Non hai salvadores supremos

Non hai salvadores supremos

Hai historias que se calan, que se distorcen para protexer o mito da pureza dos baluartes do pensamento dominante encabezado polos EUA e o seu lacaio, o Reino Unido, que se deben presentar cun pasado impoluto que os lexitima para liderar o mundo. Así, con colocar un presidente ‘preto’ á fronte do goberno dos EUA, fica apagado por arte de maxia o legado da férrea separación racial das leis de Jim Crow que durou até 1968. Así tamén, os mesmos medios do mundo que se apuran a denunciar o despotismo de Robert Mugabe, presidente da actual Cimbabue –que me arrepía por outras moitas razóns– por levar a cabo unha reforma agraria que implica a expropiación dos terratenentes brancos, herdeiros do colonialismo, esquecen mencionar o racista réxime anterior de Rodesia, nacido directamente do imperio británico, onde a ditadura da minoría branca se impuxo case no mesmo ano que se aboliu por fin nos EUA. Hai un país cuxo nome é sinónimo de separación racial: a África do Sul, novamente o centro de atención internacional con motivo da deterioración do estado de saúde de Nelson Mandela. En efecto, tal foi o desembarque dos medios de comunicación que a propia filla do ex-presidente os cualificou de ‘voitres’. Para alén do aproveito que sacan do sufrimento alleo, tamén é altamente cuestionábel a imaxe uniforme e acrítica que os medios se dedican a espallar como historia indiscutíbel da loita contra o apartheid, con Mandela no papel de salvador que, sen a axuda de ninguén e de xeito totalmente pacífico, mata o dragón do apartheid.

Acho que esta imaxe é obxectivamente falseada e ideoloxicamente interesada. É certo que Mandela foi o prisioneiro político que máis tempo pasou nos cárceres do réxime, mais non foi o único. De feito, pasou só un par de anos máis na mesma prisión da Illa de Robben que Walter Sisulo, cuxo nome hai tempo que foi ‘esquecido’, talvez por ter militado no Partido Comunista… No mesmo Xuízo por Traizón de 1965 onde foi condenado Mandela, en total foron detid@s outr@s 155 activistas, entre el@s Ruth First, militante antiapartheid branca afiliada ao Partido Comunista e asasinada no exilio en Mozambique en 1982, e até 30.000 persoas foron detidas e a tortura fíxose habitual durante os interrogatorios. En palabras de quen foi a súa muller e compañeira de loita: “Mandela non foi o único que sufriu. Houbo moitos máis que languideceron en prisión e morreron. Moitos heroes anónimos da loita e houbo outros dirixentes tamén, como o pobre do Steve Biko que morreu das malleiras, terribelmente so”.

Contrariamente ao que nos quere facer crer a historia oficial que xira ao redor de reis, presidentes e outros potentados (polo xeral masculinos), a historia non a crean ‘salvadores supremos’, mais o pobo. Con certeza, existen persoas que desempeñan un papel importante, desde Lenin e Clara Zetkin até Angela Davies e o Che. Poden resultar mesmamente necesarias, mais nunca serán suficientes por si soas: sen o pobo, a conscientización e a implicación activa das masas sociais, @s líderes non son nada. De feito, non podería gobernar o Congreso Nacional Africano (ANC), do que foi presidente Mandela entre 1991 e 1997, sen o apoio do Partido Comunista da África do Sul (SACP) e o Congreso dos Sindicatos Sulafricanos (COSATU), que garanten un apoio popular masivo para a alianza tripartita.

,Xa vén sendo hora de rescatar das gabetas da historia tantas persoas anónimas cuxo sacrificio foi esencial para libertar o país do xugo da ditadura racial, xunto tamén con outras figuras con nome propio cuxa contribución militante tivo un impacto polo menos tan grande como o de Mandela na heroica loita contra o apartheid, e que se deixaron caer –creo que deliberadamente– no esquecemento.

Un destes nomes, no canto de ser esquecido, foi intencionadamente arrastrado pola lama da inxuria: o de Nomzamo Zanyiwe Madikizela (mellor coñecida en Occidente como Winnie Mandela), tamén detida, encarcerada e torturada en repetidas ocasións. Mentres o seu marido predicaba a non violencia desde a súa cela, foi ela quen se responsabilizou en grande medida de manter viva a loita. Claro que non foi ningunha santa e cometeu erros e moi graves, mais é máis fácil non errar desde dentro dos muros da prisión que cando se teñen que tomar decisións na loita diaria. Anos despois, tamén resulta máis que probábel que moitas das acusacións fosen calumnias por parte do réxime enmarcadas dentro dunha estratexia de desacreditar quen o pobo chamaba agarimosamente U’Mama Wethu (‘Nai da Nación’). En todo o caso, sexa como for, a violencia do apartheid non se ía derrubar sen a xusta resposta da violencia revolucionaria. Mao xa o dicía: “A revolución […] non pode ser así tan refinada, calma e delicada, tan branda, tan afábel e cortés, comedida e xenerosa. A revolución é unha insurrección, é un acto de violencia polo cal unha clase derruba outra”. As vitorias que se atribúen a Mandela nunca se conseguirían sen a implicación de Winnie e as outras persoas que loitaron día e día contra vento e maré.

E así chegamos a un outro mito que paira sobre a vida e obra de Mandela: o seu compromiso coa loita pacífica, colocado diante do público de todo o mundo como o exemplo de que mesmo as loitas máis duras poden ser gañadas sen recorrer á violencia. No entanto, cabe recalcar que o propio Mandela foi un dos cofundadores de Umhkonto we Sizwe (‘Lanza da Nación’), o brazo militar do ANC, cuxo xefe de estado maior e Secretario Xeral do Partido Comunista, Chris Hani, foi asasinado en 1993, moi pouco antes da caída do apartheid. Máis un nome esquecido, máis un comunista: non pode ser un azar.

As posíbeis razóns que levaron os medios do mundo, e os poderes fáticos cuxos intereses serven, a se centraren en exclusiva na figura de Mandela como heroe salvífico son varias: é un home, o que serve para ocultar as mulleres que participaron na loita de libertación; é preto, o que elimina a loita ideolóxica ao colocala unicamente en termos raciais; non é comunista, máis interesado en reformar dentro do sistema que en derrubalo. Nunha palabra: non representa o perigo dunha verdadeira mudanza revolucionaria. Escoller alguén que foi quen de aceptar o Nobel da Paz conxuntamente co home que máis se resistiu a desmantelar o réxime racista, F.W. de Klerk, non é insignificante, de aí que, nunha recente entrevista, Winnie non dubidase en falar de ‘traizón’: “É certo que Mandela foi ao cárcere e alí entrou como xove revolucionario fervoroso. Mais mira o que saíu de aí. […] Mandela defraudounos. Pactou un acordo mao para os pretos. Economicamente, aínda ficamos fóra. A economía segue a ser basicamente ‘branca’. Hai algúns pretos simbólicos, mais moitos que deron a vida na loita morreron en van”.

Aparentemente todo mudou, mais en realidade todo segue igual: acabou o soño dunha nova Azania. Podía ser moi diferente a historia da África do Sul após o apartheid, podía ser unha república socialista de tipo novo. E isto é precisamente o que se quixo evitar a todo custo, ao eclipsar o labor intenso e imprescindíbel dos homes e mulleres do pobo agrupados no Partido Comunista e Umhknonto we Sizwe que ficaron na sombra do tótem en que se converteu Mandela.