Agora toca Libia


Hai un mes publicaba un artigo sobre as revoltas no norte de África no que amosaba a miña preocupación pola posibilidade de que aproveitando as xustas mobilizacións estiveran a producirse movementos tentando encamiñalas cara onde lle interesa ao imperialismo, e desgraciadamente algunhas das preocupacións que alí deixaba van collendo corpo.

O sábado o Consello de Seguridade das Nacións Unidas aprobou por unanimidade unha resolución na que ademais de impoñer un embargo de armas solicita á Corte Penal Internacional a apertura dun xuízo por crimes contra a humanidade ao ditador libio pola súa actuación diante das protestas que desde hai unas semanas se desenvolven no seu país, protestas que segundo os cálculos da propia ONU provocaron xa máis de 1000 mortos.

Nunha primeira impresión semella que esta decisión da ONU é unha demostración da capacidade do organismo internacional para intervir diante do que acontece neste momento na Libia, e moitos respirarán aliviados considerando que cando menos nesta ocasión a ONU actúa con rapidez; pero unha vez máis pode ser que as árbores nos estean impedindo ver o bosque.

É certo que a actual Jamahiriya Arabe Libia Popular Socialista, que é o nome oficial do país, non ten nada a ver coa doutrina contida no famoso libro verde escrito por Gadafi que circulou entre a esquerda e os movementos de liberación nacional de medio mundo nos anos oitenta do século pasado emulando ao libro vermello de Mao Ze Dong; libro verde que propoñía unha terceira vía entre o capitalismo e o comunismo, unha nova vía que misturaba elementos de socialismo, islamismo e nacionalismo. A pesar das grandes potencialidades que ten Libia debidas ás reservas de petróleo e gas natural de primeira calidade e a ser o país africano de maior nivel económico e social segundo os dados do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento o xeito de gobernar de Gadafi non ten nada a ver co que di defender e non hai diferenza coa actuación de outros ditadores da zona.

Debemos condenar as accións do réxime libio e amosar o noso apoio a todos aqueles que esixen un cambio democrático e unha mellora nas condicións de vida nese país, pero non debemos quedar só coa información superficial senón perguntarnos polas razóns do repentino interese por Libia, un interese que nos últimos días fixo desaparecer, ou no mellor dos casos pasar a páxinas interiores pares dos xornais, as mobilizacións nun Exipto ao que aínda non chegou a democracia e no que se levan contabilizado tantos mortos como na Libia que vén de ser denunciada por crimes contra a humanidade. E se falamos de Baréin despois do asasinato de pacíficos manifestantes por disparos do exército que todos puidemos ver na televisión o único que houbo foi unha petición da administración norteamericana de que tanto goberno como manifestantes deixaran de lado a violencia pois non interesa seguir mantendo os focos sobre o lugar no que está situada a quinta flota dos EEUU.

O pase de Libia ao primeiro plano non é casualidade, de entre os países da zona é o que mantén unha política exterior máis independente e aínda que neste momento as súas relacións coa UE e cos EEUU son moi boas uns e outros son conscientes de que tratándose dunha personalidade tan especial como a de Gadafi nunca se sabe o que pode acontecer mañá. E tampouco podemos atribuír a casualidades senón a tácticas planificadas de intoxicación mediática as informacións difundidas por medios de recoñecido prestixio sobre unha suposta fuga de Gadafi a Venezuela, sobre a existencia de máis de 10.000 mortos producidos pola represión exercida polos seus partidarios ou as imaxes de supostas execucións que é imposíbel verificar.

A decisión do Consello de Seguridade da ONU de denunciar a Libia diante dunha Corte Penal Internacional que varios dos países que participaron na votación, empezando polos EEUU, non recoñecen porque se negan a que ninguén poida xulgar aos seus propios militares non deixa de ser unha nova mostra da hipocrisía dun organismo que maiormente responde aos intereses do imperialismo, un organismo que só foi quen de presentar outra denuncia anteriormente por crimes contra a humanidade no caso das matanzas de Darfur.

E mira que non hai vulneracións dos dereitos humanos e crimes contra a humanidade aos que a ONU sigue dando a calada por resposta cometidos polas forzas norteamericanas e da OTAN en Iraq, Afganistán e Paquistán, por non falar do xenocidio dos pobos palestino ou sahariano.

Debemos denunciar os crimes cometidos por Gadafi e debemos amosar o noso apoio aos movementos libertadores dos pobos do norte de África, pero non debemos caer no engano; á UE e aos EEUU non os moven a actuar as razóns de carácter humanitario senón as económicas e xeopolíticas. Unha vez máis o imperialismo emprega a estratexia de poñer en primeiro plano ao ditador que quere eliminar mentres agacha aos que lle prestan un mellor servizo.