Venezuela despois do 26 de setembro
O pasado domingo celebráronse en Venezuela eleccións parlamentares e como se fala moito de quen gañou e quen perdeu pero a penas aparecen os resultados obtidos por cada un dos que se presentaban quero lembralos aquí; a alianza PSUV-PCV (Partido Socialista Unido de Venezuela-Partido Comunista de Venezuela) que apoia o proceso bolivariano acadou 98 dos 165 deputados en disputa, a MUD (Mesa de Unidade Democrática) na que ía toda a oposición ao proceso bolivariano obtivo 65 deputados e o PPT (Patria Para Todos), pequeno partido que até hai poucos meses apoiaba a Chávez, fíxose con 2.
Para un lector imparcial do noso e de calquer outro país do mundo os resultados das eleccións venezolanas amosan unha clara vitoria da opción que apoia o proceso bolivariano e unha derrota tamén clara da oposición ao mesmo, pero en poucos medios de comunicación podemos ler novas ou artigos de opinión que recoñezan ese feito; e iso que estamos a falar dun presidente que leva 11 anos no cargo e obtén perto do 60% dos deputados que se elixen, un resultado que para si quererían a maioría dos gobernantes que coñecemos.
Aquelas persoas e organizacións que seguimos con interese, e apoiamos na medida das nosas posibilidades os procesos políticos transformadores que se están a desenvolver en América Latina, non podemos deixarnos enganar polos titulares dos medios de comunicación do sistema, non só por ideoloxía senón fundamentalmente para manter unha boa saúde mental.
Para aqueles que gosten de facer un exercicio de comparación sobre o xornalismo de calidade, a imparcialidade e o bon facer dos opinadores e tertulianos recoméndolles que na vindeira semana fagan seguimento das crónicas ao respecto das eleccións do domingo día 3 de outubro no Brasil. Ese día celebraranse eleccións presidenciais, federais e estaduais nese país sendo a previsión que a alianza nucleada ao redor do Partido dos Trabalhadores do presidente Lula gañe as presidenciais (non está claro se en primeira volta ou tendo que acudir a unha segunda o 31 de outubro) e teña un avance nas outras dúas convocatorias pero sen acadar a maioría nelas.
O exercicio que propoño consiste en que mentres facemos seguimento do que se di ao respecto do proceso eleitoral brasileiro vaiamos comparándoo con todo o que nos contaron e publicaron ao longo desta semana sobre o acontecido en Venezuela. Non se me dá demasiado ben o labor de pitoniso pero de seguro que non hai cor entre o tratamento que se lle dá a un caso e ao outro.
E ollo, que ninguén interprete neste exemplo que poño de xornalismo comparativo un posicionamento crítico meu para co proceso de cambios no Brasil senón todo o contrario, considero que cada un co ritmo que debe levar en función da súa propia realidade nacional e social o Brasil de Lula e a Venezuela de Chávez son os eixos básicos para que o resto de estados latinoamericanos poidan seguir adiante os seus proxectos de cambio e integración rexional. Disto tamén son conscientes a administración norteamericana e a Unión Europea moi interesadas en contar con gobernos totalmente plegados aos seus intereses e en fabricar imaxes de radicais, léase Chávez ou Evo Morales, e moderados, léase Lula, tentando así dividir a aqueles que en América Latina loitan por unha nova orde.
O primeiro que debemos clarexar ao respecto do acontecido o día 26 en Venezuela é a composición da actual Asemblea Nacional, nas anteriores eleccións celebradas no ano 2005 a oposición a Chávez retirouse do proceso electoral sabedora de que sería derrotada no caso de chegar ao día das votacións; por tanto nos últimos cinco anos o parlamento venezolano contou cunha amplísima maioría de deputados e deputadas que apoiaban as reformas propostas polo presidente Chávez e o proceso bolivariano, unha maioría que non se correspondía coa realidade social do país. Ese feito foi o que permitiu que en Venezuela neste período puideran producirse importantes avances lexislativos froito da coxuntura interna da cámara e que en moitos casos non se correspondían nin co nivel de concienciación ou de apoio do pobo a eses avances nin coa verdadeira correlación de forzas na rúa.
É certo que un dos obxectivos de Chávez era obter 110 deputados para poder manter o ritmo das transformacións, pero non deixa de ser tamén certo que ese obxectivo era demasiado ambicioso, moi difícil de acadar nunha sociedade tan polarizada e na que se deu unha intensificación da actividade desestabilizadora por medio de campañas de prensa a nivel nacional e internacional, actividades contrarias ao goberno de supostas ONGs e unha constante inxección de recursos económicos provintes da administración norteamericana para que os grupos opositores exerceran o seu labor.
O novo panorama institucional que se abrirá en xaneiro coa constitución da nova Asemblea vai esixir dos que apoian o proceso, fundamentalmente do PSUV e de Chávez, moita man esquerda ao ter que lexislar e gobernar nunha situación totalmente distinta á dos últimos cinco anos.
E a nivel propiamente partidario o PSUV, que hoxe funciona case unicamente como estrutura de apoio electoral ás ideas de Hugo Chávez, deberá constituirse como un verdadeiro partido político; o proceso bolivariano que ten como principal activo a figura e o carisma de Chávez precisa dunha estrutura sólida, con vida propia que defenda as transformacións e se abra camiño nese importante sector de poboación, algúns din que pode ser dun 30% do electorado, que non estando coa oposición ten serias reticencias a dar un apoio total ao chavismo. Unha axenda propia e independente do goberno e do comandante Chávez e o establecemento dun marco de relacións estábeis cos seus aliados, hoxe só o Partido Comunista pero non sabemos que evolución pode darse no PPT ou nalgúns pequenos sectores encadrados neste momento nunha oposición que concurriu baixo a Mesa de Unidade Democrática sen programa e cun único punto en común, o de declarárense neste momento todos os seus integrantes como anti-chavistas.