Reflexións no ámbito internacional (III): Definindo obxectivos
A Revista América Latina en Movemento adicou o seu número do mes de maio a un tema cada día máis presente nos ámbitos da esquerda latinoamericana, este tema é o do papel que debe xogar esa esquerda (considerando este concepto como algo amplo que engloba tamén a movementos denominados nacionalistas, progresistas, indixenistas, etc…) nos diversos procesos de transición política de rexímenes marcados polo neoliberalismo a gobernos de matriz popular e os obxectivos estratéxicos que se deben marcar eses gobernos.
Son diversas as organizacións políticas que hoxe introducen ese debate como un dos principais na súa axenda, e ademais en diversos medios de reflexión e análise político do subcontinente podemos atopar textos de intelectuais e cadros de organizacións políticas e de movementos sociais que participan ou apoian os distintos procesos transformadores facendo referencia á necesidade de concretar eses obxectivos de futuro. Non é por tanto casual que a edición do presente ano do Seminario Internacional organizado polo PT de México levase a debate un balance dos proxectos dos gobernos alternativos, e que non temario previsto para a XVII edición dese mesmo Seminario, a celebrar en marzo de 2013, estea incluído o punto Poder popular e as súas distintas expresións, antes e despois da conquista de gobernos alternativos de nación.
O número de maio da Revista América Latina en Movemento ábrese cun artigo do analista cubano Roberto Regalado que ten moito reflexionado e escrito sobre esta cuestión, e nese artigo lémbranos que van alá 14 anos desde o inicio dos actuais procesos políticos transformadores coa chegada pola vía dos votos de novos gobernos; procesos que xurdiron nuns casos como desenlace de graves crises no armazón institucional e no sistema de partidos de reximes afectos ao neoliberalismo, e noutros casos despois dun longo proceso de conflitividade social, acumulación de forzas e articulación de alianzas que posibilitou triunfos electorais producidos sen haber cuestionamento maioritario do marco institucional vixente. E nestes case tres lustros non se poden negar os importantes avances acadados en moi diversos ámbitos: mellora no nivel de vida, recuperación dos dereitos dos pobos orixinarios, defensa da economía nacional, situar a defensa da soberanía, a integración continental e o anti-imperialismo en primeiro termo do debate político, etc...
Xestión aceptábel, melloras das que se benefician as maiorías, etc….., pero á hora da verdade o debate non está aí, e moi recentemente puido comprobarse en El Salvador como esa xestión e esas melloras non eran quen por si soas de impedir que a FMLN perdera unhas eleccións lexislativas no Salvador nas que aumentou a abstención nun 10%.
Aqueles que de verdade pretendan facer política transformadora non poden esquecer a necesaria resposta á frase de Rosa Luxemburgo, Reforma ou revolución, ou o que é o mesmo, en procesos pacíficos de acceso ao goberno por medio de eleccións como os actuais e en calquer outro proceso debe terse claro que a acción de goberno só ten utilidade se é un instrumento para avanzar, mellorando a correlación de forzas e creando ideoloxía. E sobre isto dicía no mes de marzo á hora de facer un primeiro balanzo do retroceso electoral no seu país Nidia Díaz (secretaria de relacións internacionais da FMLN) “…Podemos dicir que non se impulsou en todos os municipios unha visión do poder popular, do desenvolvemento local articulado co desenvolvemento nacional. Que non se aproveitou a articulación das políticas públicas coas locais, etc. Nas alcaldías non basta só facer obras se estas non están ligadas á organización e construción do poder popular.”
Semella que algo se ten aprendido do pasado e cando menos os sectores máis lúcidos do amplo mosaico que sustenta os diversos procesos transformadores latinoamericanos están pensando no realmente importante para asentar unhas bases sólidas e permanentes.