Ábrese un novo tempo no Curdistán
Cando hai un mes en Iruña escoitaba ao parlamentario curdo e responsábel de relacións internacionais do Partido Paz e Democracia (partido legal que representa ao pobo curdo en Turquía) Nazmi Gür valorar moi positivamente os avances acadados polo pobo curdo no Iraq e Siria ao tempo que anunciaba que non tardarían en producirse cambios en Turquía non podía imaxinar que esas palabras terían unha translación práctica ás poucas semanas.
O Newroz que se celebra co equinoccio de primavera supón o inicio do Ano Novo curdo sendo por tanto unha importante festa, pero nesta ocasión a súa celebración o 23 de marzo tivo unha transcendencia especial ao ser ese o día elixido polo líder e fundador do PKK Abdullah Öcalan para facer un chamamento ao cesamento do fogo da guerrilla que desde 1984 loita pola independencia da parte do Curdistán que está baixo dominación turca.
Coa entrada do novo ano semella que chega unha nova esperanza de paz e democracia para @s curd@s, se ben é certo que non estamos diante da primeira ocasión na que o PKK declara unha tregua unilateral; por contra, en catro ocasións anteriores as treguas da guerrilla curda foron respondidas con represión polas autoridades de Turquía.
Pero desta vez fontes de ambos bandos afirman que a cousa vai mellor encarrilada e que as discretas conversas que desde hai meses manteñen representantes curdos e turcos puxeron as bases para un diálogo serio.
E para que se producira este achegamento e a posterior declaración de Öcalan houbo elementos que foron tidos en conta e analisados por ambas partes, como son:
- Turquía está en proceso de elaboración dunha nova constitución e o primeiro ministro Erdogan precisa rematar coa inestabilidade creada polo chamado problema cos “turcos do norte” (nome que se lle dá en Turquía aos curdos, que son o 20% da poboación do actual estado turco) para poder presentar unhas credenciais democráticas diante dunha Unión Europea na que chama á porta desde hai anos sen dar conseguido entrar.
- Os curdos de Iraq contan xa cun goberno rexional que lles permite administrar o seu territorio e controlar parte dos seus recursos petrolíferos o que supón un importante apoio para o PKK.
- A crise siria está permitindo a creación de “zonas liberadas” nas que se empeza a constituír un goberno autónomo curdo, zonas que contan cun importante e interesado apoio das potencias occidentais que así debilitan a Bachar El Asad.
- Trinta anos de confrontación armada e máis de 40.000 vítimas fundamentalmente na poboación civil e que o seu líder estea na cadea desde 1999 están a provocar desánimo en sectores que apoian a causa curda pese a episodios de euforia como a dura a ofensiva guerrilleira do verán de 2012.
- Eses mesmos trinta anos de confrontación levan a sectores do exército e da intelixencia turca a considerar que é imposíbel unha vitoria total de ningún dos dous bandos dado o apoio ao PKK no seu pobo.
O Curdistán ten unha localización xeográfica estratéxica que ademais aumenta en moito o seu valor pola presenza de petróleo e auga no seu territorio; ademais a historia fixo que a loita deste pobo negado e dividido tivera unha evolución chea de contradicións e moitas veces con alianzas contra-natura. Hoxe mesmo podemos comprobar como aos protagonistas directos do conflito únense EEUU, Israel, Rusia ou a propia Unión Europea que actúan co único interese de protexer os seus intereses xeoestratéxicos, e moitos poden sorprenderse de que os mesmos que noutros ámbitos impiden procesos de autodeterminación aquí convértense en “defensores” dos dereitos nacionais do pobo curdo.
Non sabemos se este quinto cesamento unilateral do fogo da guerrilla do PKK vai ser o definitivo pero é innegábel a alegría do pobo curdo diante desta tregua.