Máis unha vez: España, forte co débil, débil co forte...

Máis unha vez: España, forte co débil, débil co forte...

Gardar papeis, fotografías, documentos varios, retallos de prensa e similares ten algunha avantaxe. Teríaas todas se houbese un catálogo ben ordenado e disposto que facilitase a procura, mais soe acontecer que, cando unha busca algo que sabe positivamente que ten, porque o conservou, ese "algo" concreto négase a aparecer. O que agora vou comentar foi un achado casual, sen busca nengunha pola miña parte. Trátase dunha viñeta publicada o 19 de Setembro de 1989 en La Voz de Galicia, da autoría de Chumy Chúmez, que moito me chamou a atención e que malicio que hoxe non atoparía fácil publicación. Nela, un dirixente político, na mesa do seu gabinete, aparece moito empequenecido en comparanza cun terrorífico "ser" de mans-poutas agresivas, cunha "cabeza" rectangular presidida polo ollo divino. O "homiño", no "bocadillo" correspondente, fálanos así: "Gracias a nuestros esfuerzos España ya puede elegir libremente su dependencia económica entre Japón, Europa o los Estados Unidos". Nun canto da viñeta, esta complétase por un anxo da morte que exclama: "¡Al fin libres".

Quixo a casualidade que a tal viñeta me aparecese nas datas inmediatamente posteriores á visita do Papa a Compostela, visita dunhas horas que, colocadas como divisor do custo que ocasionou, dan, como xa foi denunciado, un cociente arrepiante. Mais, para alén das moitas consideracións críticas que a tal visita suscitou, houbo unha abdicación da soberanía que me chamou particularmente a atención e que causa un escándalo aínda non ben ponderado. Trátase de que Obradoiro, Catedral, prazas adxacentes e unha boa parte do Palacio de Raxoi, sede do Concello e doutras insititucións, pasaran a estar baixo xurisdición e mando da policía e servizos secretos do Vaticano. Imaxinemos que naquela Compostela tomada literalmente polas forzas de "seguridade" un cidadán ou unha cidadá fose detido-a arbitrariamente por aqueles novos vixiantes. ¿Ante quen reclamaría? ¿Quen ampararía o seu dereito á libre circulación? De modo e maneira que, por unhas horas ou uns días (preparativos incluídos) as autoridades civís estatais e autonómicas e, por suposto, as eclesiásticas, aceitaron, coa súa particular xenuflexión, o mando en praza dun Estado estranxeiro ou dun poder non civil como o vaticano. A humillación chegou ao mesmo recinto catedralicio, cando o arcebispo non puido dar o abrazo tradicional á imaxe de Santiago, con vista a que o Papa o imitase, porque lle foi impedido o paso pola policía ou corpo de escoltas deste, co cal o xesto habitual que todos os visitantes en Ano Santo realizan, altos dignatarios incluídos, non puido ser protagonizado por quen -segundo a propaganda interesada- viaxaba como "peregrino". Madia leva!

En moi poucas datas posteriores, o goberno español garda ominoso silencio sobre os crimes de lesa humanidade perpetrados polo homólogo marroquí nos acampados saharauís, nun ensaio de pre-xenocidio competentemente disposto pola neocolonia dos USA e declara estar á espera de coñecer a verdade do acontecido. De novo, entreguismo ao Imperio e á antiga potencia colonial, Franza, por parte dun Estado que se di soberano e que non "admite" (¡!) inxerencias na súa política exterior, a comezar por se poñer ben farruco cando algún dirixente autonómico tivo a ben estabelecer relación bilateral cun outro Estado.. Para acabar de rematar a obra macabra, non cumprirá recordar como España incumpriu flagrantemente os compromisos adquiridos coa súa ex-colonia, o Sahara, por non falarmos dunha ONU de papel ou de purpurina, absolutamente inane na esixencia de cumprimento de máis que vellas resolucións que instaban a celebración do referendum que endexamais se produciu. Ora, isto, aquí, ben perto de nós, non é máis que a face real do capitalismo mundial e das súas axencias. Entramentras, os portavoces máis altisonantes e vociferantes deste mesmo Estado español botarán sapos e cobras, nestas mesmas datas preeleitoriais en Cataluña, contra quen ousar solicitar a reforma da sacrosanta Constitución ou contra quen realizar un referendum testemuñal sobre o futuro político desta nación no Estado.

Forte co débil, débil e submiso co forte...: o espectáculo é penoso e reproduce aquela exacta humorada de Chumy, con máis de vinte anos de existencia.