Reflexións no ámbito internacional (II): Agora podería ser México

Reflexións no ámbito internacional (II): Agora podería ser México

Restan dous meses para as eleccións presidenciais que se celebrarán nos Estados Unidos Mexicanos o 1 de xullo e nese tempo nunha realidade tan complexa como a mexicana pode pasar de todo, pero as conversas mantidas hai semanas con militancia de esquerda e dirixentes partidarios, sindicais e sociais mexicanos xunto coa información que chega ao respecto do desenvolvemento da campaña electoral fan pensar que México podería unirse ao camiño que andan a maioría dos estados de América Latina na actualidade.

Aínda que as expectativas sexan boas non deberíamos estrañarnos de nada do que poida acontecer nunha cita electoral na que hai postas máis olladas que as dos 113 millóns de mexicanos e mexicanas. Os gobernos norteamericano e canadiano están interesados en que nada cambie para non veren afectados negativamente os seus intereses, e lembremos que o actual presidente mexicano Felipe Calderón do dereitista Partido de Acción Nacional non gañou as eleccións de 2006 senón que accedeu ao cargo despois dun escandaloso fraude que lle arrebatou o triunfo ao candidato apoiado polas organizacións de centro e esquerda Andrés Manuel López Obrador. Un fraude que foi posíbel porque a candidatura de López Obrador non tiña representantes propios no 30% dos colexios electorais.

Os seis anos da presidencia de Calderón deixan un negro balance no que o máis rechamante son os máis de 65.000 mortos como consecuencia da guerra non declarada entre bandas de narcotraficantes e máis de 2.000 feminicidios, pero sendo dramáticos eses dous datos non podemos deixar que agachen outras realidades dun estado posuidor de grandes riquezas naturais no que as diferenzas sociais non fan máis que agrandarse; e así mexicano é Carlos Slim considerado o home máis rico do mundo cunha fortuna de 69.000 millóns de dólares e mexicanas son tamén 52 millóns de persoas que viven na pobreza.

Cos gobernos do PAN tense afondado no efecto negativo sobre a economía mexicana da aplicación do tratado de Libre Comercio cos Estados Unidos e Canadá, só por aportar algúns datos hoxe o 28% do territorio mexicano (56 millóns de hectáreas) está concesionado para a súa explotación mineira fundamentalmente a empresas canadianas, nos últimos doce anos saíron das minas mexicanas cara o estranxeiro máis toneladas de ouro que en todo o tempo da conquista española, desmantelouse a industria eléctrica estatal e iniciouse o proceso de desmantelamento da petroleira estatal PEMEX coa concesión de contratos de explotación a empresas privadas e na actualidade importan máis do 40% da gasolina e o 25% do gas. Na actualidade o país importa máis do 40% dos alimentos que consume e nos últimos seis anos a perda de poder adquisitivo dos salarios foi do 42%.

Paralelamente ao desmantelamento da economía está a deriva militarista provocada pola decisión de Calderón de introducir ao exército na loita contra o narcotráfico, decisión que ten provocado un efecto boomerang e neste momento mantén zonas de verdadeira guerra non declarada en territorio mexicano, non mellorou en nada a situación e permitiu aos EEUU, maior consumidor de droga do mundo, intervir en México por medio da iniciativa Mérida que baixo escusa de combater o narcotráfico está a violar a soberanía mexicana.

Esta situación favorece aos actuais detentadores do poder económico representados políticamente polos candidatos de PRI e PAN e ao seu veciño do norte que nun continente no que a súa hexemonía fai augas precisa manter gobernos submisos aos seus intereses en México, Colombia e Chile, e para conseguilo non lle tremerá a man á hora de levar a diante calquer tipo de actuación como veu amosando repetidas veces na rexión.

Cun declarado obxectivo de mudanza preséntase a alternativa encabezada de novo por López Obrador, ben é certo que aténdonos a definicións de manual non estamos diante dunha proposta revolucionaria e ademais a alianza (PT, PRD e Movemento Cidadán) que sustenta ao candidato está chea de contradicións, pero hoxe en México poñer enriba da mesa a defensa da economía nacional, medidas para rematar coa pobreza, a oposición á privatización dos recursos petrolíferos, o combate á corrupción ou o recoñecemento real dos dereitos dos pobos orixinarios… é apostar por unha transformación radical do país.

A candidatura de Obrador semella que aprendeu do acontecido hai seis anos, amosa maior madurez á hora de presentar as súas propostas, está a realizar unha intensa e innovadora campaña e sobre todo vén realizando un traballo de articulación dun amplo movemento social coa creación do Movemento de Rexeneración Nacional que ten por obxectivos controlar o desenvolvemento da xornada electoral e camiñar na construción do que chaman poder social.

O resultado non está escrito e nel poden ser definitorias tanto a campaña de manipulación informativa dirixida polo grupo comunicacional Televisa en apoio do candidato do PRI Peña Nieto como o posicionamento que adopten finalmente un número importante de movementos e colectivos indíxenas e de esquerda con importante presenza nalgúns estados como Chiapas e Oaxaca que polo xeral desbotan a vía electoral.