A calidade da auga do mar, ou por que temos zonas "C"?

A calidade da auga do mar, ou por que temos zonas "C"?

Non é necesario ser biólogo ou bióloga para saber que se as rías son os pozos negros da poboación que vive arredor delas, (e máis aínda cando o son as zonas onde producimos o marisco que imos comer e/ou vender a outros para que o coman) a calidade da auga do mar non será a adecuada para a produción con garantías sanitarias.

Ao non haber depuración de ningún tipo os residuos fecais chegan directamente ao mar. Os bivalvos (mexillóns, ameixas, berberechos...) son animais que se alimentan filtrando a auga do mar, e ao mesmo tempo que reteñen o fitoplancto, tamén o fan coas bacterias fecais. Por iso estableceuse unha clasificación das augas segundo a súa contaminación por bacterias igual para toda Europa. Utilizando unha bacteria, a E. coli, como indicadora de esta contaminación, de maneira que con 100 gramos de vianda e líquido intervalvar de bivalvos (o que resulta de abrilos e baleirar todo o contido), se obtemos menos de 230 E. coli é unha zona A, pódese consumir; de 230 a 4.600 é unha zona B, pódese consumir en fresco despois de pasar por unha depuradora e de 4.600 a 46.000 é unha zona C, non se pode consumir en fresco, polo risco que ten para a saúde.

A cousa é así de simple, a 2010 non temos depuración de augas residuais urbanas na maior parte das poboacións costeiras do noso pais. Pero comecemos polo principio. Aínda que non debería ser necesario, había unha directiva comunitaria que obrigaba á depuración das augas residuais de todas as poboacións de máis de 2.000 habitantes para o 1 de xaneiro de 2006, coñecida pola administración xa desde o século pasado, pero realmente fíxose algo? É evidente que non, estamos no 2010 e non hai nin para as de 2.000, nin para as de 3.000, nin para as de 300.000.

A consecuencia disto gran parte dos nosos bancos marisqueiros están situados en zonas C, é dicir o marisco que alí hai non se pode consumir en fresco, a única posibilidade que existe é extraelo, trasladalo a unha zona A (que non temos nas rías) ou B e esperar que pasen dous meses ate poder extraelo de novo para a súa comercialización, isto ademais de ser dobre traballo implica unha importante perda por mortaldade, como ocorre en calquera traslado de marisco, e iso se hai un lugar a onde trasladalo. Hai outro factor importante a ter en conta, cando non hai depuración das augas residuais, o aporte de materia inorgánica (plásticos,...) e sobre todo orgánica (restos de comida,...) é moi elevado de modo que se deposita sobre o fondo dos bancos marisqueiros deteriorándoos e reducindo a súa capacidade produtiva, axudado tamén polos recheos indiscriminados feitos por todas as rías que cambian as correntes e crean zonas de acumulación de sedimentos. Isto é fácil de comprobar mirando na páxina web de "pesca de Galicia" na que se ve como de ano en ano os resultados das campañas marisqueiras para as diferentes especies diminúen (excepto para a ameixa xapónica), a pesar dos aportes de area, cartos e esforzos gastados en rexeneracións de bancos marisqueiros.

Podemos pensar que esta é unha situación normal na UE ou no Estado Español, pero non é así, hoxe só Euskadi e Galiza (e no noso caso aínda mais grave por ser os maiores produtores de marisco con moitísima diferencia) somos os únicos que temos zonas C, todo o Mediterráneo, ou zonas tan densamente poboadas como a baía de Cádiz son zonas A ou B.

A solución é simple, como en calquera outra situación, un problema se amaña eliminando a causa que o produce, é dicir facendo as depuradoras, foi isto o que se fixo?, non. Podemos ver no BOE do 30 de Abril de 2003 a cualificación das augas costeiras para produción de moluscos no estado español, un calco da actual 7 anos despois, en concreto en Galiza a punto de sacar unha nova (que non vai ser para mellorar) a última é de 7 de decembro de 2.006 a situación é a mesma.

Entón que se fixo durante todo este tempo? pois menos solucionar o problema fíxose de todo. Introduciuse unha especie moito mais resistente a ambientes degradados, a ameixa xapónica, de aí o seu incremento en produción, unha especie allea pero resistente a costa das nosas, menos resistentes pero de mellor calidade. Fixéronse mil promesas de comezos e remates de obras, en concreto o actual secretario da sucursal do PSOE en Galiza e antigo conselleiro de medio ambiente foi á Ferrolterra até en tres ocasións para anunciar o comezo das obras da depuradora da zona sur da Ría de Ferrol (outono 2.007, outono 2.008 e pouco antes do comezo da campaña das eleccións de 2.009), por suposto non foi así, hoxe por fin xa comezaron, veremos cando rematan. E a última ocorrencia a da consellaría do Mar, que queren que de novo (como antes de xaneiro de 2.006) se poda volver a comercializar o marisco procedente de zona C en fresco, levan así varios meses a pedir á UE que permita unha moratoria para a comercialización en fresco tras unha depuración "intensiva", que realmente se tería que chamar "extensiva" porque a depuran igual pero máis días. A última noticia é do día 2 de abril de 2010 a "Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición (AESAN)" apoia á Consellaría do Mar para pedir en Bruxelas que o marisco procedente das zonas C poda ser comercializado tras "depuración intensiva". O problema está en que a E. coli é unha bacteria indicadora, isto quere dicir que a súa presencia indica que existe contaminación por fecais e/ou outras bacterias virus e microorganismos, con esta depuración extensiva elimínase a E. coli, pero non as outras, xa houbo moratoria até xaneiro de 2.006, e por algo está prohibida agora a súa comercialización, son criterios biolóxicos e sanitarios os que se utilizaron para esta normativa, e só saltándoos sería posíbel modificala, aínda así seguiríamos a ter zonas C, o noso marisco sería de terceira división e non mellorarían os bancos marisqueiros.

As infraestruturas en Galiza parece que son dunhas dimensións ciclópeas, as autoestradas tardaron en chegar, o AVE cando chegue será mais lento e a culpa é das montañas galegas, que son como o Himalaia, ao final vai ser que os Sherpas son do Courel. Coas depuradoras igual, facer unha depuradora para Vigo é unha obra mais complicada que unha estación espacial, non sei como fixeron en Barcelona, ou Sevilla con un millón de habitantes e a desembocadura do Guadalquivir B. Aquí todo é mais lento, parece ser mais caro, cando non é imposíbel.

A explicación de todo isto é tan simple como penosa e dolorosa, o interese polo nosos sectores produtivos e pola nosa saúde non existe. O noso sector primario é un problema para España, a pesca e o marisqueo non son do interese do goberno español nin das sucursais dos partidos estatais.

Temos que defender e potenciar os nosos sectores produtivos, e o noso sector primario é fundamental. Hai que seguir a producir alimentos que teñen que ser de calidade, e necesitamos solucionar isto xa. As depuradoras son imprescindíbeis para recuperar as nosas rías, para poder aumentar a produción marisqueira e crear mais postos de traballo, para producir marisco con garantías sanitarias en toda a nosa costa e para ter tamén unha costa limpa para o lecer e con saúde para todos e todas.