Pasaron vinte anos e o mundo non mellorou
Hai dous anos todos e todas nós soportamos estoicamente un intenso bombardeo mediático sobre os fastos conmemorativos dos vinte anos da caída do muro de Berlín, da reunificación alemana e do avance que ese feito histórico supuxo para Europa, para a liberdade e para a democracia.
Nas datas que andamos cúmprense vinte anos doutro acontecemento que desde unha perspectiva histórica é moito máis importante que a caída do muro, a bandeira vermella coa fouce e o martelo arriábase no Kremlin o 25 de decembro de 1991 e o derradeiro día dese mesmo ano desaparecía a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas.
A primeira vista semella inexplicábel que un feito de tal importancia estea pasando como quen non quere a cousa; até hoxe algún artigo de opinión, un par de pequenas noticias despistadas e apenas nada máis, cando o lóxico sería que as democracias occidentais aproveitasen este vinte cabodano para amosar a superioridade do sistema capitalista fronte ao daquela chamado bloque soviético. Pero tamén pode ser que ese escaso exercicio de memoria ao respecto dun feito tan importante teña a ver coa constatación definitiva do fin da historia pronosticado por Francis Fukuyama naquelas mesmas datas, cando argumentaba que co fin da Guerra Fría remataba a historia entendida como loita entre ideoloxías e iniciábase un novo período co trunfo do pensamento único e do capitalismo como único sistema viábel, un novo período no que non habería guerras e que pasaría a ser rexido pola economía e non pola ideoloxía.
Os días 14 e 15 de decembro de 1991 nunha pequena nación non recoñecida da Europa Occidental a Unión do Povo Galego celebraba o seu VII Congreso. Daquela a UPG era acusada polo "comunismo oficial" de ser un partido heterodoxo e alonxado do dogma soviético ao crearse como partido dunha nación non recoñecida, e desde outro ámbitos dicíase que era un partido anticuado, pechado e incapaz de ler o novo e venturoso tempo que se abría para a humanidade; curiosamente uns e outros coincidían en que o noso partido tiña pouco futuro. Ese congreso celebrábase baixo o lema "Desta Terra, Deste Tempo" e os documentos na análise ao respecto da situación mundial trataban das consecuencias dunha previsíbel desaparición da URSS, que se produciría aos poucos días, sinalando entre outras as seguintes:
"Vai-se recrudecer a explotación da periféria do sistema, na cal nos atopamos. Sen ir máis lonxe, a captación das masas dos paises antes socialistas vai esixir maiores excedentes económicos, extraidos na periféria. A nova Alemaña unificada non se pode manter sobre o desequilíbrio social das duas partes que a compoñen.
2.- Ao desaparecer o contrapeso da balanza, o proletariado do centro vai ficar desguarnecido para manter e incrementar os logros sociais conseguidos nas últimas décadas, mesmo contando cos incrementos dos excedentes do capitalismo na periféria.
3.- Intensificarán-se as agresións imperialistas, pola desaparición dunha forza de peso equilibradora."
,As análises feitas daquela pola UPG desgraciadamente manteñen totalmente a súa vixencia, e a actual crise económica mundial fai que se aprofunde na explotación da periferia, na perda de dereitos das clases traballadoras e da maioría da sociedade e nas agresións imperialistas.
Diante da situación na que está o mundo constatándose que a democracia e a mellora significativa nas condicións de vida non chegaron nin á actual Rusia nin á inmensa maioría dos estados que formaron parte do extinto bloque soviético é entendíbel que non levemos meses aturando especiais informativos, ou suplementos sobre os vinte anos de progreso e liberdade. Se na unificación alemana as imaxes da xente botando abaixo o muro que separaba a un mesmo pobo en dous estados eran moi plásticas, o caso da desaparición da URSS non conta coa mesma plasticidade iconográfica a menos que recurramos ao anuncio publicitario de Mijail Gorvachov para a empresa francesa de complementos de luxo Louis Vuitton, aos famosos bailes dun Boris Yelstin cheo de vodka ou a imaxes da mafia e da corrupción que campan polos seus respetos na actual Rusia.
Hai vinte anos coa caída da URSS unha grande parte do movemento obreiro, e das organizacións progresistas e revolucionarias desandaron moito camiño e non foron poucos os que ficaron orfos de referentes; houbo persoas e organizacións políticas no mundo que con moi boa vontade pero con escasa capacidade de análise botaron pola borda a súa propia traxectoria histórica acometendo supostas "perestroikas" que remataron sendo baixadas de calzas diante dun inimigo que non tivo problema en comprar aos máis débiles ideoloxicamente e en eliminar ao resto.
,Hoxe iniciamos o 2012 e non se trata de posicionarse sobre un feito histórico que en principio poderíamos pensar que non nos toca directamente, agora os afectados por uns acontecementos que se suceden a grande velocidade e por tanto os protagonistas dos mesmos somos todos e todas nós e diante da crise sistémica do capitalismo hai que optar; e só temos dous camiños.
O máis doado é pensar que habitamos o mellor dos mundos posíbeis, que estamos diante dunha crise transitoria e que os logros sociais e dereitos perdidos nos últimos tempos voltarán de xeito case automático en canto mude o ciclo económico, un camiño que considera que o único problema está nos actuais xestores do sistema e non no propio sistema en sí.
Hai outro camiño, máis duro e longo, que é o de erguer unha alternativa ao actual sistema de explotación das maiorías para que obteñan plusvalías uns poucos; nós denominámola socialismo pero somos conscientes de que hai distintos nomes para referirse a unha alternativa que busque unha sociedade máis xusta ao servizo das maiorías sociais e baseada no dereito de autodeterminación dos pobos, na resolución pacífica de conflitos, no potenciamento da economía produtiva autocentrada con control público dos sectores estratéxicos e na garantía dos dereitos democráticos e sociais.