Siria, moito máis que unha escaramuza

Estamos diante dunha nova guerra imperialista baixo a careta da defensa dos dereitos humanos de poboación civil indefensa, un argumento demagóxico que empregan as potencias occidentais encabezadas polos Estados Unidos só cando convén aos seus intereses.
Agora tócalle a Siria pero anteriormente nesa mesma zona foron Iraq e Libia, amosando así occidente pola vía dos feitos e empregando a diplomacia dos misís que a zona comprendida entre o Magreb e o Oriente Medio ten hoxe unha importancia xeoestratéxica fundamental.
En toda esta zona desde decembro de 2010 véñense producindo unha serie de protestas e revoltas socias coñecidas como primavera árabe que provocaron a caída de algúns réximes políticos autocráticos. Unha primavera árabe con elementos contraditorios que aínda non sabemos como vai evoluir no futuro; comprobamos neste momento en casos como os de Exipto ou Túnez que non estamos diante dun proceso rectilíneo senón que todo el está cheo de curvas, avances e retrocesos no terreo, acompañados todos os movementos dunha cada vez máis clara intervención de elementos externos á rexión que en función de intereses propios actúan como altavoces, promotores ou financiadores das mobilizacións nunhas ocasións mentres noutras manteñen ou aumentan o seu apoio tradicional aos réximes existentes.
-Nestes case tres anos tivemos moita información sobre Túnez, Exipto, Siria ou Libia pero o silenzo é case total sobre a dura represión a quen se ten mobilizado en Bahréin ou en Qatar, e non digamos nada da inexistencia oficial de protestas en paraísos como Marrocos, Arabia Saudí, Emiratos Árabes Unidos ou Kuwait.
Dez anos despois da guerra de Iraq que supostamente tiña como obxectivo desarmar a un tirano posuidor de armas de destrución masiva nunca descubertas, tócalle agora a Siria tendo pasado antes por Libia, e nesta ocasión a excusa empregada por occidente é o uso de armas prohibidas, armas químicas contra poboación civil; armas que foron empregadas non hai tanto polos Estados Unidos en Faluya e por Israel en Gaza sen que a comunidade internacional adoptara represalias.
Non vou dicir eu que o réxime sirio sexa un exemplo de democracia nin moito menos, pero se fixeramos unha comparativa ao respecto da vida en Siria e en calquera dos outros países árabes da rexión antes de iniciarse o conflito interno o resultado sería moi sorpresivo para algúns; estado laico, dereitos para as mulleres, ensino e sanidade gratuíta,... Ademais sería un erro caer no engano de que os motivos reais da intervención militar contra Siria é a vulneración dos dereitos humanos por parte de Bashar al-Assad.
,Son multitude os estados do planeta terra nos que se vulneran os dereitos humanos todos os días pero sempre aqueles estados que consideran superior o seu xeito de vida, hoxe encabezados polos Estados Unidos e a Unión Europea, son quen deciden actuar para supostamente defender eses dereitos en lugares nos que teñen intereses xeoestratéxicos, e deberíamos pararnos nalgún momento a reflexionar sobre quen ou que ente superior ten a capacidade para decidir que é a democracia neoliberal existente hoxe nos países occidentais o único réxime válido e respetuoso cos tan cacarexados dereitos humanos, quen ou que ente superior permítenos exportar ese réxime ao resto do mundo empregando as armas caso de consideralo preciso. Sobre isto reflexionaba hai agora un ano nun amplo artigo a especialista en Oriente Medio Mariela Cuadro
“…O discurso que le nas revoltas árabes a marcha triunfal da democracia liberal non é de ningún xeito inocente. Os seus defensores sosteñen que o devandito sistema de goberno debe estar acompañado da aplicación das receitas neoliberais no ámbito económico” (…)
“…é necesario tamén chamar a atención sobre a homologación que se deu entre Dereitos Humanos, liberdades e dereitos políticos. Os Dereitos Humanos, tal como están expresados na Declaración non significan só iso, inclúen tamén os dereitos económicos e sociais: dereito ao traballo, á saúde, á alimentación, á vivenda. Dereitos que moi poucos países -entre os que non se atopa ningún dos fomentadores da intervención a Siria- poden ufanarse de respectar. Os medios de comunicación internacionais e moitas voces especializadas están a xerar un consenso a favor da intervención. É un xogo de palabras irresponsábel e perigoso. Non só para os sirios en particular, senón para unha boa parte do mundo, en xeral.”(…)
Deixando xa de lado as mentiras sobre as razóns humanitarias quero engadir algúns datos aos que xa sinalei nun artigo publicado hai agora ano e medio sobre a situación en Siria, datos que entendo poden aportar algo máis sobre as razóns desa decisión tan rápida e para moitos sorpresiva de realizar unha intervención militar directa controlada, intervención que en palabras do secretario de Estado norteamericano John Kerry non busca derrocar de xeito inmediato a Bashar al-Assad.
-Neste momento só Siria impide un cerco total a Irán, pois as duas organizacións pro-iranís existentes na zona pasan por dificultades; Hamás que goberna en Gaza está nunha situación delicada despois do golpe de estado que derrocou aos irmáns musulmáns en Exipto e Hezbollah está nunha complexa situación pola reaparición da violencia sectaria en Líbano e vén de ser declarada organización terrorista pola Unión Europea no mes de xullo.
-Unha Siria en conflito armado permanente impediría un funcionamento normal do gasoduto neste momento en construción que desde Irán chegaría ao Líbano e tería capacidade para suministrar gas a Europa afectando grandemente os intereses económicos de Catar, Arabia Saudí e Turquía se entra en funcionamento.
-Os Estados Unidos, vendo que en Iraq e Libia a cousa non lles foi demasiado mal nese sentido, apostan por seguir aplicando na rexión a estratexia de crear múltiples entidades enfrontadas entre sí, de xeito que os enfrontamentos sectarios impidan unirse fronte a un inimigo común como pode ser o estado sionista de Israel.
-Para conseguir o anterior EEUU debe evitar que o réxime sirio prosiga a contra-ofensiva que nas últimas semanas lle permitiu recuperar terreno fronte a uns rebeldes que ao parar un avance que pensaban máis doado e definitivo empezan a ter discrepancias e incluso combates entre si, dadas as grandes diferenzas existentes entre os grupos controlados por Al Qaeda que cada vez teñen maior incidencia e o resto.
-Precisan evitar cunha acción contundente que aparezan novos datos que eleven a conclusións definitivas as múltiples evidencias de que até o momento só hai probas de uso de armas químicas por parte dos rebeldes, aos que se lles teñen incautado produtos para elaboralas procedentes de Arabia Saudí, Qatar e os propios Estados Unidos.
Queren unha vez máis agachar a realidade, o de Siria non é unha simple escaramuza, é moito máis que unha simple e desinteresada exportación dos dereitos humanos e a democracia.
Estamos diante dunha nova guerra imperialista, e por moito que poidamos criticar a Siria lembremos que se algún estado ten o récord en vulneración dos dereitos humanos ese é os Estados Unidos; desde as bombas atómicas lanzadas sobre Hiroshima e Nagasaki cando a segunda guerra mundial estaba prácticamente rematada simplemente para demostrar ao resto do mundo e sobre todo á Unión Soviética que eles eran quen mandaban, até a creación de Al Qaeda por parte da CIA, pasando por un Vietnam ao que non deron derrotado pese ao uso do napalm e do fósforo branco e de lanzarlles sete millóns de toneladas de bombas e proxectís de artillería, ou un golpe de estado contra o goberno democrático de Chile do que nuns días se cumprirán os 40 anos.