Para delinquir impunemente hai que ter estado
09 de maio de 2011 (00:00 h.)
No libro VI da Eneida, apareceuse Anquises ao seu fillo Eneas e, despois de lle dicir que xa outros se encargarían de facer fermosas estatuas, magníficas defensas procesais e explicacións das órbitas celestes, engadiu: "Tu regere imperio populos, Romane, memento; / Haec tibi erunt artes, pacique imponere morem, / Parcere subiectis et debellare superbos". Non me consta que o premio novel da paz saiba latín, pero as primeiras declaracións que fixo tralo asasinato de Osama Ben Laden semellaban unha correctísima paráfrase destes hexámetros. Onde Virxilio dixo que a misión do romano sería gobernar os pobos con autoridade, establecendo condicións de paz, perdoando aos sometidos e derrubando aos soberbios, vai Obama e fica todo cheo, largando: "EE.UU pode facer todo o que se propoña. Esa é a nosa historia".
E van os pretores do Imperio con poder delegado en provincias, como Zapatero, Merkel e demais conmilitóns, póñense en primeiro tempo de saúdo e felicitan efusivamente ao emperador. Así se fai, vivan os crimes de Estado e quen manda manda. Nada importa se Paquistán, territorio sometido no limes de Oriente, se sente incómodo polo que poida dicir a opinión pública sobre o desprezo absoluto á súa ficticia soberanía. Outro tanto importa que a información precisa para poder realizar esa delictuosa operación fose conseguida por medio de inquisitoriais métodos de tortura. Xa virá Solana -aquel ministro que, despois de escribir as "50 razóns para dicir non á OTAN", chegou a ser Secretario Xeral da mesma, logo Señor Pesc e sempre veraneante en Bueu- para aclararnos que os EE.UU. teñen unha idiosincrasia de fronteira e, por conseguinte, en certas cuestións, matices de pensamento distintos aos europeos. E falando do Tratado do Atlántico Norte, de Solana, González e do PSOE, podemos lembrar o que lle custou a Krahe cantar aquilo de "Tú decir que si te votan, tú sacarnos de la OTAN"
Non teño eu tan claro que, nestes turbios asuntos, haxa diferenzas entre o actual imperio e as colonias europeas, pois, xa daquela, principiaban os tempos nos que, segundo Felipe González, "o Estado de dereito tamén se defende nos sumidoiros", e alguén se encargou de organizar un GAL que se dedicou, cobrando dos fondos reservados do Estado, a asasinar membros de ETA. Pero, se o emperador ianqui se congratula da execución da súa orde de matar, sen tan sequera argallar o disimulo dun xuízo amañado, podemos lembrar cando a "Dama de Ferro", Margaret Thatcher, presumiu de ser ela quen disparou contra aqueles tres desarmados membros do IRA que, despois do sopro dos servizos secretos españois, foron abatidos en Xibraltar polo Special Air Service, naquela operación Flavius do ano 1988. Lembro, agora, tamén a cínica resposta do presidente Sharon, despois de asasinar a Ahmed Yasin, lider de Hamás, cego e paralítico, dicindo que se trataba dun "branco preciso". Cando menos, tivo a delicadeza de lle lanzar o mísil xusto á saída da oración na mesquita, co que lle facilitaría a entrada no paraíso.
Non paga a pena continuar a enumerar crimes de Estado, crimes executados por razóns de Estado. Baixo o manto de razón de Estado, co cuño de "top secret", semella que se pode cometer calquera tipo de perversión, con independencia da suposta ideoloxía do ordenante. Se o que máis se asemella a un imbécil de dereitas e un imbécil de esquerdas, tódolos presidentes actúan como se estivesen cortados polo mesmo patrón e sempre o fan en nome do Estado. Canto poder se deriva do feito de ser ou de ter Estado!
O mesmo que Alberto Churriguera era moitísimo menos churrigueresco que os seus seguidores, Maquiavelo era case un inxenuo, se o comparamos cos premios noveles da paz (en plural, pois non podo evitar pensar tamén en Kissinger, no Plan Cóndor e o pobre Salvador Allende), ou cos políticos da vella Europa, incluídos os autonomeados socialistas, que enchen a boca falando de valores, e que non dubidan en aplicar aquilo de que "A fin xustifica os medios", máxima que, por certo, nunca escribiu o pensador florentino. E, posiblemente, o último político que leu a Maquiavelo, de verdade e con calmiña, foi Napoleón. Se os gobernantes lesen algo, se tivesen un mínimo de formación, poderían cinicamente xustificar os crimes de Estado coas verbas que Shakespeare puxo en boca de Ricardo III, na segunda escena do primeiro acto, cando, despois de asasinar a Henrique VI, xustificou a súa morte, dicindo que era demasiado bo para este mundo e que o seu lugar era o ceo. Mais os gobernantes actuais non semellan ser moi lidos e non poden acadar tales sutilezas.
Tódolos estados se protexen nos sumidoiros, contando para elo cos seus servizos secretos, oficiais ou non. Pola contra, se os habitantes dunha nación sen Estado, pretenden conquerelo -e emprego este verbo a conciencia- nunca se lles permitirá estruturar similares servizos. Conta Agostiño de Hipona que, nunha ocasión, Alexandro Magno, despois de moito traballo, logrou capturar a un pirata. Recriminoulle a súa actividade e preguntoulle por qué se dedicaba a ese oficio ruín. Respondeu este: "A min, como só teño un pequeno barco, chámanme pirata, mentres que a ti, como tes unha grande flota, chámanche conquistador". Dicía Juan Bautista Bergua, fundador de "Ediciones Ibéricas" que "os deuses se apoderan, os homes fortes requisan, mentres que roubar, só rouban os infelices". Esta é a grandísima diferenza: se tes un Estado, podes ter axentes 007 con licenza para matar. Se non tes Estado e pretendes facer axentes 007, acusaranche de terrorista e que deus che colla confesado. Mesmo pode darse o caso de que os axentes chos forme e chos arme o mesmísimo imperio (lembran a morte de Carrero Blanco e de todo o que se dixo sobre a axuda que a ETA recibiu da CIA nesta acción?); pero non resulta conveniente fiarse demasiado, sobre todo despois de ver o remate de Sadam Hussein ou o recente de Ben Laden, porque, en canto os ventos viren á outra banda, en canto os intereses estratéxicos muden, non che arrendo a ganancia. Como din os mariñeiros: "Eu dese barco non quero quiñón".