O asasinato de Gadafi


Hai uns días podíamos ver as imaxes dos últimos momentos na vida de Muamar El-Gadafi ao abrir calquer xornal ou sintonizar unha canle de televisión, e con sospeitosa unanimidade unha palabra estaba ausente da información que nos ofrecían, esa palabra era “asasinato”; xa nolo dicía nas súas declaracións sobre este feito a ministra española de asuntos exteriores: “Gadafi morreu”.

Poderemos tardar meses ou anos pero está claro que a verdade sobre o apresamento e posterior asasinato de Gadafi saberémola antes ou despois, unha verdade que non terá nada a ver coa versión oficial e case unánime que nos están a contar sobre “un encontro casual con milicianos da resistencia libia que de xeito incontrolado e levados pola xusta rabia de ter diante ao maior ditador e asasino da historia, ao sátrapa que lles negou a liberdade, acaban matándoo”. Unha verdade á que non lle van adicar tanto tempo de televisión nin tanto espazo de prensa como tivo esta montaxe.

,A estas alturas da película hai xa suficientes indicios que nos permiten albiscar unha típica operación dos servizos secretos occidentais preparando o terreo para poder rodar a segunda parte desta película de bos e malos; como di o refrán “morto o can acabouse a rabia” e neste caso o asasinato de Gadafi dá paso a unha suposta liberación do pobo libio e á posterior apertura dun “proceso democrático” que permite respirar aliviados aos gobernantes norteamericanos, británicos, francés, italianos, etc… ao poder manter os seus negocios e calar para sempre a quen co tempo pasara de estar na lista dos maiores inimigos de occidente a ter abertas as portas dos países occidentais nos que era recibido e homenaxeado. Pero para eles Gadafi era un problema, ao ser un perigoso socio posuidor de demasiada información comprometedora.

Non é casual que a secretaria de estado norteamericana Hillary Clinton estivera en Trípoli o día 18, dous días antes do asasinato, nunha estrana e inesperada visita sen axenda coñecida e na que se parabenizou pola “vitoria do pobo libio sobre a ditadura”, está claro que á señora Clinton escapóuselle esa declaración ao igual que se lle escapou dous días despois cando lle comunicaron a nova estando ela no Afganistán o de “viñemos, vimos e el morreu”.

Tampouco é casual que os vídeos dos últimos momentos de Gadafi fosen facéndose públicos por capítulos e acompañados de informacións confusas perfectamente fabricadas para darnos a impresión de que ás potencias occidentais colléraas de sorpresa o apresamento; no mesmo día díxose que o apresara un comando da OTAN, que o apresaran os milicianos, que estaba agochado nun bunquer, que ía nun comboio fuxindo de Sirte, que morrera no bombardeamento, que o apresaran ferido, que o apresaran ileso, que estaba morto, etc…

O asasinato de Muamar El-Gadafi engrosa a lista dos crimes impunes do imperialismo, un imperialismo que intencionadamente exibe o cadáver para amosar o seu poder, o mesmo imperialismo que tivo todo o coidado para impedir no mes de maio a filtración de calquera imaxe doutro asasinato, o de Osama Bin Laden ao que eliminaron saltándose a legalidade internacional e a soberanía dun estado.

A fin de contas Gadafi era só un socio incómodo mentres Bin Laden era o fillo descarriado, e por moi mal que se tivese portado un fillo é sempre un fillo e non se debe expor a escarnio público.

Moitas persoas que se consideran progresistas ou de esquerdas pensan que o de Gadafi estivo ben feito e que non había outro camiño, non se decatan de que onte foi el e mañá pode ser calquera de nós se resultamos incómodos aos intereses do imperialismo, pois deixando de lado o que cada un pense sobre Gadafi, e eu xa din a miña opinión nun artigo anterior, o que hai en Libia é una intervención imperialista non un combate pola liberdade e a democracia.