Naceu SORTU. O novo instrumento político

Naceu SORTU. O novo instrumento político

En agosto de 2010 publicaba un artigo no que facía referencia á situación política e social de Euskal Herria, situación que viña marcada pola aprobación meses antes por parte da esquerda abertzale do documento Zutik Euskal Herria; daquela consideraba que se estaban a producir importantes movementos por parte da esquerda abertzale e que os gobernos español e francés non correspondían con xestos ou movementos que amosaran unha intención por camiñar cara a solución do problema político existente.

Van alá dous anos e medio desde a publicación dese artigo e neste tempo puidemos comprobar como a esquerda abertzale non ficou inmóbil, foron aínda moitos máis os pasos dados, múltiples contactos a nivel nacional e internacional, esforzos por manter unha canle aberta de interlocución cos gobernos español e francés, a petición da Conferencia Internacional de Paz de Donosti, a declaración de cese definitivo da actividade armada por parte de ETA... Todos estes pasos que se deron tendo como referencia o documento Zutik Euskal Herria considero que pecharon unha primeira etapa na pasada fin de semana coa celebración en Iruña do Congreso Constituínte de SORTU, congreso que tras unha década de sucesivas ilegalizacións permite á esquerda abertzale contar cun instrumento político legal.

Unha vez o tribunal constitucional español sentenciou que Sortu era un partido político legal a esquerda abertzale iniciou o proceso de construción, ou se nos atemos ao que significa o nome Sortu en euskera “crear”, un proceso de creación da ferramenta política fundamental para encarar a nova etapa. Como se recolle no primeiro parágrafo da resolución aprobada polo congreso “Naceu SORTU. O novo instrumento político responde á conclusión recollida no documento Zutik Euskal Herria da necesidade de que a Esquerda Abertzale se dotase dunha formación política para dinamizar o desenvolvemento da nova estratexia política que se recolle no devandito documento. Co Proceso Democrático como marco de traballo,e a independencia e o socialismo como meta, esta ferramenta pretende ser un medio para acadar a transformación social e política. Un instrumento organizativo que no curso da súa actividade deberá fortalecerse e ampliarse. ”

Tras oito meses de debate nas bases Sortu supón unha nova inxección de ilusión para unha esquerda abertzale que veu amplamente recompensada a súa nova aposta estratéxica tanto a nivel institucional cos magníficos resultados electorais das coalicións nas que participa, Bildu, Amaiur e Eh-Bildu, como a nivel social co apoio masivo á cuestión básica da reivindicación de medidas políticas e humanitarias que garantan o dereito dos pres@s polític@s a cumprir as súas condenas en cárceres de Euskal Herria, a eliminación de medidas de excepción como a doutrina Parrot que impiden a saída en liberdade de moit@s, e a liberación dos dirixentes abertzales procesados no caso Bateragune, dirixentes que foron o motor da nova estratexia política.

Quen tivemos oportunidade de acompañar á esquerda abertzale en Iruña comprobamos como os avances en apoio popular e o éxitoso proceso de debate constitutivo de Sortu non os embebedou; hai preocupación pola posibilidade dunha nova onda represiva baixo calquer escusa tendo en conta que en España o manido tema do “terrorismo separatista” segue a vender e podería ser empregado para agachar os verdadeiros problemas da poboación, e hai tamén preocupación por atopar a mellor articulación posíbel ao conxunto de forzas que neste momento comparten compromiso e obxectivos.

Pero esta preocupación non debemos confundila co medo, senón que é froito da análise para anticiparse aos posíbeis escenarios que se poden presentar no futuro, pois como di Arnaldo Otegi na mensaxe que desde o cárcere de Logroño enviou ao Congreso de Sortu

“Desde a Esquerda Abertzale propomos e defendemos a necesidade de articular maiorías nacionais e de progreso na medida en que contribúan a ir acadando os obxectivos dunha Euskal Herria independente e socialista. Esa é a nosa disposición. Pero temos estratexia para facer ese camiño? É precisamente para facer ese camiño para o que nun exercicio de anticipación política cambiamos de estratexia política. E chegados a este punto queremos compartir convosco unha dúbida que desde hai algún tempo róldanos a cabeza, e que é esta: explicamos, interiorizamos e compartimos suficientemente o profundo calado do cambio estratéxico que puxemos en marcha? Somos conscientes de que aquí e agora a nosa inmensa tarefa histórica é construír a gran maioría popular que declarará o Estado Vasco e construirá un modelo social alternativo?”