Marea de liberdade ou explosión controlada en Exipto?
Nas últimas semanas foi Túnez, agora Exipto e segundo parece tamén xorden importantes movementos de protesta no Iemen, Siria, Xordania e Arabia Saudí; a carestía da vida foi a espoleta pero neste momento o pobo xa reivindica a democratización de todos estes países, ou cando menos iso é o que nos transmiten os medios de información occidentais.
Si a evolución das protestas en Túnez que era considerado o estado máis occidentalizado do norte de África estrañou a case todos a súa propagación como un regueiro de pólvora a outros estados da rexión aínda supón unha sorpresa maior; e no caso de Exipto as repercusións do que poida acontecer serán fundamentais para occidente, xa que estamos a falar do maior aliado dos Estados Unidos na zona cun papel fundamental na súa estratexia de mantemento do artificial estado de Israel.
Moitos xornalistas e analistas sinalan que a extensión do movemento de protestas débese basicamente á existencia das novas tecnoloxías, sendo estas as que popularizaron e contaxiaron as loitas, de xeito que as mobilizacións iniciadas en Túnez foron case de inmediato coñecidas a nivel mundial, provocando así un efecto multiplicador do anceio de liberdade noutros estados veciños.
Non desvalorizando o papel da internet e das redes socias na publicitación externa das loitas e na posibilidade de favorecer a extensión das mesmas, hai que fuxir do papanatismo tan de moda actualmente que só busca aumentar o individualismo facéndonos crer que podemos e debemos prescindir das organizacións, dado que supostamente as novas tecnoloxías permítennos transformar o mundo e poñer en marcha unha revolución desde o sofá da nosa propia casa. Como me dicía hai uns días un compañeiro "...algúns pensan que con clicar eu vou nunha desas quedadas que tanto abundan nas redes socias xa fixeron a súa grande aportación ao futuro da humanidade."
A comprobación de que as novas tecnoloxías e o ciber-activismo non o son todo vese nas importantes mobilizacións realizadas nos últimos meses contra as medidas regresivas adoptadas polos gobernos en Grecia, Portugal, Franza, Irlanda ou Galiza, sendo nestes países europeos moito maior o acceso e popularización das novas tecnoloxías que en África non se produciu o efecto contaxio e non xurdiron mobilizacións espontáneas; foi unha vez máis o traballo de organización, informativo e mobilizador o que deu quitado adiante as protestas, co apoio nas novas tecnoloxías pero sen que estas pasaran a ser o instrumento fundamental.
En Túnez o labor da central sindical UGT foi básico na organización das protestas e no caso exipcio, aínda moi confuso, é probábel que grupos opositores con moita presenza como é o caso da Organización dos Irmáns Musulmáns teñan bastante que ver coa magnitude dunhas protestas que non xurdiron da nada; lembremos as fraudulentas eleccións lexislativas do 28 de novembro pasado que deixaron fora do parlamento á meirande parte dos candidatos dos Irmáns Musulmáns despois de ter acadado nas anteriores eleccións celebradas en 2005 un 20% de representación parlamentar.
Non podemos saber aínda como evoluirán estes movementos de protesta e si abrirán camiño cara gobernos soberanos e verdadeiramente comprometidos cos seus pobos ou serán aproveitados polo imperialismo para reforzar a súa influencia nunha zona estratéxica, deixando como resultado final das revoltas un simple lavado de imaxe cun cambio de peóns pero sen que se produzan alteracións na submisión aos ditados das potencias occidentais.
As declaracións da Secretaria de Estado Hillary Clinton pedindo a rápida transición cara unha democracia real e sobre todo a insistencia de Obama o sábado en reclamar a Hosni Mubarak que restitúa a posibilidade de que o pobo exipcio poida comunicarse vía internet e redes sociais e que concrete rapidamente cal vai ser a reforma política que este anunciou na noite do venres, fannos ver que están poñendo todos os medios para que esa revolta democrática non bascule cara parámetros incompatíbeis cos seus intereses.
Outro aspecto que chama moito a atención é a rápida entronización por parte dos medios de comunicación occidentais de Mohamed El Baradei como líder da oposición e única persoa capacitada para unir a todos os que están contra Mubarak. Si ben é certo que este diplomático exipcio, Director Xeral da Axencia Internacional da Enerxía Atómica entre 1997 e 2009 e Premio Nobel da Paz en 2005, mantivo enfrontamentos co presidente Georges W. Bush por mor das acusacións norteamericanas sobre as supostas armas de destrución masiva de Sadam Hussein, Mohamed El Baradei non deixa de ser un home do sistema que leva máis de 30 anos no estranxeiro e ao que até hai pouco apenas se lle coñecía participación activa na loita pola democratización do seu pobo.
Curiosamente en febreiro de 2010 anunciou a creación da Asociación Nacional para o Cambio, despois chama a boicotear as eleccións de novembro e o pasado xoves antes de partir para Exipto declara que "Se a xente o quere, e sobre todo os mozos, podo dirixir a transición. Non os vou deixar na estacada". Unha de dúas, ou é un visionario ou está moi seguro dos seus apoios internacionais.
En poucos días hanse producir novos movementos e veremos cara onde basculan as protestas, agardemos que non sexan outras revolucións de cores como as que os servizos de intelixencia norteamericanos provocaron nos países do leste europeo hai uns anos.