Reflexións no ámbito internacional (IV): O primeiro que hai que salvar é a cultura
Hai poucos días visitou Galiza unha delegación oficial cubana co obxecto de estreitar os lazos históricos de solidariedade do nacionalismo galego coa revolución cubana e ao tempo para informar sobre o proceso de transformacións económicas, e por tanto sociais, que se están a producir na illa como consecuencia dos acordos adoptados polo VI Congreso do Partido Comunista de Cuba e ratificados posteriormente pola Asemblea Nacional do Poder Popular coa elaboración e aprobación das súas correspondentes normas lexislativas. Foi unha visita demasiado curta pero intensa que cando menos a min permitiume achegarme un pouco máis á realidade cubana e coñecer as perspectivas e sensacións que transmiten os cubanos comprometidos co proceso revolucionario.
Dicir Cuba é dicir soberanía nacional, dignidade e construción dunha nova sociedade, pero dicir Cuba é tamén dicir bloqueo económico e comercial desde 1962 e país do terceiro mundo. Só tendo presentes estes conceptos poderemos facer unha análise do que acontece en Cuba, da evolución do proceso revolucionario iniciado en 1959 e das transformacións que neste momento están a realizar.
Desde que se celebrou o VI Congreso do PCC en abril de 2011 son milleiros as opinións que un pode atopar contrarias ou favorábeis ao actual proceso de cambios; non me vou centrar hoxe niso pero si recomendo a quen queira achegarse ao tema as intervencións de Alberto Betancourt e Luis Morlote o pasado martes en Compostela, e que despois de escoitalas faga a súa propia composición de lugar.
Hai algo máis de vinte anos co colapso da Unión Soviética e do bloque socialista Cuba perdeu o 80% do seu intercambio comercial contraéndose o PIB nun 35% ao tempo que se recrudecía o embargo coa promulgación por parte dos EUA das leis Torricelli e Helms-Burton; e nesa etapa coñecida como período especial (de 1990 a 1998) o pobo cubano viviu unha situación de penuria e dificultades que en calquera outro lugar do mundo tería provocado masivos movementos de protesta, enfrontamentos violentos e fortes revoltas sociais contra os gobernantes; pero en Cuba iso non aconteceu.
,Moitas veces témonos preguntado como é que Cuba non seguiu o mesmo destino que a URSS, Romanía, Bulgaria, Albania…., e penso que na frase que dá título a este artigo podemos atopar parte da resposta e esa interrogante.
No 1993, un dos anos máis duros do período especial, e no transcurso dun discurso diante do Plenario do V Congreso da Unión de Escritores e Artistas de Cuba Fidel Castro clamou “O primeiro que hai que salvar é a cultura”, unha frase que naquel momento puido semellar unha chiscadela coa que buscaba agradar aos centos de escritores e artistas presentes no evento, pero se o pensamos ben Fidel estaba con ela referíndose a algo que está na columna vertebral da revolución cubana, algo que foi fundamental para resistir e segue sendo fundamental hoxe para que a maioría do pobo cubano estea a manifestar activamente o seu compromiso cunhas transformacións que se presentan como fundamentais para poder manter as conquistas da revolución.
Formación cultural, sanidade, educación, solidariedade,… son divisas da revolución cubana e cando se fala delas os inimigos da revolución din que son simples tópicos, pero conforme un reflexiona sobre o acontecido en Cuba nas duas últimas décadas decátase da importancia desa frase de Fidel Castro. Fidel nun momento de grave crise no que as privacións podían botar pola borda todo foi consciente de que o principal dique de contención para defender o proceso revolucionario era manter o nivel cultural e de formación do seu pobo.
Foron a cultura, a formación e a conciencia nacional as que permitiron á maioría da poboación cubana asumir os sacrificios para poder manter o fundamental e impediron que cairan na gaiola das campañas despregadas sobre todo polos EEUU animando a levantarse contra o goberno e renegar do proceso revolucionario.
Daquela o pobo cubano comprendeu que ese capitalismo que lle ofrecían como futuro ideal non sería o capitalismo do estado de benestar existente na Europa nórdica senón o capitalismo salvaxe que padecían os seus veciños de Guatemala, Haití, Honduras,... E hoxe ese pobo camiña, con moitos problemas e contradicións loxicamente, na senda dunhas reformas que buscan manter as conquistas sociais ao tempo que mellorar a economía nacional e a competitividade.
Cando Fidel afirmou que “O primeiro que hai que salvar é a cultura” estaba a condensar nesa frase o escrito polo Che Guevara na súa obra O Socialismo e o home en Cuba: “Non se trata de cantos quilogramos de carne se comen ou de cantas veces por ano alguén pode ir pasear á Praia, nin de cantas belezas que veñen do exterior poden ser compradas cos salarios actuais. Trátase precisamente de que o individuo se sinta máis pleno, con moita máis riqueza interior e con moita maior responsabilidade.”