desapareceron os acordos do Consello de Ministros e todo o mundo, incluídos os que nos consideramos máis críticos cos medios de "incomunicación", pasou a ter como cuestión primordial na súa mente o estado de alarma decretado polo goberno.

Diante desta situación deberíamos reflexionar e non deixarnos levar nin por un Rubalcaba capaz de crear medo a toda a poboación cando se pon coa súa cara de circunstancias diante das cámaras, nin por uns medios interesados en crear un morbo e un estado de histerismo que agache os problemas reais espertando os máis baixos instintos das persoas con mensaxes machaconas sobre a gravidade da situación.

Onte o PSOE amosou unha vez máis a súa función de partido político totalmente comprometido co sistema e submiso diante dos responsábeis da actual crise económica neoliberal, e ao igual que non lle tremeu o pulso cando desmantelou a industria naval galega hai anos porque así llo ordenaban tampouco agora lle importa eliminar prestacións a un dos sectores máis agredidos neste momento pola crise como son os parados de longa duración ou atacar o dereito a unha xubilación digna.

E para evitar un debate social sobre esas medidas aproveitou a ocasión que lle puxeron en bandexa os controladores para facernos crer a todos que España estaba a sufrir un ataque que esixía a militarización dun servizo. Sendo conscientes de que a eles adoptar esa decisión apenas lles ía ter custes, pois no imaxinario colectivo séguese considerando que son unha organización progresista e por tanto só usa a forza, neste caso a forza militar, cando non queda outra saída, fronte a unha dereita que ten por norma facer uso desa forza a cada pouco.

Os comentarios da xente e as conversas que ouvimos na rúa son para tremer, pois ninguén fala da agresión contra os parados e do ataque ao sistema de xubilacións, semella que o goberno non adoptou ningunha decisión a eses respecto; todas as conversas xiran ao redor da necesidade de empregar a man dura contra eses criminais que son os controladores aéreos.

O PSOE cruzou unha liña que pensabamos infranqueábel, despois de empregar o exército unha vez para rematar cun conflito laboral a veda está aberta, e diante dunha parte da sociedade cada vez máis idiotizada e infantilizada todo é posíbel. Senón lembremos o ambiente de medo que se creou coas historias sobre os supostos piquetes violentos nos días previos á folga xeral do 29 de setembro.

En palabras de Goebbels "unha vez que un goberno ten a un pobo aos seus pés, unha vez se fixo coa súa conciencia, entón pode facer con el o que queira"