O debate no Bloco de Esquerda
O Bloco de Esquerda celebrou hai unhas semanas en Lisboa a súa VIII Convenção Nacional, elixindo nela unha nova dirección que deberá executar as liñas de actuación política para os vindeiros anos aprobadas polos delegados e delegadas que participaron na mesma.
Esta convención non pode ser considerada apenas unha máis nos 13 anos de vida do Bloco pois con ela pechouse un período convulso na vida desta organización política, período ao que moitos poñen como data de inicio as eleccións anticipadas do 5 de xuño de 2011 á Assembleia da República Portuguesa, eleccións nas que o BE tivo unha importante derrota electoral acadando só 8 deputad@s con 288.923 votos e o 5,17% de porcentaxe (dous anos antes obtivera 557.306 votos cunha porcentaxe do 9,81% e 16 deputad@s).
Nos días e semanas posteriores a esa derrota electoral non foron poucas as voces que se ouviron esixindo a convocatoria urxente dunha convención nacional extraordinaria para modificar a estrutura organizativa do Bloco e redefinir unha liña política que tiña sido acordada un mes escaso antes da celebración das eleccións; moitas desas voces argumentaban que eran a estrutura organizativa e unha política demasiado radical as responsábeis da perda de apoio electoral; unha perda producida cando se daban as mellores condicións obxectivas para o avance do Bloco debido a que o estado portugués viña de ser intervido pola troika.
Cuestións como “abrirse á sociedade”, “falla de democracia interna”, “eliminación das correntes”, “necesidade de fuxir de actitudes resistencialistas”, “partido de goberno ou partido de oposición”,etc… puxéronse enriba da mesa, unhas veces propostas por militantes ou simpatizantes pero outras moitas postas en circulación polos medios de comunicación do sistema.
Pese a esta convulsión e ás voces internas e externas que o esixían a dirección do Bloco decidiu non convocar de urxencia a VIII Convención Nacional e abrir un debate interno amplo tanto no tempo como na temática contando coa participación de militantes e simpatizantes.
Moita da base militante e simpatizante estaba apampada e non chegaba a comprender como unha forza que se supoñía era a situada máis á esquerda no panorama político portugués podía recibir o castigo do electorado nun momento no que a crise, a intervención da troika e os sacrificios conseguintes esixían propostas políticas radicais e de cuestionamento do sistema, un momento no que ademais eran ducias de milleiros as persoas que, respostando ao chamamento sindical ou por auto-convocatorias procedentes dos novos movementos, ocupaban as rúas acotío esixindo un futuro.
O debate previo á convocatoria da convención contou cun número importante de aportacións que poden ser consultadas por quen teña interese e aparecen nelas diversas cuestións que puideron influir na redución do apoio electoral ao Bloco. Nos días da VIII Convenção Nacional do Bloco tiven ocasión de falar con diversos militantes sobre todo isto e de entre as conversas que mantiven houbo unha que me fixo decatarme da importancia que as veces teñen determinadas decisión puntuais en comportamentos electorais posteriores; unha importancia da que me falaron dous mozos militantes do Bloco nunha intensa conversa que mantivemos o sábado á noite nun centro social no barrio alto de Lisboa. Dicíanme os meus interlocutores que para eles no resultado de xuño de 2011 xogara un papel fundamental a nova percepción que moita xente tiña do Bloco, este deixara de ser percibido como unha forza irreverente e transformadora pois nun momento de desprestixio da política determinadas actuacións súas foran percibidas como actuacións típicas de organizacións do sistema; sendo unha delas o apoio nas eleccións presidenciais de xaneiro de 2011 a Manuel Alegre, un candidato supostamente incómodo para a dirección dun PS naquel momento no goberno pero que tiña sido deputado dese partido durante 34 anos e ao que o primeiro ministro Sócrates non tivo problema en apoiar, convertíndoo así no candidato oficial do partido que iniciara os recortes, un candidato que ao tempo era o apoiado polo Bloco. Esta percepción de que eran unha organización sistémica máis, xunto con outros elementos, entre eles a pouca disposición da xente nun período tan convulso para asumir como posíbeis e realizábeis propostas de mudanza en positivo, foron elementos chave para facer desaparecer a esperanza e o ar novo transmitidos polo Bloco en convocatorias electorais anteriores.
A VIII Convenção Nacional do Bloco de Esquerda precedida dun ano de sosegado debate realizouse finalmente no pasado mes de novembro e co 80,3% de apoio dos delegados e delegadas aprobou unha liña de actuación política que parte da necesidade de manter un discurso e unha práctica clara de esquerda sen ambigüidades, amosándose disposto a alianzas sempre e cando non se poña en causa a necesidade da ruptura coa troika. Ademais consideraron que a súa estrutura organizativa, con algunhas pequenas melloras, era a axeitada e marcáronse como obxectivos de afortalar a organización, aumentar a súa presenza e intervención tanto nas novas manifestacións da loita social como no movemento sindical e popular,
Tamén elixiron a nova dirección cunha nova Mesa Nacional formada por 61 membros da lista A e 19 da lista B, sendo na dirección onde se produce a maior novidade pois o Bloco pasa a ter un home e unha muller, João Semedo e Catarina Martins, como coordenadores da Comissão Política.