Maioría abertzale para avanzar

Aumento do apoio ás formacións abertzales e retroceso do españolismo esa pode ser a lectura resumida do acontecido o 21 de outubro nas eleccións ao parlamento da comunidade autónoma vasca. Eses resultados non foron sorpresivos para ninguén pois os precedentes das eleccións municipais, forais e ao parlamento español celebradas o pasado ano e a percepción do ambiente social en Euskadi nos últimos meses xa marcaban o camiño cara unha hexemonía parlamentar das forzas abertzales.
Sendo fundamentais os datos cuantitativos e o triunfo dun PNV que sae reforzado despois de tres anos e medio dun goberno do PSOE con apoio inicial do PP, estes non poden agachar o elemento fundamental destas eleccións que non é outro que a irrupción de Euskal Herria Bildu no parlamento vasco con 21 escanos, unha nova opción electoral resultante dun intenso proceso de negociacións, debate e suma entre as distintas formacións abertzales situadas á esquerda do PNV; proceso aberto grazas á desaparición da actividade armada de ETA e aos cambios na actuación da esquerda abertzale froito da aprobación do documento Zutik Euskal Herria, e proceso que xa acadara en 2011 uns magníficos resultados nas eleccións municipais e forais de maio coa marca Bildu e ao parlamento español en novembro baixo a denominación Amaiur.
A actividade de EH Bildu no parlamento vasco vai ser fundamental no novo tempo que se abre, os seus deputados e deputadas poden ser o motor fundamental no camiño para dotarse dun novo marco, un camiño no que ademais o PNV deberá fiar moi fino tamén e avanzar chanzos nos seus posicionamentos dado que a importante presenza de EH Bildu nas institucións e o contraste de posicións pode facer que perda apoios no caso de manter actitudes contraditorias ou dubitativas.
E a nivel político a alianza EH Bildu ten dous importantes retos; por unha banda deberá en breve definir o seu futuro xa sexa con ese nome ou con outro, non debemos esquecer que o corpo maioritario da mesma achégaos o que coñecemos historicamente por esquerda abertzale, unha esquerda abertzale que aínda non conta cunha organización política que lle permita actuar á luz do día. É certo que Sortu foi legalizado como partido político o pasado 20 se xuño pero o adianto electoral impediu levar a cabo o calendario previsto de debate e estruturación partidaria e non é menos certo que segue a ter todos os focos do goberno español postos nel para buscar calquera escusa que lle permita proceder á súa ilegalización.
Sendo o outro reto a capacidade para manter e ampliar a presenza social combinando esta co labor institucional xa sexa de goberno ou oposición, como moi acertadamente escribía estes días o dirixente abertzale Joseba Permach “Por que o un non quita o outro. E por que o un é necesario para que avance o outro. E o un sempre ten que seguir sendo a rúa, que é onde verdadeiramente se gaña o poder social que logo se materializa nun momento dado tamén no outro, as institucións.”