Un petardo identitario pronto a estoupar (II)


O Perú, a nosa patria, non é chacra dos que se apropiaron dos seus recursos nin de os que fixeron fortuna sobre a base da explotación, a dor e a fame dos máis humildes, nin dos que se serviron sempre da caixa fiscal e de condenábeis negociados entreguistas das nosas riquezas naturais, propiedade de todos os peruanos.

É hora da unidade máis férrea de todo cidadán que se recoñeza como propietario da súa patria, da súa historia, da súa riqueza cultural. O Perú non empeza como civilización cando se instala o colonialismo español, tampouco na instauración da república en 1821. A nosa patria empezou moito antes, pois construímos unha das civilizacións máis brillantes da historia humana. E alí está Caral primeira cidade de América e alí érguese Machu Picchu venerábel cidadela que sorprende os límites da intelixencia humana. Alí están os nosos achegues á civilización universal, a nosa ciencia e técnica que en nada debe envexar as nacións máis avanzadas, producido polos nosos pobos milenarios pre colombinos sen a contribución doutras civilizacións. E vive en permanente perigo a nosa Amazonía o último bastión de osíxeno do noso planeta e o emporio máis rico en biodiversidade e auga. Todo iso obríganos repensar o Perú como insistiu clamorosamente na súa convocatoria inclusiva "todos os sanges" o noso preclaro José María Arguedas

O Perú albergou e permitiu espazos a todos cantos viñeron máis alá dos mares: europeos, chineses, xaponeses, africanos. Todos eles estableceron connosco as súas vivencias, e acollémolas, dando forma a un pobo en calidade sincrética en proceso de desenvolvemento. Os peruanos non gardamos rancor nin entrañamos vinganzas. Os peruanos queremos gozar da beleza da nosa patria, participar da edificación do seu porvir dignamente. Os peruanos non temos vocación de raspiñeiros, a nosa opción é polo traballo digno e por unha patria soberana. Loitamos por garantir un destino vivíbel para os nosos fillos e netos.

Están perdidos. Os adultos maiores non soportan máis a cruel submisión á pobreza, ao descarte, ao desprezo. Non poden esperar máis os nosos pobos orixinarios abandonados secularmente. Os mozos traballadores non albiscan un porvir venturoso como o merecen. Non temos estatística de fogares rotos, produto da insolvencia económica e a desocupación. As rexións peruanas ricas en minerais e recursos enerxéticos non tolerarán máis ser testemuñas da subtracción das súas riquezas a cambio da destrución do seu medio ambiente, envelenamento dos seus ríos, talla irracional que liquida flora e fauna, nin da interrupción dos seus modos ancestrais de vivir a cambio duns poucos postos de traballo con contratos laborais lesivos aos seus dereitos, mentres outros negocian protervos intereses.

A nosa patria non soportará máis ser despensa das transnacionais, tolerando a súa triste condición exportadora de materias primas e que impide un desenvolvemento sustentábel científico e industrial con valores agregados.

O racismo subxacente, a mentira e a suposta desmemoria, o cal é unha realidade, debe ser asumido coa responsabilidade que merece e non debe ser usado como arma de ataque ao adversario porque esa actitude condena a quen a usa a que ese petardo estale nas caras de quen pretenden seguir dividindo ao Perú.

A diversidade únenos en singular sincretismo:
¡Sierra de mi Perú, Perú del mundo,
y Perú al pie del orbe; yo me adhiero![1]

Estamos na antesala dun novo período histórico na nosa patria, o noso deber é loitar esforzadamente por compartir criterios fundados en xustiza social. Construír unha nova democracia que, partindo do mellor da peruanidade, restableza a felicidade e a convivencia humana coa nosa real historia. Unidade na diversidade, si, pero con distribución democrática, sen abdicar dos aspectos substanciais do proxecto Gana Perú.

[1] Cesar Vallejo. Telúrica e magnética, Poemas humanos.


[ TRADUCIÓN DO ESPAÑOL PARA O GALEGO DE ESTHER VÁZQUEZ VÁZQUEZ ]