A vinganza e o castigo nunca poden ser xustiza
15 de xaneiro de 2014 (23:00 h.)
O pasado 28 de decembro o colectivo de presos, Euskal Preso Polítikoen Kolektiboa (EPPK), fixo público un comunicado que supón un gran paso de cara a romper o inmobilismo do Goberno, rematar coas medidas de excepción como a dispersión e solucionar o conflito, ao asumir toda a súa responsabilidade e abrindo a porta a unha saída graduada e individualizada para que a súa volta a casa se efectúe por medio de canles legais.
Ademais de ser unha recomendación do Foro Social, este paso era unha esixencia tanto do Goberno Español no Plan de Reinserción presentado polo ministro do Interior en 2012, como do Goberno Vasco de Urkullu no programa Hitzeman do seu Plan de Paz e Convivencia. Daquela dicían que valía con que de forma individual rechazaran a violencia e se desvincularan de ETA, que o perdón non sería necesario para desactivar medidas como o arredamento e outras aplicadas a este colectivo, que incumpren incluso a súa propia legalidade e vulneran os dereitos humanos, como se puido comprobar no fallo do Tribunal Europeo sobre a chamada doutrina Parot, pero agora vese que son insaciables porque hoxe non se acordan daqueles programas e aínda lles piden mais pasos. Incluso antes acusaban a ese colectivo de chantaxear aos presos para impedirlles a busca de solucións individuais, pero neste momento din que que non sirve e que non vale para nada.
É curioso que esta iniciativa fose valorada polo PSE como un avance substancial e sen embargo o Goberno Vasco, na vez de esixirlle pasos a outra parte, diga que non pode quedarse nunha declaración illada. Si ten valor, vai ser por unha serie ulterior de pasos, tamén unilaterais, na mesma dirección do desarme e a desaparición definitiva de ETA, pero ao PNV pásalle como algúns seareiros das nosas equipas de fútbol que apoian as que veñen de fora. Eles fano polo auto-odio do colonizado que lles inculcaron desde nenos, pero o PNV faino por intereses de clase e sempre acabaron pasándose ao outro bando. Na historia sobran exemplos como as negociacións de Alxer; as do santuario de Loiola (xa co PP no Goberno) e que o pasado 15 de maio coa súa vergoñenta abstención se aprobara que non existen no País Vasco (nin no estado español), presos políticos cando Amnistía Internacional considera como tal a un membro dun grupo político armado ao que se acusa de traizón ou ‘subversión’ e cando hai mais de 200 vascos ameazados pola súa actividade política ou que están sendo xulgados en macro-xuizos como o das “Herrikos”que se está celebrando estes días en Madrid. Doutores terá ese centenario partido que nos poidan explicar que tipo de presos son Arnaldo Otegi, Sonia Jacinto, Rafa Díez e os seus compañeiros, encadeados por iniciar este proceso de paz que levou a paralización da loita armada por parte de ETA.
Xa me dirán eles si non é persecución política cerrar a páxina web Apurtu, deter e incomunicar aos seus responsables, algún dos cales pasou mais de 18 meses en prisión, para que agora se arquive a causa porque non hai elementos dabondo para levar a xuízo. Pero o mais grave é que non se trata dunha excepción senón da norma que aplica o Estado, xa que o antigo Tribunal de Orden Público, chamado agora Audiencia Nacional, ven de pechar Ateak Ireki baseándose nun informe no que a Garda Civil afirma que esta web era a continuadora da censurada Apurtu. Haber si me atan esta mosca polo rabo.
O Goberno do PP non da puntada sen fío e, coa intención de romper o proceso, o pasado día 8 detiveron aos avogados do colectivo de presos, mais de media hora despois de anunciar aos medios de comunicación as detencións que aínda non levaran a cabo, acusándoos de integrar un grupo de coordinación que permite a ETA controlar o colectivo para que non se poidan acoller a beneficios penitenciarios ou a reinserción individual e de organizar a rolda de prensa do día 4 en Durango na que 74 ex-reclusos apoiaron a decisión dos seus compañeiros en prisión de rechazar a violencia e aceptar a legalidade penitenciaria, o que dá a entender que desde Madrid querían mellor que a apoiaran e que non renunciaran a ela. O caso é vingarse e castigar a quen non fai o que eles queren e, si despois de varios meses de castigo un xuíz arquiva o caso, sempre poderán dicir que polo seu error deulles tempo a destruír as probas. Así é a “marca España” de ignominia, mentiras e intoxicación.
Solo en estados nos que se condenan os sentimentos mais humanos e ser solidario con certos amigos, veciños ou familiares, constitúe un delito é necesario apuntalar o sistema afirmando solemnemente nun parlamento que non existen presos políticos porque estamos nun Estado de Dereito, mentres andan soltos tantos ladróns que gobernan as institucións; como si ese Estado de Dereito se conseguira con pomposas declaracións oficiais e non houbera que ter en conta os xuízos irregulares, as acusacións de tortura que ten por parte de organismos internacionais ou os indultos e ascensos aos torturadores. Negan a súa existencia e sen embargo o Estado non trata aos presos de ETA como presos comúns e aos que, despois de cumprir a condena imposta por sentencias firmes, se lles seguen aplicando medidas excepcionais para que non recuperen os dereitos que lles corresponden. Eles saben que esas declaracións institucionais non concordan co sentir da gran maioría do pobo vasco; dan por perdido o seu arraigo social en Euskadi en favor da caverna española e por iso o tribunal de excepción prohibiu a manifestación do pasado día 11, convocada pola iniciativa cidadán Tantaz Tanta (Gota a Gota).
Non se atreveron a prohibir a seguinte na que apareceron carteis que dicían Ezkerrik asko, Velasco (Moitas grazas, Velasco), pois a prohibición dese xuíz fixo que a sociedade vasca se unira aínda mais na defensa dos dereitos dos seus compatriotas presos, que se uniran nesa reivindicación democrática a maioría sindical vasca e incluso o PNV, que non apoiaba a primeira convocatoria, para non perder conexión coa súa militancia viuse obrigado a dicir que xa era hora de dar un puñazo na mesa e decidiu apoiar a manifestación mais grande da historia de Euskal Herria, que contou con mais de 130.000 persoas baixo o lema Giza Eskubideak, Konponbidea, Bakea, mais reivindicativa tamén que a anterior, xa que nesta última esixíanse dereitos humanos, resolución do conflito e paz ao Goberno central, para que non siga o paso da oca daqueles que buscan que perdure a vinganza e infrinxir mais sufrimento coa miserable intención de tornar a aqueles tempos pasados polos que tanto suspiran e nos que Fernando Savater se divertía moito, ou como este conto da leiteira en plan depresivo que escribiu Javier Caraballo el El Confidencial: Porque, como ocorre en Cataluña, no País Vasco tampouco é ilegal defender a independencia e o dereito a decidir; o que convertía en ilegais esas proclamas eran os asasinatos, pero sen pistolas, sen una banda terrorista detrás, non existe delito... que probablemente a banda terrorista presente a disolución e entón xa non hai debate. A apoloxía do terrorismo acábase e solo queda a reivindicación política. Toda unha declaración de mala baba e peores intencións. Que sigan creando independentistas dese xeito, pero que esquezan toda ilusión de volta ao pasado, que os seus medios de comunicación deixen de alimentar o monstro que crearon e que sementa tanto odio, que non intenten vendernos como xustiza a vinganza e o castigo que envilecen a quen os practica e dignifican a quen os sufre sen arrogancia, humildemente, pero con decoro.