O "Día de Galiza en Euskadi"; para lembrar a nosa identidade
Entre o 17 e o 20 de xuño celebrase o "Dia de Galiza en Euskadi". Este día de festa, que se ven conmemorando desde fai vinte e catro anos e que, segundo Manuel María, é unha afirmación de galeguidade. Está organizado pola "Irmandade de Centros Galegos en Euskadi" e vaise celebrando cada ano nas poboacións onde existe un Centro Galego ou Casa de Galicia dentro das tres provincias vascas que desgobernan Patxi López e Antonio Basagoiti. Este ano tócalle organizalo, por segunda vez, ao Centro Galego de Laudio, pobo no que tamén se celebrou fai vinte anos, onde o noso Manuel María leu un fermoso e patriótico pregón diante do lehendakari Ardanza e do alcalde abertzale, Pablo Gorostiaga, o 27 de maio de 1990, no que, entre outras cousas, dixo:
Aquí estamos, pois, protexidos, amparados e defendidos, nesta terra irmá, tan metida en nós, pola árbore de Guernika que, debaixo da súa sombra proteitora, acolle a dous povos aos que, en certo sentido, lles tocou viver e sofrer un destino semellante.
...Unha das grandes voces líricas galegas dos nosos días, a do poeta chairego Xosé-María Díaz Castro, que tivo por compañeira a María Teresa Zubizarreta Bengoechea, afervoada e consecuente nacionalista vasca, escribiu estes fermosísimos versos:
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco ven, ¡Xesús María!
E toda cousa ha de pagar seu desmo.
Temos esperanza de que o vaticinio do poeta se cumpla porque a Poesía -o grande milagre do mundo, como nos enseñou, para sempre, Luís Pimentel- nunca minte.
Rematou dicindo ...Eiqui estamos nós: un povo sinxelo, fidel, traballador e ledo. ¡Viva Euskadi! ¡Gora Galiza!
Felipe Senén, que tamén lía o pregón o 7 de xuño de 1992, lembrounos que ...Por Euskadi pasou o escultor cambadés Asorey, o máis grande intérprete da pedra galega, despois de Mateo, o escultor da Terra, cecais en Euskadi afortalou, como tantos outros, no amor a Galicia, para aquí fixo algunha das súas millores esculturas... E por estos mesmos lugares estivo o poeta Ramón Cabanillas, eiquí afinou os versos de ferro da súa arpa galega, herdeira da de Rosalía e de Curros. Con Cabanillas Galiza tivo unha voz valente para construir unha patria.
O sempre lembrado abertzale Telesforo Monzón, nun día de encontro como iste, Día da Patria Galega do ano 1978, recordaba como nos difíciles anos de cadea que compartía cun galego, aquil noso paisano mitigaba a sede dos seus compañeiros ao repartir na cunca das suas propias maus a pouca auga. Asimesmo traemos a memoria, en homaxe aos sete galegos mortos nas folgas de Trintxerpe do ano 1931, esforzo compartido por conquerir as mínimas condicións para os traballadores. Velaí o sinxelo retrato solidario dos "bos e xenerosos" que canta o noso himno.
Tamén, entre outros, son posuidores da "txapela" ou boina que lle entregan aos pregoeiros neste día: Fernán Vello, Darío Xohan Cabana, Xosé Estévez, Antón Reixa, a gaiteira Susana Seivane, Uxía Senlle e o periodista galego, Dani Álvarez, que o 22 de xuño do 2008 fixo en Bilbao un bonito discurso en defensa da identidade, que polo seu interese paso a transcribir uns parágrafos:
...ninguén emigra por gusto, ninguén racha a pola a que está suxeito senón é para atopar aquilo que no seu fogar non deu atopado, pero tamén teño claro que ninguén vive alí onde non o queren ben, e se eu parei todos estes anos aquí é porque os vascos me acolleron coma na casa, así que outro agradecemento ao País dos vascos e das vascas por nos ter dado a oportunidade a milleiros de galegos de desenvolver o noso proxecto vital. Se o caso fora a inversa, en Galicia teriades o voso fogar.
...O debate sobre as identidades é un debate moderno e actual, a proba é este Día de Galicia en Euskadi que festexamos cada ano. É unha festa para manter viva a nosa identidade. A palabra identidade ven de idéntico, é dicir: igual a un mesmo. Que fai que os que agora estamos aquí compartamos unha identidade? É igual se sodes de Guitiriz, de Carballo, de Ourense ou de Tui. Somos semellantes porque nacemos en Galicia e temos unha lingua que nos deu un ser e que nos fai compartir unha chaira, unha raíz común. Pasan os anos, pasan os séculos e seguimos sendo galegos. Galicia deunos unha identidade ao longo de moitos anos.
Desgraciadamente moitos galegos pensan que agochando o seu ser galego ían ser mellores. Pero non podemos facer iso, porque se agochamos a nosa identidade suplantámonos. E non podemos ser dous a vez. A emigración foi, e aínda é, un alicerce que reformulou a nosa identidade facéndonos sufrir mediante soidades, saudades, recordos e bagoas.
...o Día de Galicia é fundamentalmente festa. Así debe ser. Na identidade dos galegos e dos vascos está o traballo duro pero tamén está a festa. Este ano tócame a min abrila e, como dixen antes, é unha honra.
De todos os pregoeiros que puiden escoitar neste "Día de Galiza" o que máis me decepcionou foi o periodista Fernando Ónega, que leu en Sestao un pregón aséptico baseado nun suposto humor que atentaba contra a dignidade dos galegos: ...si alguén vos pregunta que fan por aquí os galegos, contestade: andan por aí de carallada, e outras lindezas polo estilo. Así é como labran a nosa idiosincrasia paisanos nosos pagados polo imperio. Deume vergoña allea e a impresión de que pensa que todos os galegos aquí emigrados somos parvos e rímoslle as súas grazas. Ao longo del non fixo máis que utilizar tópicos e ditos que denigran a nosa condición de galegos. Ao que lle debeu gustar foi ao eterno presentador Xosé Antonio Vilaboa quen, ao rematar, dixo que así debían de ser os pregóns; en clave de humor e sen meterse en política.
Neste "XXV Día de Galiza en Euskadi" tócalle lelo ao gaiteiro Xoán Carlos Rilo Fraga, descendente do famoso gaiteiro de Betanzos coñecido como "O Vello Rilo", que competía fai máis dun cento de anos con "Ventosela", e fillo do vello amigo, o gaiteiro Xosé Ramón Rilo Bra.
Xoán Carlos Rilo naceu en Barakaldo, pero despois de licenciarse en económicas pola Universidade do País Vasco fixa a súa residencia na Coruña. Aprende, dende neno, a tocar a gaita con seu pai, que era mestre de Gaiteiros na "Casa de Galicia de Bilbao".
Coñecín a Xoán Carlos en xaneiro do ano 1980, cando aínda avultaba menos que a gaita que levaba ao lombo, na inauguración da rúa dedicada a Castelao en Trintxerpe. Alí interpretou con seu pai o "Himno Galego" e a "Marcha do antigo Reino de Galicia", que tanto lle gusta ao noso compañeiro Moncho García Mosquera. Lembro que, despois de oílo tocar, escribín un pequeno artigo sobre as súas habilidades co noso instrumento musical por excelencia no diario vasco "Deia". Foi tal o asombro que me causou que afirmaba, aínda que eu non son un entendido nese tema, que alí había madeira de gaiteiro. O tempo deume a razón e agardo que tampouco me deixe mal como pregoeiro. Algún día faremos un artigo sobre a saga dos gaiteiros Rilo para recuperar parte da nosa historia musical e tamén humana.
Neste día faise entrega dunha fermosa "Anduriña de prata" a persoeiros que loitan pola nosa cultura, sexan ou non galegos. O primeiro en recibir tal honra foi José Antonio Ardanza, despois foron merecidamente agasallados, entre outros, Koldo Izagirre e Xosé Estévez. Agardo que algún día esa "Anduriña" se pouse nas mans agarimosas do escritor Edorta Jiménez que aloumiñan a nosa cultura e que tantas obras galegas traduciu desinteresadamente ao éuscaro. Sería polo ben da nosa cultura e da cultura vasca.