Fronte á demagoxia, pedagoxía

Fronte á demagoxia, pedagoxía

Hai xa máis de douscentos anos, a Franza marcou a historia coa Revolución de 1789 e, tras decapitar o rei Luís XVI, tivo o bo senso de non cometer o mesmo erro que os ingleses, que deixaron volver a monarquía após a vitoria dos parlamentaristas e a execución de Carlos I un século antes, en 1649.

Oitenta e dous anos máis tarde, aló polo 1871, a capital francesa tamén prendeu un facho para a liberdade popular coa Comuna de París, a primeira vez que a clase traballadora se fixo co poder e onde as mulleres desempeñaron un papel fundamental.

Xa máis recentemente, a esquerda europea segue a ter no maio de 68 unha referencia histórica obrigada, fonte de esperanza onde xuntaron as súas forzas non só o estudantado, mais tamén @s traballador@s. Contrariamente tamén á idea falseada que transmite a historia oficial –como ocorre hoxe tamén nos medios de (des)información no caso da Turquía que falan constantemente de ‘indignados’– a sublevación popular non foi froito dun movemento espontáneo de masas desorganizadas, mais xurdiu en grande medida grazas ao labor de axitación política de partidos e grupos cunha clara ideoloxía política de esquerdas, entre os que destacaban grupos marxistas-leninistas como a UJC (ML) e o PCMLF.

Intelectuais a tomar un café e fumar un gauloise na Cidade da Luz á sombra da Sorbona ao son dun acordeón á beira do Sena: eis o bucólico clixé que se nos vende deste Estado que tanto admiran os francófilos, malia seguir empeñándose en manter colonias nos catro continentes aínda hoxe.
Así é por non coincidiren con esta imaxe que tanto conmoveron os recentes estoupidos de violencia reaccionaria e ultradereitista –por non dicir claramente neonazi– no berce dos dereitos do ‘home’ (sic.). As multitudinarias manifestacións en contra da nova lei do 18 de maio que permite que casen e adopten fill@s persoas do mesmo sexo dexeneraron nunha batalla campal e culminaron no (agradecido) suicidio diante do altar da catedral de Notre Dame do escritor e historiador fascistoide Dominique Venner, antigo membro da Organisation armée secrète (OAS), grupo paramilitar pro-francés durante guerra de liberación de Alxeria, como do tamén ultradereitista e etnista Groupement de recherche et d'études pour la civilisation européenne (GRECE). A mesma homofobia militante foi a protagonista dun recente golpe mediático ao irromperen na final masculina do Roland Garros membros do grupo que se fai chamar Hommen, en referencia ao grupo Femen de orixe ucraína e cun polo tamén na Franza que utiliza tácticas similares para reivindicar determinadas causas feministas e que tamén daría para falar.

,Especial mención merece o vil e covarde asasinato de Clément Méric, militante antifascista bretón de 18 anos, que morreu tras unha brutal malleira propinada por un grupo de matóns simpatizantes das Jeunesses nationalistes révolutionnaires (JNR) e Troisième Voie en plena rúa de París e en pleno día. Baixo o lema ‘nin esquezamos, nin perdoemos!’, o seu nome ficará para sempre gravado ao carón do de Pierre Overney, militante da Gauche prolétarienne de 24 anos, abatido por un gardián de seguridade dunha fábrica de Renault o 25 de febreiro de 1972. E non quero deixar pasar esta oportunidade para saudar desde aquí todos e todas as camaradas cuxas vidas, entregues á loita pola liberdade, foron arrebatadas polo fascismo e cuxos “ollos non ficaron cegados perante a morte”, segundo a consagrada frase de Louis Aragon.

Porén, en realidade non nos deberían sorprender acontecementos como estes, se exercitamos un pouco a memoria: hai pouco máis de dez anos, a Front National (FN) obtivo case 17% dos votos na primeira volta das eleccións presidenciais do 2002. Abofé que os case 5 millóns de elector@s que votaron neste partido abertamente xenófobo non desapareceron por arte de maxia do día para a mañá. Tamén me resulta difícil de crer que cambiasen radicalmente de idea neste curto período de tempo.

O discurso populista da extrema dereita nútrese da inseguridade e do medo que xera a crise económica e social (que para isto serve, entre outras cousas), chegando mesmo a se confundir a retórica de Marine Le Pen, oradora máis hábil que o seu pai, co discurso histórico do P‘C’F, tendo compartido ambos o lema común ‘produisons français’ (produzamos en chave francesa). De facto, hai políticos que migran facilmente entre estes extremos, pasando polo vaso comunicante da demagoxia populista, como Alain Soral, fundador do actual Égalité et Réconciliation, que se proclama ‘nacionalista de esquerdas’ ou ‘transcorrente’. Fíxense, de paso, na recorrente usurpación do termo ‘nacionalista’, xa non referido á emancipación dun pobo asoballado, mais sinónimo de ‘ultradereita imperialista, nacional-chauvinista’.

O rexurdir do cancro das camisas pardas, negras ou azuis non é, evidentemente, un fenómeno exclusivamente ou mesmo especialmente francés. Novos partidos abertamente ultradereitistas están a brotar e a se reforzar por toda a Europa, desde o Vlaams Belang (15% en Flandres) e Jobbik (12% en Hungría) ou a Lega Nord (23% en Lombardía), pasando pola propia FN francesa (18%), que acadan representación institucional a todos os niveis, incluído o europeo, sen falar dos outros moitos grupos claramente neofascistas ou neonazis como a Aurora Dourada grega e o Partido Nacional Demócrata (NPD) alemán.

Por que é, logo, que os grupúsculos ultras non conseguen saír tan facilmente da súa cloaca no Estado español e na propia Galiza? Pola mesma razón que apenas gozaron de vitalidade durante os mandatos de Thatcher no Reino Unido: simplemente non fan falta, que xa están no poder, aínda que sexa con outra careta. E non estou a caer na tentación de chamar ‘facha’ a calquera que sexa dereitoso, conservador, reaccionario e neoliberal. Mais acho que o que temos diante é, de facto, algo que cada día se asemella máis ao fascismo, entendido como autoritarismo centralizador e uniformizador, encabezado por unha oligarquía, sen capacidade real de decidir por parte da maioría social da clase operaria e as masas populares.

Os partidos que se autodenominan como de ‘centro(dereita)’ son a verdadeira antesala da ultradereita na Europa, ao permitiren que se vaian normalizando e tornándose socialmente aceptábeis posturas ideoloxicamente cada vez máis radicais, sobre todo manipulando temas como a inseguridade cidadá, a homosexualidade ou a inmigración, ligada hoxe por hoxe ao discurso antiislamita que comeza a callar en determinados sectores da sociedade. A liña divisoria que separa os partidos da Internacional Demócrata Centrista e da Unión Internacional Demócrata dos da Alianza dos Movementos Nacionais Europeos e, á súa vez, os partidos e grupos neofascistas e neonazis faise de máis en máis tenue e permeábel.

O Partido Popular, tanto na Xunta da Galiza como nas Cortes do Estado, apela aos resultados electorais como lexitimación ‘democrática’ da súa política, como se unha maioría absoluta fose unha carta branca para varrer dereitos laborais conseguidos despois de décadas de duras loitas populares, recentralizando o Estado sobre o modelo franquista e eliminando conquistas sociais como o dereito básico das mulleres a disporen do seu propio corpo, traéndoas trinta anos atrás, cando só podían aspirar a seren boas nais e esposas (enténdase, obedientes e caladiñas, sobre todo ante as malleiras).

O poder da extrema dereita reside na súa capacidade de lanzar mensaxes ultrasimplistas e populistas, erixíndose como alternativa ao sistema que tantos receos crea, pegando onda na vaga confusionista e reducionista de ‘todos son iguais’ que fomenta a desafección da sociedade coa política á procura de solucións fáciles.

O noso deber consiste en facer pedagoxía social para transmitirmos que na Galiza a solución á crise pasa a curto prazo, como a situación colonial a longo prazo, por acadar a soberanía nacional cara á emancipación social camiño do socialismo, desenmascarando asemade miraxes totalitaristas e autoritarias disfrazadas con postureos antisistema.

Como escandan @s camaradas turcos: Halkız, Haklıyız, Kazanacağız! (Somos o pobo, temos razón, gañaremos!), e por isto, xunt@s e con intelixencia, podemos facer realidade o grito: Non pasarán!