A cuarta parte dos orzamentos dos Concellos gástase en competencias doutras administracións
06 de maio de 2011 (00:00 h.)
O marco legal no que nos movemos comprende a Lei 7/85 do Estado, Reguladora das Bases do Réxime Local, e a Lei 5/1997 de Administración Local de Galiza. Ambas leis necesitan unha urxente revisión que no caso da lei estatal é unha tarefa pendente desta lexislatura, sendo anunciado repetidas veces o novo texto que non chega. No caso da lei galega vénse argumentando que é preciso esperar á modificación da lei de bases xa que esta é unha lei marco e córrese o perigo de tela que modificar outra vez tras a revisión da primeira.
Nelas fíxanse uns servizos mínimos a prestar por todos os municipios: alumeado público, cemiterios, recollida de residuos, limpeza das vías, abastecemento da auga, rede de sumidoiros, acceso aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas e control de alimentos e bebidas. Ademais os concellos con poboación superior aos 5.000 habitantes deben prestar os servizos de biblioteca, parques, mercado e tratamento de residuos.
Protección civil, prestación de servizos sociais, prevención e extinción de lumes e instalacións deportivas de uso público corresponde aos maiores de 20.000 habitantes, e por último os que superan os 50.000 deben prestar os de transporte colectivo urbano e protección do medio ambiente.
Có eufemismo de gasto non obrigatorio dos municipios a Diputació de Barcelona ven de publicar un estudo para o período 2004-2007. Nel, pódense observar algúns datos referidos a Galiza que, a falta dun necesario estudo no noso país, serven de certa referencia. Así, no ano 2007, cada galego e galega apartaron 180,25 euros para o desenvolvemento destas competencias impropias, aproximadamente a cuarta parte do orzamento total.
Chama a atención o dato de que son os concellos menores de cinco mil habitantes, e polo tanto os que máis sofren normalmente da penuria económica, dos que máis cartos empregan nestes servizos, 191,93 euros por habitante no 2007, solo superados polos 194,96 euros dos maiores de 50.000. Quizais a maior proximidade á veciñanza fai máis evidentes as necesidades das persoas e torna en prioritario prestar determinados servizos que son esenciais para o correcto desenvolvemento diario, sen preguntarse se o servizo é de competencia municipal ou non.
Determina o estudo catalán para 2007 que é a cultura o gasto non obrigatorio que leva en Galiza a maior porcentaxe cun 27,2%, seguido da seguridade e protección civil cun 26%, enténdase que hai moitos concellos que teñen policía local sen a obriga de dispor dela. Máis lonxe quedan a promoción social, 18,2%, e servizos comunitarios e sociais cun 8,5%. Atopámonos neste punto cunha seria discrepancia en relación por exemplo ao ensino que o estudo fixa no 2,13 % e, segundo os datos de que dispoñemos, neste sector empréganse uns 70 millóns para toda Galiza, é dicir máis do 10% dos gastos impropios.
A discrepancia pódese deber as distintas particularidades de Galiza, entre elas a vixencia do Pacto Local, onde queda claramente determinada como impropia a competencia en Ensino en canto a gastos de mantemento e o compromiso da Xunta de ir asumíndoos pouco a pouco. Queda evidenciada pois a imperiosa necesidade da realización de estudos galegos, onde se obteñan datos reais e adaptados, non só en canto a competencias impropias, senón de toda a economía local. Dispor destes datos faría que a determinación de necesidades de cada concello fora máis obxectiva e polo tanto levara a un reparto de participacións ou subvencións baseado en realidades e non en criterios políticos partidistas e clientelares.
Hai gastos que teñen os concellos que son dificilmente entendibles como os de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal, competencia claramente da Xunta, ou os dos centros de ensino, onde o concello asume gastos de comedor, calefacción, mantemento e persoal non docente coa única contrapartida de estar presente no consello escolar, con voz pero sen voto, cousa disparatada pois o que paga non pode entrar na decisión de canto e en qué se gasta.
Non menos importantes son aqueles servizos que se lles prestan a outras administracións de xeito gratuíto pero que non resultan así para o concello. Así, e non supón un pequeno custo en cartos e persoal, hai que facer trámites para Facenda, Tráfico e o INE (Estatística). Non estaría de máis estudar a posibilidade legal de cobrar por estes servizos, cando menos polo seu custe real.
Atopámonos nestas competencias impropias coa picaresca de que unha administración, á que corresponde a competencia, establece unha subvención a un concello para que realice determinado servizo por unhas cantidades, as veces, ridiculamente inferiores ao seu custe real, correndo o perigo, por outra banda, de que unha vez establecido o servizo e funcionando durante algúns anos, se retire a subvención e quede todo en mans do concello.
Competencias como as telecomunicacións, temos o recente exemplo da implantación da TDT, de competencia claramente do Estado, son graciosamente atribuídas aos concellos por Lei ou Decreto sen dotación económica. Facúltase aos concellos a suplir a falta de cobertura naqueles lugares onde non resulta rendible para as operadoras instalar aparellos repetidores. O concello carga unha vez máis coa instalación dun aparello, que con sorte consigue mediante unha subvención da Xunta, pero do que ten que afrontar o seu mantemento e posibles avarías.
Lembremos agora as propostas do BNG no seu programa electoral para as vindeiras eleccións locais en canto a mellora do financiamento local. Entendemos que é necesario abordar a reforma do sistema de participación nos ingresos do Estado (PIE), integrando o financiamento dos concellos nos orzamentos da Xunta, permitindo unha adaptación ás características do territorio e da ordenación local do noso país. Ademais é preciso incorporar criterios no reparto xustos para Galiza como a dispersión do territorio e o avellentamento da poboación que provocan un maior custe nos servizos prestados.
Tamén, e tal e como se apuntaba ao principio, é precisa unha Lei Galega de Facendas Locais, na que se amplíe o Fondo de Cooperación Local (FCL) xuntando recursos procedentes do PIE, os do propio FCL incluíndo o fondo extraordinario de 2010 e as subvencións recorrentes finalistas que teñen condicións e prazos leoninos e están absolutamente expostas a consideracións partidistas e ao clientelismo.
Para rematar é precisa unha fiscalidade local onde se pague en relación coa capacidade tributaria dos suxeitos e se busquen novas vías para as taxas como, por exemplo, a utilización do espazo radioeléctrico (telefonía móbil) e a ocupación da vía pública (caixeiros automáticos).