Rajoy subvenciona aos mercenarios sirios
16 de setembro de 2012 (00:00 h.)
Os dirixentes do PP sempre alardearon de que coas armas non se poden conseguir fins políticos, que cos terroristas non se negocia, aínda que o seu caudillo Aznar, cando estaba no goberno agasallou ao seu amigo, o terrorista cubano asentado en Miami, Mas Canosa, coa empresa SINTEL despois de saneala con diñeiro público. Sempre dixeron que hai que derrotalos, encadealos e deixalos podrecer na cadea aínda que teñan metástase, como fixeron durante tanto tempo con Iosu Uribetxebarria nun acto de vinganza covarde e miserable porque, segundo eles, aínda non se atopaba en risco inminente de morte como o secuestrador e asasino Rodríguez Galindo, que solo foi condenado a setenta e dous anos de cadea e dos que case chegou a cumprir cinco antes de saír libre, xa fai oito anos, pola grave enfermidade que padecía.
Pero para eles hai terroristas bos e terroristas malos porque xa sabemos da súa hipocrisía, dos principios destes neoliberais e o que lles duran eses principios que, como dicía Groucho Marx, cámbianos a comenencia dependendo da conxuntura: Primeiro, por medio da CIA, os Ianquis déronlle diñeiro a Bin Laden para que formara Al Qaeda, axudara aos talibán a derrocar o goberno afgán apoiado polo exército soviético en plena guerra fría e todo ía a pedir de boca, pero despois o das longas barbas revelouse e, segundo afirman eles mesmos, Al Qaeda derruboulles as torres xemelas e atacou o Pentágono. A partir de aí, os talibán, Bin Laden e Al Qaeda pasan a engrosar a longa lista de terroristas a bater que ten a potencia mais terrorista do mundo de todos os tempos e na que non están todos os que son, porque faltan eles, nin son a maior parte dos que están.
Son capaces de pactar co mesmo demo, porque o que non lle gusta aos imperialistas son os gobernos que defenden a soberanía, a independencia e a dignidade da súa patria fronte as agresións das súas multinacionais. Gustan máis de gobernos dóciles e corruptos como o de Colombia, Honduras ou Panamá, e onde non é así procuran poñer outra administración que deixe campar as súas anchas empresas acusadas de eliminar sindicalistas e dirixentes sociais que se opoñen aos seus intereses, como é o caso de FENOSA -a quen vinculan tamén co narcotráfico- ou de espoliar as súas riquezas sen investir nada a cambio, como facía REPSOL na Arxentina por medio de YPF. Para elo nunca tiveron reparo en invadilos cos seus exércitos humanitarios e, en nome da democracia, apartar do poder aos gobernos lexítimos que lles estorben. Eles aínda se cren con dereito a pernada nos países que colonizaron e por iso non lles gustan gobernos dignos que miren polos intereses dos seus pobos como a Honduras de Manuel Zelaya, o Paraguai de Fernando Lugo, Bolivia, Cuba, Uruguai, Brasil, Nicaragua ou Venezuela. Non nos enganemos; os imperialistas nunca derrocan ditadores por moito que invoquen a democracia para invadir países. Son eles precisamente os que poñen e protexen a esa casta corrupta de tiranos submisos a súa vontade, para comprobalo abonda con ver como quedaron os países por onde pasou a súa besta apocalíptica de guerra, morte e destrución.,Aquí seica non hai diñeiro para educación, sanidade ou para servizos sociais, porque estamos en crise e a punto dun segundo rescate e recortes nas pensións para despois das eleccións do 21-O, pero Rajoy inviste 1.782 millóns en armamento, para maior gozo do fabricante, o seu ministro da guerra, Pedro Morenés, e non se lle ocorre mellor cousa que rescatar aos mercenarios sirios cos cartos que di que non temos.
Baixo o paraugas da axuda humanitaria o goberno do PP rescata con 1,4 millóns de euros a oposición siria pero, como esa oposición non anda moi sobrada militarmente, ese diñeiro non irá para mercar galletas e alimentos para a poboación siria senón para poñer bombas que maten indistintamente a civís e militares en Damasco ou noutra zona do país. Ese diñeiro irá parar as mans dos 5.000 terroristas de Al Qaeda que Estados Unidos contratou ao seu xefe no Iemen, Tariq al-Fadhli, para derrocar a Al Assad, e as de outros mercenarios estranxeiros que, dia si e dia tamén, se afanan na matanza de civís aos que despois sacan fotos co fin, e coa axuda dos medios occidentais, de votarlle a culpa ao exército regular como fixeron en Hula, Alepo -cidade na que se gaban de executar a soldados desarmados- ou Daraia, onde, segundo o reputado reporteiro americano Robert Fisk, primeiro periodista occidental que visitou a zona, os habitantes da cidade foron secuestrados polo Exército Sirio Libre antes de que entrara nela o exército regular, o que desmonta a versión dos rebeldes e dos medios occidentais. A ninguén lle entra na cabeza que os terroristas puideran tomar fotografías alegremente dos cadáveres despois de que a zona fora tomada polo exército e amosa mais sentido común o pensar que son eles os que toman as fotos despois de asasinalos e antes de abandonala e aínda mais si temos en conta que todas as vítimas eran parentes de soldados recrutados polo exército regular e soldados fora de servizo como afirma Fisk.
Non podemos permitir que, mentres os seus amigos banqueiros como Rato ou o xenro do coleccionista de trompas de elefante rouban a mans cheas e levan o diñeiro a paraísos fiscais, nos quiten dereitos sociais e que o diñeiro que aforran privándonos deses dereitos o invistan en masacrar a un pobo alentando unha guerra fratricida como cando os seus devanceiros aproveitaron para encher de cadáveres as cunetas das nosas estradas naquela longa noite de pedra que a maior parte dos seus militantes viviu moi placidamente.
Un compañeiro emigrado en Venezuela dicíanos o pasado Día da Patria que, sen deixar de lado a loita de clases que se dá internamente en cada nación, a contradición mais grande dos pobos no mundo de hoxe dáse entre nacionalismo e imperialismo. Aí é onde temos que encadrar ese rescate, a fondo perdido e sen intereses, do goberno español aos xefes dos terroristas sirios recrutados pola CIA.