Tombuctú e os Touareg
25 de setembro de 2012 (00:00 h.)
Xa non queda lugar seguro no globo do mundo. Nin tan sequera aquel “Oasis de Espíritos” que era a mítica cidade santa de Tombuctú, gardadora das reliquias de trescentos trinta e tres santos co tesouro da palabra e do saber. Urbe de barro, inscrita no catálogo de Patrimonio da Humanidade, que tampouco quere dicir moito. Embigo de África, ó que agora, a raíz de secuestros de cooperantes e turistas entre unha mestura de conflitos adobados de islamismo, sitúase no mapamundi. Porta de entrada ou de saída do Sahara, onde non hai máis camiños para chegar que os marcados no ceo polas estrelas ou os do corazón, que son os da santa intuición, os que todo bo viaxeiro leva prendidos. Si acaso seguindo o río Niger, que como moitos canles de auga matricial serviu, ademais de fío condutor ou de primitivo GPS, para chegar nas pinazas a Douentza e logo seguir á cidade que está a uns dez quilómetros. Viaxe que tamén pode ser de cincuenta e dous días a camelo dende a marroquí Zagora, como alí explica o famoso cartel; ou un día ben completo en todoterreo dende a maliense Mopti, nas ribeiras do Niger… camiño iniciático entre diferentes tribos, sorprendidas de atoparse con algún “tubabu”, coma chaman ós brancos, sempre rodeados de nenos e mendigos que alongan a man e piden algo. Tombuctú xa conta hoxe cunha pista de aterraxe. ncrucillada, punto de encontro con barriadas nas que montaron comercio bérberes, tuaregs, mercaderes nómadas, árabes, mauritanos, bambas... o troco do sal, ouro, especies ou camelos. Mosaico de tribos no deserto, con ancestrais ritos animistas panteístas, entre a nada e o todo. Naquela sequidade de areas e calor infernal, durante séculos vense gardando a palabra escrita, historias, cancións e contos de mil e unha noite de estrelas, bágoas e desterro.
Tombuctú aséntase no norte do Malí expansionista, o que se fixo con ela de xeito pacífico dende o século XIV, tempos da mítica dinastía de Mansa Musa, quen trouxo ó granadino Abuc Haq Es Saheli para construír a Mezquita de Djingareyber. Cidade célebre polas súas madrasas, as que na retagarda do islam, despois das bágoas de Boabdil e doutros emires destronados da súas taifas, atesourou documentos e secretos, particulares e xerais historias do islam, do saber de Grecia, Roma e Bizancio, en relación coa medicina, a astronomía, a matemática, o enigma de deus e a historia dos pobos. Urbe de adobe considerada como a primeira universidade do mundo. Lugar de acollida de desterrados hispanos, como o sabio toledano Alí ben Ziyad al-Kati, inseparable da súa biblioteca, acollido pola facción islamista do emperador Songhay. Kati significa godo (ou suevo) islamizado.
Tombuctú sempre estivo nas miras de Marrocos, o que no 1591 faise coa cidade para impor a dinastía dos Arma, ó fronte do hispano Yuder Pacha. Loita expansionista á que se suman soldados cristiáns negados, andalusís e, coma sempre, poida tamén que algún galego, para cultivar aquí, na Universidade de Sankore, todos os saberes, exipcios, persas, grecolatinos, hispanos, árabes... Síguelle o musulmán granadino León o Africano. Caravanas que cargan coa historia, coa documentación, coa visión da “Reconquista” por parte dos perdedores: pergameos coas referencias á Jalikiah, Yiliqui ou Yilliquiyya, como coñecían a Galicia e ós “perros galegos”, así tachaban ó Cid e a aqueles soldados que con Fernando III conquistaron Xaén, Córdoba e Sevilla, galegos entre os que estaba o trobeiro e almirante rianxeiro Paio Gómez Chariño... sempre a traballar para outros. Tombuctú é cidade eterna, na que aniña o efémero entre barro, po e rollas de túnicas tuareg, en pequenas casas e singulares mesquitas de adobe, en simbiose cunha paisaxe ocre, ameazada polas tormentas de area, pola desertización ou mesmo polas cheas do Niger que, de cando en vez, pode facer da cidade o milagre dun areal inaccesible. Soñada capital de ida e volta dos tuareg, sabio pobo caravaneiro, de individuos altos, negros, de ollos de acibeche, vestidos con amplas túnicas azuis que o impregnan todo e sobre as que pendura no peito a súa dignidade, feita escintilante Cruz de Agadez, un mapa do cosmos de prata e ouro. Pobo descendente dos garamantes, mercadores, ceibes entre as crenzas, mentados confusamente polos cronistas grecolatinos. África sigue a ser misterio descoñecido polo arqueoloxía. Eles foron quen lle puxo nome a este seu lonxano lugar, entre dunas e cun cotizado pozo.
,Cidade buscada polos viaxeiros de cerna: polo 1825 deica aquí chega un céltico escocés, Alexander Gordon Laing que sería asasinado; seguiulle, pese a súa vontade e como náufrago, disfrazado de musulmán, o francés Paul Jaubert , de triste historia, apresado, vendido como escravo e morto en Marrocos. Pouco despois outro dos atrevidos viaxeiros será René Caillié que retornará para dar conta da súa peripecia . No 1893 o imperio colonial francés faise co Sudán Francés, que incorporará a Tombuctú, pese á permanente oposición tuareg, provocados polo colonialismo, até o 1960 no que se conforma o estado de Malí. Recentemente o singular caudillo de Libia, Gadafi, tentaba negocios
reaproveitando e reconducindo as augas fecundadoras do Niger… hoxe guarida de terroristas entre as dunas e carcasas avións caídos, de escindidos de Al Qaheda, santuario yahadista na trama de secuestros de indefensos turistas aventureiros ou cooperantes, como o caso de Médicos sen Fronteiras, a cambio dos seus apresados ou de cuantiosas sumas de cartos. A causa tuareg aparece islamizada, iso é o que espallan os medios.
No abril do 2012 unha facción dos tuareg volveron á carga contra as forzas de Mali, o asunto parece confuso entre as tribos imperantes, aínda que se atribúe ó grupo islámico integrista, facción da Al Qaheda do Magreb, Ansar Dine (Defensores da fe). Revolta, parece ser, comandada po Iyad, Ag Ghaly, partícipe na rebelión tuareg de 1990, pretendendo establecer a saharia, máis que a liberación do pobo tuareg. Atribúeselle arremeter contra monumentos considerados impíos... A preocupación reina ante tanto legado escrito, ó que non debe ser alleo o goberno de España e menos a Junta de Andalucía, que dende o 2003 xa ten axudado a conservar, organiza re dixitalizar a biblioteca Andalusi de Tombuctú, co devandito Fondo Kati. Os Kati, saga familiar de escritores que tradicionalmente coidou como un tesouro este legado documental que vai do século X ao XVI, imprescindibles para coñecer, dende a vetada visión islámica, o acontecer na península ibérica. A historiadora do Consello Superior de Investigacións Científicas, Ana M. Carballeira Debesa, abriu un camiño co seu traballo “Galícia e os galegos nas fontes árabes medievais”. Tombuctú e o fondo Kati ilusionou ó poeta ourensano Xosé Anxo Valente, seu máis grande defensor, que alí ten placa e lle da nome á biblioteca, por desexo do seu director, un membro do clan dos Kati - eslavón do rei Witiza, aquel que tivo capital no Tui da Galiza suévica - o sabio Ismael Diadié Haidara, como un Gandhi , coidador, entre as treboadas, da fraxilidade dos documentos, do don da palabra, a sacra tradición de Tombuctú.