O debate brasileiro: seguir avanzando ou desaparecer

O debate brasileiro: seguir avanzando ou desaparecer

As multitudinarias mobilizacións que desde hai unhas semanas están a producirse no Brasil penso que colleron a todo o mundo co paso cambiado e non só porque deixandonos levar por estereotipos pensaramos que celebrándose no Brasil un importante evento futbolístico de carácter internacional o país debía estar paralisado dada a coñecida afición de brasileiros e brasileiras a ese espectáculo, senón tamén porque non detectabamos no ambiente a posibilidade de que se produciran unhas protestas desa magnitude que dunha inicial e concreta mobilización contra o aumento do prezo dos transportes urbanos pasou a ter por bandeiras un amplo conxunto de reivindicacións a meirande parte, pero no todas, de carácter progresista.

No meu caso non teño problema en recoñecer que o estoupido sorprendeume dobremente pois nos primeiros días do mes de xuño tiven oportunidade de conversar longo e tendido cun camarada, intelectual e militante comunista brasileiro, de visita na Galiza por cuestións de traballo, sobre a situación no seu país. Falamos moito dos ritmos nos cambios políticos e sociais, da necesidade de recuperar a mobilización, do perigo dun practicismo que deixa de lado a necesaria formación ideolóxica, das perspectivas de futuro…, e incluso adicamos un tempo a falar sobre as contradicións que podían ter creado os investimentos para o mundial de fútbol de 2014 e os xogos olímpicos de 2016. No moito tempo que falamos non se albiscaba a posibilidade dun repentino e amplo movemento de protesta social.

Hai xa quen fala dos indignados do Brasil caíndo no erro de trasladar automaticamente experiencias acontecidas nun determinado marco xeográfico e social a lugares que contan cunhas condicións totalmente distintas, empezando polo feito de que no Brasil as protestas non se deben á perda de dereitos derivada da voadura controlada do chamado “estado do benestar”, nese inmenso país nunca houbo estado de benestar. Isto non quita que o feito de basear en parte o progreso de importantes franxas das clases populares no potenciamento do consumo coa liberalización do crédito acendera xa algunhas alarmas sobre cara onde pode derivar no futuro.

Nestas semanas publicáronse abondosas análises do que acontece e nos últimos días comprobamos como determinados medios occidentais creadores de “opinión” empezan a adoptar o discurso da dereita brasileira espallando o de “todos son iguais” e “non nos representan” que tantos réditos está a dar en Europa. Para iso empregan o argumento central da campaña de intoxicación mediática do coñecido no Brasil como PIG (Partido da Imprensa Golpista) que está comandado pola todopoderosa rede Globo de comunicación; é un argumento ben simple, “o goberno presidido por Dilma Rousseff é un niño de corrupción”.

,Non podemos negar que o argumento parte dunha realidade, é certo que no Brasil hai corrupción pero está relacionada máis coa mecánica de representación política e coa importancia que ten o financiamento privado das campañas electorais que coa directa acción gubernamental, diso é perfectamente consciente a dereita política, empresarial e comunicacional que amosa total oposición desde hai moitos anos a que se realicen cambios neste ámbito para camiñar cara unha maior igualdade de oportunidades no combate electoral e a cara unha non dependencia do financiamento privado das campañas; a proba témola nestes días ao comprobarmos como das cinco propostas feitas por Dilma a máis atacada polos sectores sistémicos é a da reforma política.

As organizacións políticas, sindicais e sociais de esquerda tardaron en reaxir diante da magnitude dunhas mobilizacións inicialmente sen dirección nin obxectivos concretos e nas que non lles era doado separar as reivindicacións progresistas asumidas pola inmensa maioría daquelas outras reaccionarias popularizadas polo PIG, non sería estrano que con asesoramento de elementos vinculados directamente a axentes estranxeiros, nun planificado e profesional deseño comunicacional que tiña por obxecto dirixir ás masas contra o importante proceso de mudanzas destes últimos dez anos de goberno progresista. Tampouco a incorporación da esquerda aos protestos estivo exenta de problemas debido á actitude de sectores que defendían o discurso anti-partidos e anti-organizacións, chegándose nalgúns casos ás agresións e queimas de bandeiras e faixas de organizacións de esquerda.

No Brasil nos últimos dez anos os gobernos de Lula e Dilma conduciron a un importante avance na calidade de vida da maioría da poboación, reducíndose en moito os niveis de pobreza e avanzándose tanto no ensino como na sanidade, ao tempo traballouse na defensa da soberanía nacional poñéndose continental e internacionalmente a carón de quen traballan pola construción dun mundo multipolar fronte ao imperialismo.

,Pero importantes sectores de poboación, fundamentalmente mocidade que foi beneficiada por eses avances, están e dicir que non é suficiente.

A explosión destas últimas semanas debe levar á esquerda brasileira a reflexionar sobre o futuro, un futuro que non pode basearse en lembrar o que se fixo pois sendo todo o feito moi meritorio non funciona como argumento. E ademais hai aínda enriba da mesa importantes definicións por facer e retos por acometer como son: a reforma agraria, o total control dos recursos naturais, a definición dunha política urbana que permita unhas cidades habitábeis ou a definición sobre o modelo de desenvolvemento.

O proceso político que no seu momento levou ao goberno á alianza política e social encabezada por Lula presentoulle ao pobo retos de futuro convencéndoo de que eran posíbeis, foi un proceso longo e cheo de contradicións no que a rúa tiña un papel básico na disputa, e en 2003 permitiu abrir unha nova etapa. Co acceso ao goberno a mobilización perdeu peso pola lóxica da necesidade de contar noutros ámbitos de acción política, en concreto no ámbito institucional, cos mellores cadros, moitos procedentes dos movementos sociais; e polo feito de que se foron acadando algúns dos obxectivos. Pero tamén afectou e moito a enfermidade do institucionalismo que moitas veces leva a perder pé debido ao descoñecemento de moitas das súas engranaxes que acaban por engaiolar á esquerda e aos sectores progresistas.

Hoxe o pobo brasileiro está na rúa e para seguir avanzando precísanse novas bandeiras de loita e novos retos que sexan asumidos como necesarios para nesta segunda fase que se abre realizar cambios estruturais; uns cambios que nun momento como o actual suporían avances revolucionarios nun inmenso país no que as veces esquecemos que unha ampla alianza articulada arredor da esquerda detenta o goberno pero non ten o poder.