Ao pobo sahariano estáselle acabando a paciencia

Ao pobo sahariano estáselle acabando a paciencia

"As futuras xeracións serán violentas, a actual xeración moza está disposta a coller as armas e non ten nada que perder. En dez anos aquí vivirase un inferno. Isto ten que solucionarse depresa porque se nos vai das máns".

As palabras anteriores foron pronunciadas no Aaiun en outubro de 2006 cando dous galegos e dúas galegas conseguimos entrar na capital do Sahara para amosar a nosa solidariedade coa causa do pobo sahariano e entrevistarnos coa resistencia á ocupación marroquina.

Na reunión que mantivemos nun escuro cuarto dun bairro da capital sahariana, ao que chegamos despois de diversas maniobras para deixar atrás á policia que nos ía seguindo, os activistas de maior idade e algúns deles con experiencia na guerra amosaban a súa grande preocupación polo feito de que diante do esquecemento e da traición da comunidade internacional estaba penetrando cada vez con máis forza na súa mocidade a idea de que só co emprego da violencia a causa sahariana voltaría a ser tida en conta e aumentarían os apoios á súa loita.

Naquelas datas levaba xa máis dun ano activa a chamada intifada sahariana, un movemento de protesta xurdido no Aaiun pero rapidamente extendido a outras rexións como Dajla ou Smara; movemento de resistencia protagonizado fundamentalmente por mozos e mozas que saían ás rúas ondeando bandeiras do Sahara e esixindo o cumprimento das promesas feitas, a celebración do referéndum e o exercicio do dereito de autodeterminación.

Esas protestas foron respostadas polo rei alahuita Mohamed VI coa represión, aumentando a presenza de policias e tropas nas cidades saharianas, detendo e encadeando indiscriminadamente a mozos e mozas e intervindo como si de unha guerra declarada se tratara. Naqueles días nós puidemos comprobar directamente polos relatos dos nosos interlocutores e por fotografías que nos amosaron cal era o trato dado por Marrocos a quen se negaba a asumir a ocupación. E cando abandonabamos o Sahara no aeroporto tivemos oportunidade de coñecer directamente, no interrogatorio e no rexistro ao que fomos sometidos, a delicada diplomacia que empregan os servizos de seguridade marroquinos con aqueles aos que consideran inimigos.

Catro anos despois de ser pronunciadas esas palabras e diante da pasividade da comunidade internacional o rei de Marrocos trasladou a feitos o discurso pronunicado o pasado día 6 conmemorativo do 35 aniversario da gloriosa marcha verde, "...o noso país non vai permitir ningunha violación, modificación ou posta en dúbida da marroquidade destas zonas, nin calquera intento provocativo de impor un feito consumado ou cambio do statu quo...", e onte o campamento de Agdeim Izik, levantado a poucos quilómetros ao leste do Aaiun foi atacado polo exercito marroquino e desmantelado; neste momento non se sabe cantos mortos houbo e penso que nunca se saberá con certeza.

Este ataque marroquino contra o campamento de Agdeim Izik prodúcese cando se inicia unha nova rolda de conversas entre a Fronte Polisaria e o reino alahuita coa mediación da ONU en Nova York. Vese que Marrocos non ten moito interese en que esas conversas rematen nun acordo, pois de querelo non tería tomado a decisión de atacar violentamente o campamento sahariano.

Se as resolucións da ONU sobre o Sahara son papel mollado, se o referéndum non ten visos de realizarse porque os organismos internacionais non queren incomodar ao monarca, se as tropas da MINURSO presentes na zona miran para outro lado diante das violacións dos dereitos humanos, e se o ataque ao campamento de Agdeim Izik non ten unha resposta contundente que ninguén se extrañe de que un sector da mocidade sahariana estea cada vez con maior disposición a coller as armas e respostar a Marrocos coa mesma moeda.