Tristes tigres de papel
21 de marzo de 2011 (23:00 h.)
Nunca os países árabes tiñan ocupado ata tal punto a atención informativa nos medios de comunicación a nivel mundial; nin tan sequera no momento de acontecementos tan subliñados como a caída do Sha de Persia e a construción do estado islamista iraní, os diferentes enfrontamentos en Palestina, a guerra de Irak ou as consecuencias do 11 de setembro de 2001 nas decisións xeoestratéxicas a nivel mundial, foran capaces de captar a inusitada atracción que se ten espertado pola súa situación política nos últimos dous meses e, en particular, cun carácter tan global.
O impacto do tema nos medios de comunicación
Ben e certo que a magnitude alcanzada polas reiteradas manifestacións e actos de protesta levados a cabo en todo este tempo e as primeiras consecuencias políticas que se teñen derivado delas coa caída das autocracias tunecina e exipcia ou o conflito armado que se está a desenvolver en Libia semellan xustificar dabondo este cambio de actitude na aparencia, convertendo un acontecemento político do que aínda non se poden calibrar suficientemente a súa importancia e significación nun foco de atención e reflexión pero, en maior medida, nun produto ben rentable e atractivo para captar a atención dos potenciais consumidores de informacións transcendentais e transcendentes. Nunha moi recente avaliación estatística do seu impacto nos medios audiovisuais se sinala que, dun 5,7% de noticias internacionais no mes de xaneiro se pasou a un 17,7% en febreiro, cunha especial incidencia nas cadeas de radio nas que creceu ata un 22%. Nun rosario de informacións bastante repetitivas e estereotipadas trufadas con espectaculares directos cociñadas coa opinión dunha morea de analistas e expertos que regalaron, é un dicir, as súas apreciacións máis triviais cando non os seus argumentos máis prexuiciosos e ideoloxizados nun esforzo por facer das súas particulares valoracións as bases da nosa información. Descoñecía eu que neste estado tan pouco dado a mirar máis alá do seu embigo dunha maneira desinhibida houbese tal nómina de expertos e estudosos nos países islámicos.
Unha realidade social ata hai ben poucos días cualificada de atrasada, anacrónica, ancorada nas marxes do presente e imposibilitada cara o futuro, se convertía por mor dunhas circunstancias non anticipadas por eses mesmos analistas nin, polo que semella, tampouco por outros non menos finos e capaces que asesoran aos gobernos europeos e aos servizos de información, no cerne dunha revolución no panorama político mundial, na vangarda de quen sabe que ignotas esperanzas. Así algúns nos profetizan un renacemento islámico de imprevisibles e intranquilizadoras consecuencias. Outros nos colocan diante do equivalente da Revolución Francesa de 1789 no mundo árabe. Outros máis nos falan dos ecos do 1968 europeo, sen pensar que de ser así puidera ter para aquel mundo as miserentas consecuencias políticas que trouxo para o noso. Para aqueles ábrese unha nova era para as democracias no mundo. E aínda hai quen pensa que nesta hora se deixa paso a unha nova esperanza na percura dun orde social máis xusto e igualitario. O caso é darlle ao fenómeno a significación e a transcendencia que cada quen queiramos que teña e valorizalo dende as nosas coordenadas e cos nosos propios valores semánticos e sociopolíticos sen entender aos seus protagonistas, sen escoitalos e sen esperar a que eles teñan de clarificarse sobre os seus intereses e o seu futuro.
De certo, porque nunca deixamos de concibir a esperanza e o desexo agachado de tutelalos como non deixamos de querer facelo dende que, no século XIX, concibimos a imperiosa necesidade de ensinarlles as vantaxes das sociedades máis favorecidas e desenvolvidas a cambio do seu sometemento e da explotación abusiva dos seus recursos. Pero... ¿qué dis?. Si nós xa o tíñamos todo esquecido. Si agora todos somos estados soberanos e cun recoñecemento diplomático semellante...
Este é o papel que terían de xogar os nosos estados?
Nada se fala, por certo, do valor que o petróleo que se produce na zona ten para as economías occidentais, nin da importancia da estabilidade do mediterráneo e da península arábiga para o mantemento das vías comerciais dos produtos enerxéticos, nin das presións creadas para canalizar as revoltas cara a minimizar e relentizar as súas aspiracións ben pola vía de outorgarlle un papel de liderazgo moderador ás institucións militares (caso de Túnez ou Exipto), propiciar unha política de cambios institucionais destinada a frear as inquedanzas sociais (como ten sucedido en Xordania, en Arxelia ou, de forma ben paradigmática, en Marrocos onde ademais se tenta de utilizar a entrega do Sáhara Occidental como moeda de troco) ou, simplesmentes, se recorre á represión brutal, limpa e eficaz (casos de Omán, Yemen ou Bahrein onde ten acadado un importante protagonísmo o goberno saudí).
Un caso á marxe da evolución xeral é o de Libia, onde semellaba de producirse un proceso parello ao de Túnez ou Exipto. ¿Qué é o que o fai diferente? Nunha dinámica marcada polo protagonismo da revolta e a crecente deslexitimación do tirano (recoñecido e aceptado até ese momento polas nacións europeas ou os Estados Unidos) parecera non ser a mesma a identificación co espírito de revolta do seu pobo do conxunto da estrutura militar ou cicais non fora a mesma a influencia estadounidense no seu seo que a producida nos exércitos dos outros estados próximos.
O resultado, un inicio de loita civil e unha tutela indisimulada lexitimada polas Nacións Unidas en nome duns dereitos humanos que se conculcan tanto ou máis do que se apela a eles. Decisión que, segundo as verbas do Sr. Rodríguez Zapatero, instaura unha nova era na que os compromisos internacionais na defensa dos dereitos humanos será o eixo das decisións políticas. Veremos si se cumpren estes propósitos e quen vai ter a vara para medilos.
E nós onde estamos?
Neste revoltallo de intereses e intencións, de posicionamentos diplomáticos e de declaracións altisonantes e apelando a unha ética máis ben entendida como estética, o papel da nosa diplomacia non deixa de situarse á altura das incoherencias e fallas de decisión do conxunto da Unión Europea aumentadas polos despropósitos dunha política de xestos que non de logros e que acentúa a nosa dependencia dos intereses dos nosos aliados en detrimento dunha política internacional de deseño e definición propios.
Nin tan sequera os moitos séculos de veciñanza, non sempre doada, co mundo árabe teñen evitado os nosos desconcertos.
Inspiradores dunha Alianza de Civilizacións que tería o seu inicio nun pacto mediterráneo abaneante establecido con interlocutores deslexitimados e criminalizados saudamos co mesmo entusiasmo a vontade participativa inscrita no programa das revoltas que á democracia paternalista e represiva do Reino de Marrocos; somos capaces de intentar vender os despropósitos da nosa famosa "transición" á democracia (por certo moito máis tutelada que autoxenerada) a quenes terían que ensinarnos a revoltarnos dignamente polos nosos dereitos; e pedimos esmola en Oriente mentres ofrecemos xenerosamente recursos ou solicitamos todo un Plan Marshall para os países en transformación no Occidente. Prodixiosa laboura de prestidixitación...
Alguén podería dar máis por menos?