O sete de maio Galiza perdeu un amigo e un camarada

O sete de maio Galiza perdeu un amigo e un camarada

O sábado tiven que desprazarme a Portugal, sendo a primeira das múltiples veces que me teño desprazado ao país irmán que o fixen con desagrado; pois non viaxaba por lecer ou por traballo senón por cumprir unha triste obriga. O día anterior mentres participaba nunha reunión da UPG recibín un sms que decía "morreu o Tozé"; era unha nova que sabía desde había un tempo que non ía tardar en chegar pero como todas as novas deste tipo desexaba non recibila nunca.

Un grupo de compatriotas, militantes da CIG e da UPG desprazámonos ao concello de Ovar, que está entre Porto e Aveiro, para despedir a António José dos Santos Cardoso Macedo, un militante do Partido Comunista Português, dirixente do Sindicato das Pescas do Norte e membro do Consello Nacional da CGTP-IN. O Tozé empezou a militar moi novo, con 14 anos formaba parte xa da Juventude Comunista Portuguesa e dous anos despois integraba a súa Dirección Nacional, desempeñando ao longo dos seus curtos 46 anos de vida diversas responsabilidades políticas e sindicais; loitando sempre polos dereitos dos máis desfavorecidos, polos dereitos dos traballadores do mar como dirixente do Sindicato das Pescas e da clase traballadora en xeral como militante comunista.

O sábado baixo a persistente choiva que nos acompañou no soterramento do Tozé, e mentres interviñan na súa homenaxe os representantes do PCP e da CGTP, lembrei que eu o coñecín nunha das manifestacións convocadas por Nunca Máis! cando a catástrofe do Prestige, penso que foi na primeira que se celebrou en Compostela e da que todos nos lembramos ademais de pola marea de xente que participou pola intensa choiva que non nos abandonou en todo o percorrido. Nesa manifestación contabamos coa presenza solidaria dun grupo de portugueses con bandeiras da CGTP, un deles era o Tozé.

Desde aquel día coincidín con el outras moitas veces, e sobre todo tiñamos dúas citas anuais fixas nas que tentabamos vernos para falar, intercambiar opinións sobre a loita da clase traballadora, sobre os problemas de Galiza e Portugal e sobre a actuación dos nosos partidos; eran o Día da Patria Galega en Compostela e a Festa do Avante no Seixal.

Para unha nación negada como a nosa as relacións con outros pobos son complexas, pois o descoñecemento e a incomprensión están á orde do día; aquelas persoas que realizamos traballo no ámbito internacional sabemos do lento que é facernos un lugar e situar a Galiza como nación no mundo e igualdade de condicións que o resto, xa sexa no ámbito político, no sindical, no cultural ou en calquera outro; a falsificación e ocultación da historia, as inercias e os intereses creados están á orde do día.

Por iso, cada paso, cada pequeno avance é froito de moito tempo, de moito traballo e de moito esforzo que non luce. E neste ámbito, ao igual que noutros, a relación e o coñecemento persoal son fundamentais para acadar a receptividade e o entendemento que se precisan.

O Tozé era un internacionalista, e por iso ademais de estar fondamente comprometido co seu pobo era unha persoa comprometida con Galiza; eu fun testemuña varias veces da súa actuación en Portugal, diante dos seus camaradas do sindicato e do partido, para dar a coñecer a realidade de Galiza e do nacionalismo, el era tan consciente coma nós de que despois de demasiado tempo de costas Galiza e Portugal tiñan que volver a atoparse, e para iso ambos coincidíamos en que non había mellor camiño que o contacto entre os sectores máis directamente comprometidos co futuro de ambas nacións.

Lembro unha anécdota e seguro que aqueles que o trataron máis ca min poderían sinalar outras, cando baixo o sol dunha das Festas do Avante! despois de explicarlle a algúns camaradas portugueses a realidade nacional da Galiza, o feito de que falabamos o mesmo idioma ca eles, que a definición do nacionalismo galego era a aplicación á realidade dunha nación non recoñecida do patriotismo definido por Lenin e defendido por eles en Portugal e que contabamos cun partido comunista propio da Galiza, a UPG, e unha fronte patriótica, o BNG, que defendía políticas moi semellantes para Galiza ás que defendían eles para o seu país, estes non o tiñan moi claro e remataban dicindo aquilo de "sim percebo, mas, vocês são espanhois não?"; entón nós cabreábamonos e o Tozé reclamaba tranquilidade; pois sabía moi ben que a paciencia e a constancia son sempre virtudes revolucionarias, e por tanto os mellores instrumentos para seguir explicando e facendo entender aos camaradas portugueses a realidade galega.

A maioría da militancia do BNG, da UPG e da CIG non tivo a oportunidade de coñecer ao Tozé, pero aqueles que o tratamos sabemos que o seu labor foi importante e grazas a el fomos quen de avanzar un paso máis nas relacións coa CGTP e co PCP. Esta é a razón que me leva a dicir que o sete de maio Galiza perdeu un amigo e nós perdemos un grande camarada, un camarada comprometido coa clase traballadora ao que se lle pode aplicar perfectamente a frase que encabeza este artigo, frase que non é miña senón do histórico dirixente comunista portugués Álvaro Cunhal e que pode lerse ao carón da porta de entrada ao Centro de Traballo do PCP no concello de Ovar.