O 7 de outubro con Venezuela vota América Latina

A alguén pode parecerlle moi esaxerado o título deste artigo pero en América Latina téñeno moi claro, pois nas eleccións presidenciais que se celebran en outubro en Venezuela non lles dá igual a reelección de Hugo Chávez que unha volta da dereita da man nesta ocasión do candidato Capriles.
Proba da importancia que fóra de Venezuela ten a convocatoria electoral é a declaración final do XVIII Encontro do Foro de São Paulo celebrado no pasado mes de xullo en Caracas na que se anuncia o inicio dunha intensa campaña de solidariedade coa Revolución Bolivariana para como di textualmente “alertar á opinión pública mundial sobre o plan da ultradereita nacional e internacional dirixido a descoñecer os resultados electorais do 7 de outubro co fin de desestabilizar ao proceso democrático e revolucionario de Venezuela” . Sendo o Foro de São Paulo un organismo creado en 1990 co obxectivo de debatir sobre os efectos do neoliberalismo que integra a organizacións de diversas tendencias políticas e que nesta edición contou coa participación de 85 partidos e movementos políticos procedentes de 39 países entres os que se atopaban practicamente todos os latinoamericanos, ostentando ademais moitas das organizacións presentes responsabilidades de goberno neste momento.
Calquera persoa que faga seguomento do decorrer da intensa campaña electoral venezolana pode comprobar como ese plan de desestabilización do que advirte a declaración do Foro de São Paulo non é un invento de un par mentes trastornadas sempre preocupadas por descubrir confabulacións dirixidas polo departamento de estado dos EEUU, pois cada día vese como o candidato da dereita Enrique Capriles Radonski e os seus aliados están continuamente levantando dúbidas sobre a imparcialidade do Consello Nacional Electoral acusándoo de favorecer a Chávez, sendo ademais de sobra coñecidas as aportacións económicas da administración norteamericana a grupos da oposición co obxectivo de desestabilizar a situación política e social do país.
,E non son agoreiro se adianto que en poucos días veremos tamén nós como os medios de comunicación do sistema que operan na Galiza e no conxunto do estado amplifican a súa xa tradicional campaña intoxicadora sobre a realidade venezolana encabezados por ese paladín da democracia, do progresismo e da liberdade de expresión que é o grupo de comunicación Prisa. Medios de comunicación que nunca farán referencia a que o nada sospeitoso de simpatizar co chavismo Centro Jimmy Carter considera o sistema electoral venezolano como un dos de maior confianza do mundo.
Os estudos de opinión e intención de voto realizados até o momento danlle unha cómoda maioría a Chávez aínda que tamén detectan unha importante porcentaxe de posíbeis votantes que están dubidosos; pero esa previsíbel maioría non tranquiliza nunha América Latina que vén de sufrir recentemente nas súas carnes os golpes de estado de luva branca en Honduras e Paraguay dos que semella terse esquecido a vella e democrática Europa. Venezuela e a maioría dos estados de América Latina están inmersos nun proceso de transformacións cheo de elementos contraditorios debido á súa pluralidade e ás diversas realidades nacionais pero úneos a todos eles o obxectivo de construír novas sociedades en función das maiorías e a necesidade de establecer unha firme integración rexional que os permita avanzar máis rapidamente e defenderse das continuas agresións do imperialismo norteamericano. Por iso para as clases populares de América Latina unha vitoria da dereita venezolana suporía un duro golpe.