Matanzas fascistas en Noruega: O masacre dun cruzado

Matanzas fascistas en Noruega: O masacre dun cruzado

Publicado en Revolusjon! do 25/07/2011

(Trad.: Robert Neal Baxter. Actualizado e anotado polo tradutor)

Xa está confirmado: o atentado cometido o 22 de xullo no centro de Oslo que cobrou a vida de 8 persoas con 10 ferid@s graves e o masacre de 68 rapaces e rapazas reunidas/os no campamento organizado pola da Liga da Mocidade Traballadora (AUF), ala xuvenil do Partido Laborista, na Illa de Utøya non foi obra de fanáticos islamistas, senón dun tal Anders Behring Breivik de trinta e dous anos, empresario louro, masón conservador e ex-membro do populista Partido do Progreso (FrP) de centrodereita, que xa se declarou culpábel do crime.

Mesmo se resulta ser certo que o ataque foi obra de Breivik en solitario ou coa axuda dunhas cantas persoas máis, en ninguén caso se trata dunha lacra illada ou esporádica. Este crime supuxo moito tempo de preparación minuciosa, e nin as ideas que hai detrás, nin o método utilizado son invento do propio Breivik, claramente inspirado nunha serie de atentados sanguentos perpetrados por grupos terroristas cristofascistas nos EUA en contra de edificios federais, clínicas abortistas e outras matanzas en centros de ensino a mans de individuos.

Islamofobia e fascismo

Cada vez máis os indicios confirman o facto de que se movía nun entorno extremadamente reaccionario e islamófobo que utilizaba a rede e o sitio documento.no radicado en Noruega para diseminar o seu ideario. Para alén de se participaren activamente nos foros de debate nos medios virtuais habituais, utilizaban sitios como este para fomentar a xenreira e para se animaren mutuamente. Malia dicir ser antinazi e prosionista, existen indicios que vinculan Breivik con organizacións neonazis e coa organización de extrema dereita, a Liga para a Defensa de Inglaterra (EDL).

Xunto cun odio frenético cara aos musulmáns e ás musulmás e cara a tod@s @s 'humanistas marxistas' que defenden os dereitos d@s inmigrantes e d@s refuxiad@s, o medio no que se movía tamén axudara a construír desconfianza conspiratorial cara ao 'politicamente correcto' practicado oficialmente en Noruega, personficada polo goberno do país que supostamente actúa como maioría apisoadora face ás violentas declaracións 'nacionais' e 'patrióticas' de Breivik e os seus.

Fica claro que a escolla do campamento de verán na Illa de Utøya, a 50 km da costa de Oslo, como obxectivo do atentado respondía á política marcadamente antirracista da AUF, xunto coas súas relacións co centro do poder político.

Un cruzado en contra do islam e o marxismo

Segundo informou o xornal Dagbladet e a canle de televisión TV2, non hai tanto tempo, Breivik revelou os detallados do que pensaba facer na rede. Membro dunha loxa masónica, Breivik vese a si propio como un Templario, á cabeza dunha cruzada para combater o marxismo e o islamismo. Mais a pesar diso -ou talvez grazas a iso- nunca foi investigado pola axencia de intelixencia da policía (PST) que, tras centrar os seus esforzos tan intensamente nos grupos islamistas activos en Noruega ao longo dos últimos anos, deixou de se preocupar case por completo das redes racistas emerxentes. Segundo a policía e os peritos en terrorismo, os grupos islamófobos son 'moi diferentes' dos grupos neonazis violentos, pretextando que a distancia entre as declaracións violentas de Breivik e os seus actos era tan grande que non había razóns para sospeitar del. Unha explanación así non convence quen coñeza tan sequera un pouco estes grupos reaccionarios, sabendo que unha parte da comunidade neonazi mudou de aparencia para se tornar máis respectábel, mesmo até o punto de renegar da ideoloxía nazi se for preciso, co fin de cooperar con outros grupos denominados 'nacionais' ou para os infiltrar.

Se ben é certo que as opinións de Breivik representan o polo máis extremo, tamén é de lamentar que os 'patriotismo' noruegués e declaracións violentas en contra da comunidade musulmá se ouzan demasiado a miúdo na boca de noruegues@s 'normais', sobre todo durante cando andan de troula e algo bébed@s. Non se debe obviar que existe un potente trasfondo de actitudes racistas e xenófobas, sistematicamente fomentadas e exacerbadas polos medios de comunicación e pol@s polític@s de calquera bando, unha situación que se encetou co inicio da 'guerra sobre o terror' en 2001. De pouco serve barallar palabras 'inclusión' ou 'tolerancia' cando na práctica @s refuxiad@s en particular, mais tamén @s inmigrantes xa afincad@s, se afrontan a unha situación de criminalización e acoso por parte da policía. Para numeros@s refuxiad@s, esta 'tolerancia' maniféstase na forma de relocalizacións obrigadas e expulsións do país, a miúdo violando os principios humanitarios da ONU.

As actitudes da sociedade norueguesa non son máis que o reflexo do actuar real da elite política e a súa burocracia, fronte aos seus pronunciamentos e declaracións de intencións de cara á galaría.

O masacre debe servir de aviso

Hoxe se palpa o alivio entre @s inmigrantes e refuxiad@s de orixe non-europea que viven en Noruega, tras a tensión da incerteza que reinaba na primeiras horas naquel 22 de xullo após o estoupido da bomba colocada preto dos edificios gobernamentais e antes de se dar a coñecer o masacre da Illa de Utøya. Os editoriais, xa listos para o prelo, tiñan moi claro que se trataba dun acto terrorista cometido por extremistas islámicos. Os propagandistas do Partido do Progreso estaban afinando a súa estratexia mediática para tiraren proveito a situación co fin de arremeteren contra as persoas que buscan asilo e a comunidade musulmá en particular no seu afán de frearen o seu descenso nas enquisas acerca da intención de voto. Ao longo daquela tarde do venres sombrío sucedéronse as mensaxes cargadas de odio en contra dos musulmáns e das musulmás no Facebook e no Twitter. Só nos fica desexar que os seus autores e as súas autoras se atragoen coas súas propias palabras, retorcéndose de vergoña.

Xa que esta traxedia de proporcións inauditas aconteceu en realidade, é mellor que a perpetrase un cristofascista noruegués racista e non un xihadista aloucado. Este atentado racista baseado en preconceptos banalizados debería servir de aviso para a cidadanía, e talvez sirva de punto de partida dunha anovada presión política para acabar definitivamente cos grupos e comunidades fascistas que camuflan o seu racismo criminal sob a disfrace da 'ideoloxía nacional'.

Se non se erradican o racismo e o nazismo deseguido alí onde afloraren, seguirá habendo terreo fértil para agromaren cruzados fascistas e asasinos de masa como Breivik.