Portugal: A mobilización persistente no tempo dá froitos
Mentres escribo este artigo decenas de milleiros de persoas están rematando o desfile polas rúas de Lisboa baixo o lema “Contra o roubo dos salarios, pensões e reformas” convocadas pola CGTP-Intersindical Nacional, a quen acompañe de lonxe a realidade portuguesa poderá parecerlle que esta é só unha máis das manifestacións e múltiples accións de protesta que se veñen celebrando desde que hai algo máis dun ano a economía portuguesa pasou a ser intervida pola troika que conforman o FMI e UE e o BCE; mais a marcha de hoxe ten un ambiente especial pois prodúcese despois de que o pobo portugués obtivese unha vitoria hai uns días, unha pequena pero importante vitoria.
Na tarde do 7 de setembro o primeiro ministro portugués Passos Coelho compareceu publicamente para anunciar ao país un novo recorte salarial para os traballadores e traballadoras ao aumentar nun 7% a súa cotización á Seguridade Social ao tempo que rebaixaba un 5,5% a cotización correspondente ao empresariado, no que se denomina Taxa Social Única. Ese anuncio despois de todo o que leva aturando o pobo portugués desde a intervención da troika caeu como un mazo na xente, e moitos non podían crer que de súpeto o goberno adoptase unha medida tan lesiva e discriminatoria agravando aínda máis a perda de poder adquisitivo da maioría da poboación ao tempo que incrementaba a capacidade de obter beneficios do empresariado. Algúns galegos e galegas fomos testemuños directos, por atoparnos na Festa do Avante!, dos momentos posteriores ao anuncio nos que se mesturaban o cabreo, a incertidume por non saber cando nin cal sería o seguinte golpe e a impotencia ao considerar moitos que non habería xeito de parar esta nova agresión.
,Dous días despois no comicio de peche da Festa do Avante! o secretario xeral do PCP Jerónimo de Sousa denunciou esa medida e chamou a manter a mobilización porque “…A política de direita não é inevitável, nem o país está condenado a aceitar as suas já provadas desastrosas soluções….”.
Nos seguintes días a mobilización non só se mantén senón que medra, vese hoxe en Lisboa e veuse tamén o día 15 de setembro coas manifestacións e concentracións multitudinarias xurdidas ao longo de todo o país nas que a xente berraba que estaba farta da mal chamada austeridade. E os portugueses e portuguesas comprobaron que a persistencia desa mobilización dá resultados cando o pasado 22 de setembro despois dunha reunión de oito horas do Consello de Estado (órgano de consulta do Presidente da República Portuguesa) o goberno dá marcha atrás anunciándose "…a disponibilidade do Governo para, no quadro da concertação social, estudar alternativas à alteração da Taxa Social Única"
Sendo certo que a retirada desa medida non supón que o goberno portugués cambie a súa política e decida enfrontarse ás directrices da troika debemos avaliar no seu xusto termo esta importante vitoria tanto en si mesma como polo seu significado simbólico na loita contra os recortes e en esixencia dunha outra política.
Hai unhas horas no Terreiro do Paço o secretario xeral da CGTP anunciou a disposición da central sindical a convocar en breve unha nova folga xeral en Portugal porque como dicía referíndose ao goberno e á troika está claro que "…eles têm medo que o povo perca o medo e o povo está a demonstrar que está a perder o medo, que quer lutar pelo presente, salvaguardando gerações futuras".
Aínda son moitas as batallas que restan pero todas aquelas persoas que se teñen mobilizado comproban que a mobilización persistente no tempo dá froitos.