Im-pe-ria-lis-mo


Esa é a denominación axeitada para o que os medios do sistema cualifican como “intervencións humanitarias”, “actuacións para a defensa dos dereitos humanos”, etc…, dá igual quen sexa o estado encargado de iniciar o ataque e non importa o punto do planeta no que ese ataque se produza.

Unhas veces será empregando grupos terroristas adestrados, armados e financiados por occidente, outras promovendo accións de desestabilización, as veces con rápidas operacións cirúrxicas executadas por comandos especiais que eliminan o obxectivo marcado; tamén temos asistido a supostas revolucións democráticas ás que se lles adxudicaron diversas gamas cromáticas ou nomes de froitas (rosas, laranxas, brancas, dos tulipáns…), e aínda resulta útil en ocasións o golpe de estado militar ao estilo tradicional.

Ese tipo de actuacións téñense producido en países moi distantes, con culturas, historias, economías e xeografías moi diversas; pero todas elas tiveron e teñen, un nexo común; ese nexo é o inmediato recoñecemento das novas autoridades por parte das potencias occidentais encabezas polo vixía que desde O Pentágono e a Casa Branca está sempre en alerta para defender os valores de occidente.

Cando aínda non sabíamos ben cal era a situación na Libia post-Gaddafi xa estábamos metidos de cheo na desestabilización de Siria; e hai uns días foi Franza a encargada de exercer o seu dereito de pernada de antiga potencia colonial e intervir en Mali ao igual que fixera hai perto de dous anos na Costa do Marfil. E non esquezamos que seguen aí Afganistán e Iraq dando algún desgusto de cando en vez.

Por contra semella non haber problema algún para que Marrocos ocupe o Sahara levando a cabo unha planificada política de exterminio, Israel vulnere todos os acordos internacionais sobre os dereitos do pobo palestino e empregue o sangue destes nas súas campañas electorais, ou Arabia Saudí sexa propiedade particular da familia Al Saud. E non falemos xa do ben que foron recibidos os golpes de estado executados en Honduras e Paraguay contra dous presidentes lexítimos nada sospeitosos de revolucionarios.

Neste tempo de manipulación do significado das palabras, no que para agachar o roubo fálase de crise, no que para enmascarar os recortes de dereitos dise que se opta pola austeridade, e no que ao escravismo chámaselle flexibilidade laboral non podemos deixarnos levar nós tamén pola mascarada.

Chamemos ás cousas polo seu nome e todas esas actuacións a nivel internacional teñen un nome IM-PE-RIA-LIS-MO.