Un país democrático?

Os datos que aparecen neste texto son de doado acceso na rede correspondendo a meirande parte deles a informes de entidades nada sospeitosas de subversivas; o país ao que fan referencia non forma parte do eixo do mal, por tanto non estamos a falar nin de Irán, nin de Siria nin de Corea do Norte, etc.., trátase dun deses estados chamados "democráticos".
O actual presidente dese estado e o resto de autoridades non teñen impedimento para pasearse polo mundo, participar en cimeiras internacionais e dar leccións de democracia a algún dos seus veciños.
Aí van os datos e despois cada quen que se faga a súa composición de lugar:
- é o terceiro estado do mundo en desigualdade segundo o programa das nacións unidas para o desenvolvemento, só superado por Haití e Angola nun listado de 129 estados,
- rexistra o maior número de desaparecidos no seu continente con 55.200 persoas desaparecidas nos últimos 30 anos,
- 2.857 sindicalistas foron asasinados nos últimos 25 anos, o que supón que o 60% dos sindicalistas asasinados no mundo pertencen a ese estado,
- entre 2002 e 2010 foron asasinadas polo exército máis de 3000 persoas no que se coñece como "falos positivos", é dicir, persoas secuestradas e asasinadas por forzas militares ás que posteriormente vestían con uniformes de guerrilleiros para dar unha imaxe de eficiencia na loita contra os insurxentes e cobrar as recompensas que podían ser económicas, en ascensos na carreira militar ou en días de descanso,
- segundo dados gubernamentais de 2010 é un estado con 45,5 millóns de habitantes dos que hai cando menos 3,7 millóns de desprazados internos, outras fontes falan de 5 millóns,
- entre 1986 e 2001 foron asasinados por grupos paramilitares, exército e narcotraficantes 5000 militantes da que chegou a ser a terceira organización política do país, entre eles dous candidatos presidenciais, 8 congresistas, 13 deputados, 70 concelleiros e 11 alcaldes. Até hoxe a inmensa maioría deses crimes están impunes e viven fóra do país centos de cadros políticos e sindicais de esquerdas acollidos a programas de acollemento humanitario internacional,
- desde hai máis de 50 anos dáse unha situación de guerra non recoñecida operando diversos grupos guerrilleiros con milleiros de homes e mulleres armados, que contan con apoio social e manteñen un número importante de persoas secuestradas.
- posúe unha cantidade inxente de recurso naturais con petróleo, minería, café, etc....,
- está considerado o segundo país máis rico en biodiversidade do mundo,
- é o maior produtor de cocaína do mundo,
- conta co exército máis numeroso e mellor armado da zona, sendo despois de Exipto e Israel o maior receptor de axuda militar norteamericana.
Estes datos son de Colombia.