Habemus Ministrum Primarium (por fin…)
Houbo que agardar o 11 de maio, case unha semana despois da votación, para sabermos quen ía conformar o novo panorama político do Reino Unido tras os comicios do día 5.
A inusitada demora radica no tamén insólito facto de un terceiro partido, os liberal demócratas (23%), ser chave para determinar con cal dos dous principais partidos políticos ía pactar para formaren goberno: quer cos neolaboristas do xa ex-Primeiro Ministro, Gordon Brown (29%), quer cos conservadores de Cameron (36'1%).
Esta situación de ter que formar maiorías multipartidistas, frecuente noutros países onde prevalecen sistemas de representación proporcional diferentes, resulta extremadamente inhabitual, pola contra, dentro do sistema electoral británico ('first-past-the-post') no que só se ten que acadar unha maioría simple para un partido saír eleito .
De facto, o último verdadeiro goberno de coalición data de 1931-1945, cunhas mudanzas internas importantes ao longo deste período. E, xa máis recentemente, o último pacto de goberno (o chamado "Lib-Lab Pact") que non durou máis que un ano cando o partido Liberal apoiou o goberno laborista fronte a unha moción de non confianza data de 1977.
É por iso que tardaron tanto, ao non teren o costume de exercer un talante democrático de negociación, habituados como están os dous grandes a partillaren a torta entre eles, para logo reinaren máis ou menos ao seu libre antollo até o final da lexislatura.
Sexa como for, despois da (merecidísima) dimisión de Brown e após as longas negociacións partidistas, a Raíña nomeou David Cameron Primeiro Ministro, facéndose o líder dos liberal demócratas, Nick Clegg, co flamante novo posto de Vice Primeiro Ministro.
Unha das eivas salientábeis que entraña o sistema electoral británico actual deriva da cantidade enorme de votos superfluos ('wasted votes') que ineludibelmente xera: nas xerais de 2005, por exemplo, 70% dos votos emitidos non tiveron ningún impacto sobre o resultado final. Mais desta disfunción democrática de fundo non se fala moito nos medios de comunicación.
Pola contra, un outro aspecto do sistema electoral do que si se nutren os comentaristas radica na reforma electoral que figura como un dos puntos do pacto de goberno, pasando do sistema electoral actual de maioría simple que favorece os dous grandes partidos, para un sistema baseado na votación preferencial ('alternative vote'), por ser esa unha reivindicación histórica do socio do goberno minoritario.
Se ben cabe recoñecer que urxe unha reforma do sistema electoral para corrixir o déficit democrático inherente ao sistema, tampouco se debería enganar ninguén: se os liberal demócratas a colocan como condición sine qua non para pactaren cos conservadores, non é por afán democrático abstracto -iso é, para garantir representación parlamentar para os partidos pequenos-, senón porque os favorece a eles, relegados até agora a unha representación residual por culpa do sistema actual.
Foi no día 12 cando os dous partidos publicaron as condicións do acordo bilateral do novo goberno de coalición nun documento de 11 puntos, o denominado Conservative-Liberal Democrat Coalition Agreement, que inclúe medidas de corte neoliberal non moi diferentes das que se lle acaban de ocorrer a Zapatero, no seu papel de fantoche dos 'mercados' (léase especulación e gran capital que ten por voceiro a UE) como recortes estruturais importantes para reducir o déficit e a débeda nacionais, a reforma da idade de xubilación e reformas nos subsidios do desemprego.
Cumpre dicir que estas decisións están matizadas por outras que procuran non alterar a pax socialis, aplicando medidas recadatorias a outros axentes que si desempeñaron un papel decisivo na xénese da crise, como son a propia banca (imposto sobre os bancos, regulamentación dos aumentos cos que se autorecompensan os grandes banqueiros pola súa brillante xestión económica-financeira...), que seguen a ser intocábeis segundo a lóxica improvisada do goberno 'socialista' de España. Algo é algo: non se pode pedir landras ao castiñeiro...
Aínda que a atenuación das medidas, que se prevían dramaticamente clasistas e antisociais nas mans dos conservadores en solitario, vén, de seguro, dos socios liberal demócratas, á fin de contas o que si fica claro é que estes preferiron pactar coa dereita e non co centro-'esquerda' do (neo)laborismo, partindo -como non pode ser doutro xeito- dunha maior confluencia ideolóxica.
Así, o número dous liberal do novo gabinete, Vince Cable, é o máximo representante do 'liberalismo económico' (léase 'neoliberalismo' a secas) dentro do Partido. O anterior pacto dos liberal demócratas cos laborista no 77 non durou máis dun ano. Talvez, a aproximación dereitista cos conservadores durará algo máis nesta ocasión, pois a estabilidade da coalición dependerá do grao de entendemento político e de acomodación ideolóxica. Noutras palabras: canto máis neoliberal sexa a postura de ambas as partes, tanto máis estábel e duradeira será a coalición... E iso está lonxe de supor un bo augurio, nin para o Reino Unido, nin para a Unión Europea.
Á fin de contas, a 'histórica mudanza política' que levan proclamando algunhas das partes implicadas non é tal: por un lado, á cabeza do goberno, no canto de ter que aturar o partido laborista de corte claramente neoliberal de centro (que non 'de esquerdas'), agora toca unha lexislatura de coalición neoliberal entre o centro-centro e a centrodereita, e trocando, por outra parte, o bipartidismo tradicional por un tripartidismo de consenso ao servizo do capital.
Talvez o único motivo de alegría nesta desfeita electoral radica en que a extrema dereita non conseguiu ningún escano. Mais, aínda así, suman 574.527 votos, sendo o British National Party (BNP) o quinto partido máis votado con 563.743 votos (1,9%), cunha lixeira alza de +1,2%, máis os 10.784 da National Front (NF). E, sen querer facer asimilacións fáciles, se a estes votos engadimos os 917.832 que recibiu a cuarta forza máis votada, o populista UK Independence Party (UKIP), situado radicalmente á dereita do taboleiro político, segue a haber motivos para se preocupar por este millón e medio de persoas que fican cada vez máis permeábeis ás mensaxes oportunistas da dereita populista, tendencia que ao parecer se está a impor no conxunto da Unión Europea.
Por outra banda, a pesar dunha lixeira baixada en termos porcentuais nalgúns casos, os nacionalistas mantéñense: o SNP, o sexto partido máis votado, mantense con 6 escanos e sobe en 0,1%; Plaid Cymru perde 0,1% mais gaña un escano, logrando 3 en total; e Sinn Féin tamén baixa en 0,1% a respecto das eleccións xerais anteriores, manténdose estábel con 5 escanos.
Para rematar, cumpre recalcar que algo menos que o pacto da nova coalición tardaron as reaccións que este xerou, destacando as protestas polo nomeamento dunha das catro (!) mulleres do novo gabinete (onde non son máis de 13,8%...), Theresa May, coñecida pola súa traxectoria política caracterizada pola homofobia, no cargo de Ministra para a Muller e a Igualdade.
Hai un refrán en inglés que di: "Start as you mean to go on". Esperemos que non sexa así.