As eleccións presidenciais en Portugal
O domingo pasado deu comezo oficialmente a campaña para as eleccións presidenciais en Portugal, eleccións que se celebrarán o vindeiro día 23 nun país que atravesa unha situación moi complexa marcada pola grave crise económica, as medidas anti-sociais contidas no Programa de Estabilidade e Crescimento aplicado polo goberno de José Sócrates e a aprobación para o 2011 dun orzamento regresivo debido a un pacto que recibiu as beizóns do actual presidente Aníbal Cavaco Silva. Esta grave situación ten sido contestada pola clase traballadora portuguesa ao longo de 2010 con múltiples mobilizacións que tiveron o seu momento máis alto nunha folga xeral o pasado 24 de novembro que foi convocada conxuntamente pola CGTP-Intersindical e a UGT nunha unidade sindical que non se producía desde 1988.
A situación pode aínda agravarse no caso de que finalmente se concrete unha intervención sobre a economía portuguesa do Fondo Monetario Internacional, intervención coa que se leva ameazando desde ámbitos financeiros e políticos desde hai meses.
Seis son os candidatos que se presentan para ocupar nos vindeiros cinco anos o Palácio Nacional de Belém, sede da Presidencia da República Portuguesa, pero realmente tres centran a atención dada a importancia dos seus apoios políticos, o actual presidente Aníbal Cavaco Silva co apoio do PSD (Partido Social Democrata) e do CDS/PP (Centro Democrático e Social/Partido Popular), o socialista Manuel Alegre apoiado por PS (Partido Socialista) e BE (Bloco de Esquerda) e o comunista Francisco Lopes co apoio do PCP (Partido Comunista Português) e do PEV (Partido Ecologista-Os Verdes).
A candidatura de Cavaco Silva non amosa novidades salientábeis, busca a reelección e concentra todos os apoios da dereita deixando claro nas súas declaracións que está acorde co sistema neoliberal e co papel que lle adxudica a Unión Europea a Portugal como país de segunda; estes posicionamentos de Cavaco están na liña do que fixo como primeiro ministro polo PSD entre 1985 e 1995 cando levou adiante unha política de liberalización da economía, privatizacións de empresas estatais e afondamento na destrución das conquistas de Abril, unha destrución que fora iniciada polos gobernos do PS con Mário Soares como primeiro ministro.
A candidatura que se nos amosa como alternancia natural á de Cavaco Silva é a do socialista Manuel Alegre, quen foi deputado 34 anos e sempre presentado como o enfant terrible do PS que cos seus posicionamentos "críticos" permitiu aos socialistas portugueses manter a imaxe de ser un partido aberto á crítica interna impedindo que unha parte dos apoiantes do PS o abandonaran agardando un cambio liderado por Alegre. A súa non é unha candidatura nova, xa que nas eleccións presidencias de 2006 presentouse por libre e deu a sorpresa ao ficar por diante de Mario Soares, que naquel momento era o candidato apoiado polo Partido Socialista.
Alegre conta nesta ocasión cos apoios do PS no que milita e do BE, sendo esta coincidencia a maior novidade destas eleccións, unha coincidencia que non lles crea demasiado incomodo a uns socialistas afeitos a xogar con dúas barallas pero que si renxe en ámbitos bloquistas. O primeiro ministro socialista José Sócrates, no caso de gañar Alegre, cousa moi complexa segundo as sondaxes que se coñecen, podería presentalo como unha vitoria propia ao ser o candidato do partido, e no caso máis que probábel de recuncar Cavaco Silva ten a seguridade de que o discurso anti-PS cara a galería que fai quen foi líder do outro partido central do sistema á hora da verdade non lle vai crear demasiados problemas ao coincidiren os posicionamentos de ambos sobre todo no ámbito económico; sendo proba do bon entendemento a intervención de Cavaco para que se producira o pacto PS-PSD que permitiu aprobar o orzamento de 2011.
O Bloco de Esquerda renunciou nesta ocasión a contar con candidato propio, en 2006 presentara ao seu cooordenador o economista trotsquista Francisco Louça, sendo o primeiro en amosar o seu apoio a Alegre, co que levaban un tempo colaborando na idea de crear un novo espazo; pero a conversión de Alegre en candidato oficial do partido do goberno fai que se difumine o perfil de defensor dunha política alternativa nun candidato que deu varios balóns de osixeno ao goberno, negándose a apoiar a Folga Xeral do 24 de novembro, limitándose a considerala un "momento de grande significado sindical, político e democrático" e dedicando nas últimas semanas diversos eloxios ao primeiro ministro. Algúns xa consideran o apoio á candidatura de Manuel Alegre o maior erro político cometido por esta organización até o momento.
Desde que se anunciou a presentación do terceiro candidato, o dirixente do PCP Francisco Lopes, éste foi ninguneado polos medios de comunicación por ser unha persoa supostamente de baixo perfil que segundo os opinadores só respondía ás directrices do seu partido, sen posibilidades electorais e carente do prestixio e currículum dun Alegre ou dun Cavaco. Pero Francisco Lopes nunha intensa precampaña tense amosado como un político serio e alonxado do personalismo e do estrelato moi propio dos políticos do sistema, sendo ademais o cara a cara televisivo que mantivo con Cavaco Silva o de máis altura dos realizados.
O seu lema é Uma candidatura patriótica e de esquerda, presentándose como o único candidato sen hipotecas ao non contar entre os seus apoios con ningún dos partidos que teñen responsabilidade en ter chegado a esta situación e en aprobar as medidas que están a facer que a clase traballadora portuguesa e as maiorías sociais vexan agravada a súa situación coa perda de dereitos laborais e sociais.
A campaña de Francisco Lopes, cando se quere vender desde moitos ámbitos que os partidos políticos non sirven para nada, parte da súa reafirmación nunha militancia partidaria que non agacha en ningún momento; e ademais transmite unha clara mensaxe de denuncia dos responsábeis da actual situación e de valorización do importante papel que debe ter a figura da Presidencia da República como garante do cumprimento da Constitución de Abril, ao tempo que chama aos portugueses a non deixarse levar polo pesimismo e a resignación e comprometerse na loita contra as actuais políticas neoliberais e por "...um projecto de democracia política, económica, social e cultural, a um Portugal soberano e independente".